Sumar e Podemos favorecerán a maioría absoluta de Alfonso Rueda o 18-F

Sumar Galicia
Dirigentes de Sumar Galicia.
As constantes desputas, a case ausencia de estrutura orgánica, a idiosincrasia centrista de Galicia e a dureza do sistema electoral desembocarán nun novo fracaso das forzas á esquerda do PSOE.
Sumar e Podemos favorecerán a maioría absoluta de Alfonso Rueda o 18-F

O 18 de febreiro de 2024 terán lugar as duodécimas eleccións ao Parlamento de Galicia. Previsiblemente o PPdeG obterá unha axustada maioría absoluta, ben en solitario ou coa axuda dos localistas de centrodereita de Democracia Ourensana (DO). Na actualidade, os populares, que levan en San Caetano dende 2009, teñen 42/75 escanos. As últimas enquisas dan en torno a 39/75 escanos aos de Rueda.

Neste artigo centrareime na errónea estratexia de Sumar e Podemos, cuxos dirixentes ven as súas organizacións como complementarias do cambio respecto a PSOE e BNG, pero o único que van lograr se se presentan en solitario é un fracaso absoluto: 0/75 escanos e maioría absoluta para o centrodereita.

A intención de Sumar e Podemos parece que vai ser a de presentarse e, por riba, por separado. Se ben xa era un “estorbo” para PSOE e BNG que houbese unha coalición ampla e integradora de Sumar, se xa estes últimos e Podemos van por separado a estratexia é completamente suicida en termos políticos, afectando negativamente os intereses de Pontón e de Besteiro.

Por que son tan realista-pesimista respecto aos posibles resultados de Sumar e Podemos?

1) Ambas forzas carecen de solidez organizativa: teñen moi pouca militancia e presenza territorial e, no caso de Sumar, son unha sopa de siglas. Non teñen nin candidato no momento de escribir este artigo. Alén diso, as constantes loitas internas, xa sexa en Galicia ou en Madrid, lastran totalmente as súas posibilidades.

2) En segundo lugar, Galicia é unha Comunidade Autónoma centrista (4,82/10 no eixe esquerda-dereita: CIS de 2016). Non é tan de esquerdas coma Euskadi ou Catalunya. Se a socioloxía política viguesa (a cidade galega máis esquerdista) tivese o seu reflexo no conxunto de Galicia, si tería sentido unha candidatura de esquerda alternativa non nacionalista, pero a media sociopolítica galega diverxe da viguesa.

3) O PPdeG controla a gran maioría de medios de comunicación da Autonomía, alén de ter o poder institucional galego.

4) O sistema electoral galego é provincialista (non ten circunscrición única), existe unha barreira dun mínimo do 5% para acadar representación, aínda que en Lugo e Ourense sobe aproximadamente ao 7,15% por unha cuestión aritmética ao ter menos escanos (14 cada unha). Ademais, estas dúas últimas provincias, onde é máis difícil obter representación, son as máis conservadoras.

5) No caso específico da provincia de Ourense, os localistas de centrodereita de Democracia Ourensana volverán presentarse, como xa o fixeran en 2016. Se ben a principal fonte de caladoiro dos de Jácome será o PP, os ourensanistas tamén pescarán na esquerda. Ademais diso, por unha cuestión meramente matemática, cantas máis forzas se presenten e obteñan representación, máis votos haberá que obter para ter unha porcentaxe mínima de representación.

6) Cando en xullo de 2020 tivemos as undécimas eleccións na historia da Autonomía, Galicia en Común-Anova-Mareas presentábase como a herdeira de En Marea, coalición galeguista de esquerdas que en 2016 acadara 14/75 escanos. O resultado da esquerda non nacionalista foi de 0 escanos e un 3,94% dos votos.

Supoñamos que GeC-Anova-Mareas era o continuador de En Marea. Se partindo de 14 escanos baixaron a 0, realmente é posible agora obter representación partindo de 0 escanos?

7) O BNG vive o mellor momento sociopolítico da súa historia e o PSdeG ten o primeiro candidato unificador dende a marcha de Touriño en 2009: falo evidentemente de Gómez Besteiro. Dificilmente Sumar e Podemos poderán arañar moitos votos procedentes destas formacións.

8) Galicia ten o paradoxo de xirar lixeiramente á esquerda (cada vez máis), como antes sinalaba, e de ser testemuña dun dominio das forzas vermellas en número de votos desde 2014 cando se celebran comicios non autonómicos (salvo nas Xerais de 2016). Pero dos 42 anos de Autonomía AP/PP estivo ao mando da Xunta en 36. En parte iso débese ao perfil moderado e centrista do PPdeG (a diferenza, por exemplo, do liberal-conservador, antinacionalista periférico e “cayetano” PP de Madrid), en contraposición ao perfil marcadamente esquerdista ou galeguista dos seus contrincantes: o sanchista e federalista PSdeG, o “case” independentista e posmarxista BNG, máis os neocomunistas plurinacionais de Sumar e Podemos. Ademais, Vox é case inexistente na nosa terra, un feito que favorece aos populares. O que quero dicir é que se Sumar e Podemos se presentan en solitario, abren a porta ao PP ao argumento de “desgoberno dun tetrapartito radical”.

Se nos fixamos ben, o mesmo que sucede en Galicia pasa, pero á inversa, en Castela-A Mancha: nesta rexión, socioloxicamente de centrodereita, o PSOE ten gobernados 36/40 anos da Autonomía. Non obstante, estamos a falar dun PSOE marcadamente centrista/felipista e españolista cuxos rivais son un PP máis dereitista e Vox, ao que sumamos a ausencia parlamentaria de forzas de esquerda alternativa.

Dados estes argumentos, vese claramente cal vai ser o resultado de Sumar e Podemos, ben xuntos ou xa non digamos por separado: un fracaso absoluto.

Por outra banda, a finais de novembro de 2023 existiu a nivel xornalístico o rumor de que Sumar puidese ir en coalición electoral co PSdeG de cara ás próximas eleccións autonómicas. Dende Sumar Galicia descartaron a existencia de calquer comunicación formal cos socialistas, así como a suposta eficacia dita proposta, argumentando que “hai xente que só vota a Sumar ou non vota”. E é certo. Agora ben, partindo de que Sumar e Podemos (xuntos ou separados) sacarán en torno a un 3%-4% dos sufraxios, hai tamén bastantes votantes dispostos a dar a súa confianza a PSOE ou BNG, no caso de que os de Díaz e Belarra non se presenten. Por tanto, que é mellor: “tirar” ese 3%-4% de votos ou salvar parte desa cantidade concentrando o sufraxio noutras candidaturas?

Se eu fose estratega de Sumar, faría o seguinte:

- Ir en coalición co PSdeG en Lugo e Ourense, máis non acudir en Pontevedra nin na Coruña, o que equivalería a 2/75 escanos: por outra banda, o que aproximadamente obterían Sumar-Podemos en coalición nunha circunscrición única e proporcional. Logo, poderían pasar ao Grupo Mixto e manter a súa autonomía política.

- A cambio, no suposto de que a esquerda sume 38/75 escanos, esixiría a PSOE e BNG unha reforma electoral para situar a barreira no 3%, ademais dalgunha consellería.

En antepenúltimo lugar, o PPdeG transmite signos de esgotamento despois de 15 anos no poder, pero sen unha alternativa sólida e ilusionante o cambio non chegará a Galicia. E se o hai, será moi axustado, coma en 2005. Para que PSOE e BNG ou PSOE-Sumar e BNG cheguen a 38/75 escanos terían que aceptar que haberá maioría absoluta do PP en Lugo en Ourense (8-6, respectivamente), gañar pola mínima na Coruña (13-12) e conseguir un gran triunfo na esquerdista provincia de Pontevedra (13-9).

En 2005 os partidos entón liderados por Touriño e Quintana conseguiron 38/75 parlamentarios entre os dous a pesar do 0,92% de voto vermello “tirado” entre EU-IU e FPG.            Posiblemente en febreiro Pontón e Besteiro non alcanzarán maioría absoluta a pesar de que Vox ou mesmo DO queden fóra do Hórreo. E, fundamentalmente, debido á errónea estratexia que van levar a cabo Sumar e Podemos, tanto para eles mesmos como para os seus aliados de PSOE e BNG.

Por último, non toda a responsabilidade dun posible fracaso da esquerda estaría en Sumar-Podemos, senón tamén na incapacidade de socialistas e nacionalistas de mobilizar de cara aos comicios autonómicos a sectores progresistas da poboación que si participan cando hai eleccións xerais. @mundiario

Comentarios