Temos Presidenta

Ana Pontón. / BNG
​O 18 de febreiro ábrese certamente unha oportunidade histórica para o país, para construír outro país.

Tivemos un primeiro Presidente da Xunta de Galiza na II República que non o puido ser pola barbarie fascista do 36. Chamábase Castelao. Morreu no exilio en Bos Aires en 1950, presidindo o Consello de Galiza, unha especie de goberno galego no exilio, unha institución creada en 1944 e integrada por varios deputados elexidos nas últimas eleccións democráticas celebradas antes do levantamento fascista.

Tivemos outros presidentes da Xunta que tampouco puideron chegar a exercer ese cargo pola falta dun Partido Galeguista reorganizado durante a ditadura e preparado para liderar a Transición política e o posfranquismo con toda a lexitimidade que lle daba a esas siglas históricas o seu papel decisivo para a aprobación do Estatuto de Autonomía plebiscitado o 28 de xuño de 1936. Estou a falar de personalidades como Antón Alonso Ríos, Bibiano Fernández Osorio e Tafall, Ramón Martínez López, Lois Tobío, Ricardo Carvalho Calero ou Valentín Paz-Andrade. Pero naquel momento político nin o piñeirismo nin o nacionalismo galego organizado soubo calibrar a importancia simbólica que tiña para o país colocar xa na Presidencia da Xunta da Galiza preautonómica, en 1978, unha figura que representase o galeguismo e o nacionalismo dos tempos da República. Esa preocupación e ese traballo non existiu, e ese posto finalmente sería ocupado por un deputado da UCD,  Antonio Rosón, que desempeñara importantes cargos na Falange e no franquismo.

Tras as primeiras eleccións ao Parlamento galego, en 1981, tivemos tres persoas de grande perfil político para presidir o primeiro Goberno galego da Autonomía: Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira e Carlos Mella. O primeiro estaba a saír aínda dunha profunda crise persoal e nin sequera militaba en ningún partido cando se constituíu o primeiro Parlamento galego, o segundo non tiña tras de si a organización e o corpo social e electoral que se precisaba para tal obxectivo político, e o terceiro, Carlos Mella, acababa de entrar nun partido de ámbito estatal que aínda por riba quedou por debaixo de Alianza Popular nas eleccións autonómicas. Tanto Beiras como Nogueira puideron ocupar a Presidencia da Xunta nos anos oitenta ou noventa de contar o nacionalismo galego con outro apoio electoral e cunha unidade orgánica e unha estratexia común para actuar dentro do marco autonómico, que non houbo. E Carlos Mella podería selo de quedar a UCD por riba de AP nas primeiras eleccións autonómicas. Calquera dos tres tiña categoría política para presidir a Xunta de Galiza.

Xa na primeira década deste século puido ser igualmente un moi bo Presidente do goberno galego Anxo Quintana de non estar o nacionalismo galego en crise permanente durante demasiados anos e de traballar activamente como unha organización unida, con todo o seu corpo militante co que contaba antes da Asemblea de Amio. Mais non foi posíbel e pouco importa xa quen cometeu máis erros. De calquera maneira segue pendente de facer un balance político da etapa do bipartito e unha valoración da figura de Anxo Quintana, e cando se faga darémonos conta de que a época do bipartito foi un período no que houbo un goberno cun proxecto de país e de que nunca até entón o nacionalismo galego da posguerra foi tan útil ao conxunto sociedade.

Desde entón, desde o 2009 até o 2020, o BNG, obxectivamente, non tivo a máis mínima posibilidade de poder optar a presidir a Xunta, porque foron anos de constante reconstrución da casa común do nacionalismo. Unha cousa é presentar formalmente unha persoa como candidata á Presidencia da Xunta sabendo de antemán que non existen opcións reais de poder optar a ese cargo -como lle sucede agora a Podemos, a Sumar e ao PSdeG-PSOE-, e outra moi distinta é ser unha forza política con posibilidades reais de liderar o goberno galego, que é o que neste momento é o BNG.

Acaba de poñermo hai uns días nunha mensaxe o noso benquerido amigo Xosé Deira, que foi Alcalde de Boiro e para min será sempre un deses alcaldes que nos gustaría ter en todos os concellos de Galiza: “Temos Presidenta. Só falta que o pobo o referende”. Como quen di:  “Temos un Estatuto de Nación. Só falta que o pobo o referende”. Efectivamente, o BNG ten hoxe á súa fronte unha muller de grande estatura humana, ética e política para liderar un país moderno, diverso e plural, unha sociedade que desexa unha Galiza distinta, que mira ao futuro con ilusión e que ve con admiración, con entusiasmo ou cando menos con enorme simpatía e expectación a figura de Ana Pontón Mondelo.

O 18 de febreiro ábrese certamente unha oportunidade histórica para o país, para construír outro país. O “efecto Pontón” xa se demostrou en 2020 cando o BNG pasou de 6 a 19 deputados e deputadas no Pazo do Hórreo. E todo indica que na circunstancia política actual o éxito electoral do Bloque Nacionalista Galego será aínda moito máis rotundo. O cambio de ciclo político xa está en marcha e medra día a día.

Si, temos Presidenta, e as persoas que sempre fomos moi conscientes das oportunidades que perdeu este país desde os tempos da II República e dos presidentes da Xunta que puido ter Galiza en diferentes momentos históricos, agora estamos vivindo a grande ilusión política da nosa vida: que por fin o noso país, Galiza, teña á fronte do seu goberno unha persoa que leva no seu corazón e na súa mente o compromiso feminista de todas as mulleres que a precederon e os ideais polos que tanto e tan xenerosamente loitaron nacionalistas, galeguistas e demócratas desde os tempos das Irmandades da Fala. O que vai vivir Galiza o 18 de febreiro é moi grande! @mundiario