Solidariedade na Unión Europea

Sede de la Comisión Europea en Bruselas. / Amio Cajander
Comisión Europea. / Amio Cajander
As regras de funcionamento dun mercado non teñen un ápice de contido de solidariedade e a Unión Europea non ten acadado o degrau de madureza suficiente para cumprir a respeito dos cidadáns o papel semellante ao dos estados en cadanseu caso
Solidariedade na Unión Europea

Nestes momentos de preludio dunha grande crise están abertas todas as frentes para que o Goberno do Estado busque apoio financeiro tanto no interior como no seo da Unión Europea. E é aí, nese ámbito, no que se adoita empregar o termo solidariedade. Máis ben parece como se se reclamase o direito de solidariedade para que a Unión Europea acorde axudar a economía española en problemas, por razón da pandemia.

No caso do Goberno español estívose agardando de forma ilusa sobre medidas de protección face ao perigoso contaxio colectivo, ou, mesmo tamén, un programa europeo de actuación conxunta. Non apareceron, quedou en evidencia que mentres uns esperaban (mes de febreiro), outros (sempre se cita o caso alemán mais non foi o único) levaban a cabo accións de variado tipo con medidas políticas de protección colectiva e de organización efectiva dos servizos de saúde pública ante a previsión da extensión da epidemia. Asimesmo, quedou en evidencia que a celeridade na previsión ou resposta temperá ao que podía chegar (a pandemia) serviu tamén de protección / salvaguarda dunha parte importante do aparato produtivo.

Só houbo na Unión un acordo válido para a economía española, cal foi deixar en suspenso a obriga de axuste do deficit público, ante a evidencia das necesidades, así como a conduta flagrante de violación de tal norma por Italia, Francia e, por suposto, España. España necesita a curto prazo non só sobardar o corsé do axuste do deficit, senón fondos extraordinarios para gastos extraordinarios, é dicer, diñeiro novo, e citouse en numerosas ocasións, polo menos ante o gran público, a necesidade de que Europa (referíndose á Unión) se comportase de forma solidaria con España.

Pero o caso é que na Unión Europea non existe na súa orde institucional nada parecido á solidariedade. Ou para dicelo máis claro: non se pode esperar por algo que non existe nen existiu con anterioridade. Dixemos á mantenta orde institucional porque como é ben sabido a Unión europea non ten unha Constitución.

Un mercado e unha moeda

A Unión Europea naceu como un tratado entre Estados, seguiu o seu camiño na mesma senda, e a natureza contractual da Unión despois de 63 anos do primeiro tratado permanece case coa mesma sólida estrutura funcional de Tratado entre Altas Partes Contratantes, non de unión entre irmáns. Hai un mercado único (non para todo) e unha moeda única para non todos (Dinamarca, Suecia, Polonia, Hungría, Bulgaria, Croacia, Rep. Checa, Rumanía, manteñen moeda e sistema proprio). En fin, repasando as fontes que son os Tratados non temos atopado en nengures formulación algunha que explicite que a solidariedade poderá ser reclamada como principio xurídico, e, polo tanto, creador de deberes e dereitos.

A solidariedade non é un principio fundamental da Unión, nen tampouco é un dereito fundamental. Non existe na letra dos Tratados, non é esixíbel xuridicamente, e, por tanto, en situación de tenso conflito entre as partes, non é alegábel. Que quer dicer logo o tipo de Unión criada entre os estados europeos adheridos? Que se trata dun acordo de temas parciais para ir elaborando un mercado único en circulación de mercadorías e servizos, e en concordancia cos restantes mercados  do mundo; non é un mercado solidario.

Solidariedade?

As regras de funcionamento dun mercado non teñen un ápice de contido de solidariedade e a Unión Europea non ten acadado o degrau de madureza suficiente para cumprir a respeito dos cidadáns o papel semellante ao dos estados en cadanseu caso. O papel contraditorio do estado no capitalismo (represor, recadador e compensador á vez) tardou algúns anos máis (un cento máis…) que do que leva de vida a UE.

O orzamento da Unión Europea é cativo (a respeito do seu tamaño) á mantenta, e os fundos recibidos polo Estado Español até agora correspóndense ás necesidades internas de reequilibrio na medida das diferenzas no ponto de partida para adecuar institucionalmente o funcionamento español ao mercado comunitario preexistente, tanto no sentido estrutural como na busca de relacións de intercambio intracomunitario, fluídas.

A existencia dos fundos comunitarios de axuda, promoción e financiamento da equiparación dos mercados non teñen o contido económico de solidariedade senón de tender á igualación de socios nas relacións comerciais e de intercambio doutro tipo. Podémonos valer da imaxe dun tren en marcha: se pensamos na UE propulsada por unha locomotora  (Alemania), ela é a primeira interesada en que os restantes componentes do comboio non sexan pesos mortos porque dificultarían a marcha co mesmo nível de aceleración de que é capaz a dita locomotora.

As ideas de Kennedy

En termos políticos, e referíndose á economía occidental, así o expresou o presidente Kennedy no seu discurso en 1963 no salón de asembleas da Paulskirche de Frankfurt: “Agora ben, a reunión de Europa, tal e como os europeos a configuren -pondo definitivamente termo ás guerras civís que unha e outra vez fixeron naufragar o mundo- seguirá tendo o apoio decidido dos Estados Unidos. Pois dita reunión é un paso necesario para fortalecer a comunidade da liberdade. Reforzaría a nosa alianza para a súa defensa. E respondería tanto ao noso interese como ao voso… Debedes saber que esta nova grandeza europea será non un obxecto de temor, senón unha forma de forza para os Estados Unidos de América”. 

De feito, na Unión Europea, ao igual que se programou un tempo para unha integración pacífica, fóronse marcando pautas de acción controlada para converter as accións pontuais en resultados sólidos: quer dicer, agora se argumenta por parte de Alemania a España: non chores se non fixeches ben os deberes; forma parte do espírito europeo a corresponsabilidade, a disciplina e o autocontrol (resumindo a ética da Reforma máis que a ”romana”) e neste momento podemos reforzar a disciplina europea e non tirar nen os bens pola borda nen fundos de regalo a quen non demostrou control e boa administración. Hai unha segunda leitura material ou desde a perspectiva dos roles produtivos na Unión, pero precisa outra dedicación (Continuará). @mundiario

Comentarios