A simbiose entre os medios públicos e os intereses do PP

Pantallas en la CRTVG. / Mundiario
Pantallas na CRTVG. / RR SS

Ao grupo do BNG si que nos preocupa, e moito, esta situación de deterioro e erosión da credibilidade da corporación. Cremos e defendemos a importancia que ten para este país que a CRTVG teña un proxecto de futuro con vocación de servizo público e non de servizo a ningún partido.

A simbiose entre os medios públicos e os intereses do PP

Dende que Feijóo marchou para Madrid moita xente comezou a coñecer un perfil do personaxe até o momento inédito. Pode ser comprensible que fóra de Galiza houbese descoñecemento, xa que o xornalismo que habita no interior da M-30 poucas veces dirixe a vista ao exterior. Pero resulta máis incomprensible que moitos galegos e galega reciban información por vez primeira sobre como emprega datos falsos ou manipulados, das súas formas agresivas e prepotentes ou das súas eivas para tratar coa verdade e o rigor. Todas estas dificultades coas que vemos a Feijóo moverse nun medio diferente revelan, entre outras cousas, a simbiose entre o expresidente da Xunta e boa parte do ecosistema mediático galego, a comezar polos medios públicos.

Ao longo dos últimos anos o PP teceuse unha alfombra vermella nos medios públicos que pon en cuestión a súa misión de servizo público, debilita a calidade democrática e nos empobrece como sociedade. Resulta evidente e notoria a falta de pluralidade informativa, por exemplo na composición das tertulias, que non reflicten a diversidade do país nin da propia cámara galega; ou nas escaletas dos informativos, onde podemos comprobar como ultimamente se redroban esforzos para cubrir coa mesma intensidade ao novo presidente da Xunta e ao líder da oposición de Madrid, multiplicando a presenza e o descaro con que o PP copa a información.

Esta manipulación nos medios xoga, por unha banda, con aquilo que se nos amosa, mais tamén con aquilo outro que se oculta. Dentro dese segundo grupo está o silenciamento mediático das 216 semanas que os traballadores e traballadoras da CRTVG, a través do colectivo Defende a galega, levan denunciado a manipulación informativa e a falta de pluralidade nos medios públicos.

A este respecto, o silencio máis estrondoso foi o da recente sentenza histórica que condena a CRTVG por represaliar un traballador por, precisamente, ter participado nestas manifestacións dos venres negros. A sentenza do TSXG, xa firme, é histórica e dunha enorme gravidade porque nunca os nosos medios públicos foran condenados por vulnerar un dereito fundamental como é o da liberdade de expresión e porque certifica as presións aos traballadores, a situación de hostilidade da dirección e, en última instancia, que aquilo que denuncian dende o colectivo Defende a Galega de forma incansable semana tras semana é certo.

Consello de Informativos e Estatuto Profesional

Como podemos ver, tecer esa alfombra vermella mediática para o PP non lles resultou unha tarefa sinxela nin carente de conflitos. De feito, outro dos movementos burdos e escandalosos que tivo que acometer a actual dirección da CRTVG foi o incumprimento da propia normativa que regula os medios públicos. A Lei de Medios de 2011 esixe a creación do Consello de Informativos como órgano de participación das/os xornalistas, especialmente na liña editorial e no tratamento da información, o que suporía ademais unha canle para a denuncia en caso de incumprimento ou desacordo coa dirección. Once anos despois continúa sen pórse en marcha.

Tampouco se ten desenvolvido o Estatuto Profesional que debe recoller os dereitos e obrigas das/os profesionais. Mentres RTVE, EiTB ou TV3 contan xa dende hai anos con estes instrumentos básicos para a gobernanza dos medios públicos, a dirección da CRTVG continúa movéndose fóra do marco normativo establecido.

Códigos de pluralismo esixibles

Estas son as cartas marcadas coas que o PP exerce o poder: uns medios públicos que incumpren os códigos de pluralismo esixibles, xornalistas aos que se lles impide desenvolver a súa labor e un mandato legal incumprido. Agora ben , as consecuencias negativas que isto supón para a propia CRTVG non parecen preocuparlles.

Ao grupo do BNG si que nos preocupa, e moito, esta situación de deterioro e erosión da credibilidade da corporación. Cremos e defendemos a importancia que ten para este país que a CRTVG teña un proxecto de futuro con vocación de servizo público e non de servizo a ningún partido. Por iso entendemos que é necesario pór pé en parede e facerlle fronte á súa acción corrosiva. Comezando por denunciar e dar visibilidade ao que está sucendendo e, a continuar, esixindo de forma contundente que se cumpra de forma inmediata coa Lei de Medios.  Os compromisos básicos e elementais que esiximos son que se asuman responsabilidades pola gravidade da senteza e que se desenvolva o previsto na lei. @mundiario

Comentarios