A suba do salario mínimo supón un avance laboral, social e económico incuestionable

El secretario general de UGT, Pepe Álvarez. / UGT
El secretario general de UGT, Pepe Álvarez. / UGT
Co acordo sobre o SMI, xunto co da reforma laboral e o de pensións, ponse de manifesto que a loita sindical acaba dando os seus froitos.
A suba do salario mínimo supón un avance laboral, social e económico incuestionable

Acabamos o 2021 e comezamos o 2022 con acordos moi importantes para o noso país: o acordo sobre a reforma laboral, o acordo de pensións e o acordo para que o SMI suba ata os 1.000 euros ó mes en 14 pagas con carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro.

Con esta mellora do SMI avanza a sociedade. Supón un avance laboral, económico e social incuestionable que beneficiará a tres millóns de traballadores e traballadoras en todo o Estado, preto de 90.000 en Galicia.

Vai supoñer un incremento do 3,6% respecto ó 2021, cando o SMI era de 965 euros. Un aumento inferior sería incomprensible cun crecemento da economía e o emprego significativos, con beneficios récord para as empresas e cunha taxa de inflación por enriba do 6%. Polo que a suba acordada co Goberno é máis que razoable, asumible polas empresas e que vai na liña do que nos demanda a UE para a mellora dos salarios, en termos xerais, en España.

Non se pode esquecer que este país aínda se mantén á cabeza de Europa en canto a desigualdade económica e risco de pobreza para as persoas traballadoras. E a crise motivada pola pandemia é un obstáculo máis que hai que salvar con todos os instrumentos que estean nas nosas mans, como a suba do SMI, para que ninguén quede atrás, porque este acordo vai beneficiar ós que teñen peores condicións laborais, os máis precarios, sobre todo, as mulleres e os máis mozos.

Todo isto, aínda sendo conscientes de que se trata dunha contía escasa, pero paso a paso, hai que ponderar o conseguido que non foi fácil coa dereita política e económica presionando con mensaxes sobre hipotéticos efectos apocalípticos difundidos durante décadas sobre a suba do SMI e que a realidade, os feitos e as estatísticas se encargaron de desbotar.

Nos últimos seis anos o SMI pasou de 655 a 1.000 euros e non se destruíu emprego, todo o contrario, porque a recuperación dos salarios sempre xoga a favor das empresas e da propia economía porque cando os traballadores de menores rendas contan con máis liquidez sempre se incrementa o consumo, porque se concentra en adquirir bens básicos e favorece, polo tanto, o crecemento da demanda e o PIB. Con respecto ó emprego, as cifras demostran que nestes seis anos este medrou en dous millóns e medio de persoas, un 15%, e o emprego dos máis mozos, en 318.000 persoas, un 39%. Todo elo coa pandemia por medio que destruíu no seu inicio, en apenas dous meses, 800.000 empregos. Os derrotistas non tiñan razón. Subir o SMI favorece o crecemento e a creación de emprego, axuda a reducir as desigualdades e ataca a pobreza.  

Por iso, neste contexto, a obcecación dos empresarios, para rexeitar este acordo, resulta pouco comprensible, aínda que esta arrástrase xa do acordo anterior para a suba do SMI e co incumprimento reiterado do Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva subscrito cos sindicatos no 2018 no que se establecía que o salario mínimo de convenio non podía estar por debaixo dos 1.000 euros. Isto provoca que agora máis traballadores e traballadoras se vexan afectados pola suba do SMI.

Non obstante, non podemos esquecer que este é un paso, froito do diálogo social, cara un obxectivo máis ambicioso, avanzar para que o SMI alcance o 60% do salario medio ó final da lexislatura, tal e como subscribiu España na Carta Social Europea.

Con este acordo, xunto co da reforma laboral e o de pensións, ponse de manifesto que a loita sindical acaba dando os seus froitos e que podemos conseguir o obxectivo de que a recuperación económica e social vaian da man,  mellorando as condicións dos traballadores e traballadoras co fin de acadar unha sociedade máis avanzada na que o traballo decente e os salarios xustos sexan a norma. @mundiario

    

Comentarios