#taméneu, de María Xosé Porteiro, preséntase na Casa das Mulleres Xohana Torres, en Compostela

María Xosé Porteiro. / Mundiario
María Xosé Porteiro. / Mundiario
“Estamos a vivir unha revolución feminista, que non unha guerra, que mudará para ben a nosa civilización”, salienta esta escritora e xornalista, colaboradora de MUNDIARIO.
#taméneu, de María Xosé Porteiro, preséntase na Casa das Mulleres Xohana Torres, en Compostela

A escritora Marilar Aleixandre e a xornalista María Méndez presentarán o mércores 16, #taméneu, versión galega de Me too, título da nova publicación de María Xosé Porteiro na que recolle setenta e sete traballos xornalísticos de opinión sobre a axenda feminista coma os feminicidios, a linguaxe sexista, as multidiscriminacións de colectivos coma as mulleres con síndrome de Asperger, a trata e tráfico de mulleres para a prostitución, ou o aumento da violencia sexual.

A autora considera que estas situacións confirman que “estamos a vivir unha revolución feminista, que non unha guerra, que mudará para ben a nosa civilización”.

No decurso da súa traxectoria, María Xosé Porteiro –colaboradora de MUNDIARIO– recibiu senllos recoñecementos polo seu labor a prol do feminismo, en 2019 co premio 1º de maio de CCOO, e en 2020 co Ernestina Otero, da Comisión das mulleres do concello de Vigo.

Desde 2017, María Xosé Porteiro dirixe o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura (CDIF-CCG) e nesta xeira participou en numerosos estudos e investigacións desde a súa comisión de Igualdade.

A edición de #taméneu correu a cargo de LAR_libros, que inaugura así unha colección de opinión. Nesta publicación de María Xosé Porteiro salienta na portada, coas cores identificativas do feminismo, unha imaxe en branco e negro do fotógrafo Víctor de las Heras dunha manifestación na Praza da Constitución, en Vigo, en 1983. @mundiario

Comentarios