Serán galegas as eleccións galegas?

Alfonso Rueda, Ana Pontón y José Ramón Gómez Besteiro. / Mundiario
​É responsabilidade dos propios partidos políticos estatais e dos medios de comunicación públicos e privados que as vindeiras eleccións galegas sexan verdadeiramente uns comicios galegos e non un campo de batalla máis, un plató máis, para Pedro Sánchez, Núñez Feijoo e compañía.

Dada a importancia política que as vindeiras eleccións galegas terán para os partidos de carácter estatal no seu campo de batalla da política española, non no sistema político galego, que iso nada lles importa nin a uns nin a outros, corremos o risco de que as eleccións autonómicas de 2024 non sitúen nun primeiro plano a sociedade galega e os problemas que nós temos como país. De que iso sexa finalmente así tamén se encargan os propios medios de comunicación, para os que só existe a política española, todo o que se di e fai en Madrid, e todo canto din os seus principais referentes, sexa Pedro Sánchez, Núñez Feijoo, Isabel Ayuso, Yolanda Díaz ou Abascal.

Estamos ante un proceso de españolización da política autonómica que espanta e que incluso cuestiona o concepto de Estado das Autonomías, porque o que se debate día a día nunha institución nosa como o Parlamento galego cada vez ten menos visibilidade social e mediática e, xa que logo, menos importancia para a propia sociedade que está representada nesa Cámara. E dá igual que se aborde no Pazo do Hórreo a crise industrial das Pontes que a situación da sanidade pública galega que os eólicos da serra da Groba. O que chega ás nosas casas é o que di Isabel Ayuso na Asemblea de Madrid ou na súa rolda de prensa diaria.

O proceso electoral ao que proximamente será convocada a cidadanía galega ten que servir para que coñezamos as propostas programáticas que cada forza política lle ofrece ao electorado galego para resolver os problemas de fondo da economía galega ou as medidas urxentes que cada partido pensa aplicar desde a Xunta de Galicia para revitalizar a nosa industria, a agricultura ou o mar ou para fortalecer a sanidade, a atención aos maiores ou o ensino público.

A campaña electoral ten que ser útil igualmente para coñecermos a alternativa que cada quen defende para mellorar o financiamento da propia Comunidade Autónoma, para sabermos o que pensan facer para comezar a recuperar toda esa mocidade que nos últimos anos tivo que marchar a outras latitudes para atopar un posto de traballo e, por suposto, para que todas as forzas políticas nos aclararen se está nas súas prioridades afrontar dunha vez as reformas estatutarias necesarias para alcanzarmos máis autogoberno, máis capacidade de decisión, un maior teito competencial.  E, naturalmente, a campaña electoral debe estar protagonizada e liderada polas persoas que son candidatas e candidatos á Presidencia da Xunta, é dicir, por Alfonso Rueda, Ana Pontón e Gómez Besteiro, principalmente.

É responsabilidade dos propios partidos políticos estatais e dos medios de comunicación públicos e privados que as vindeiras eleccións galegas sexan verdadeiramente unhas eleccións galegas e non un campo de batalla máis, un plató máis, para que Pedro Sánchez, Núñez Feixoo e compañía ocupen e protagonicen o debate electoral para falar da amnistía, dos independentistas cataláns, de Bildu ou da sagrada unidade de España. E é igualmente responsabilidade de Rueda e de Besteiro que o seu protagonismo na campaña non sexa eclipsado polos dirixentes estatais dos seus partidos. Eles saberán que papel deben ocupar desde agora mesmo e durante a campaña electoral se de verdade queren concederlle ás eleccións galegas a importancia que estas teñen para Galiza e para o sistema político galego. Nas súas propias mans está que queiran exercer de actores principais ou secundarios.

Por parte do BNG está claro que fará todo o esforzo necesario para situar os problemas do país e a Ana Pontón nun primeiro plano. Porque diso se trata, de que as eleccións galegas sexan certamente galegas, protagonizadas polas persoas que optan a presidir a Xunta de Galicia, centradas nos problemas do país e para falar do que de verdade nos preocupa como sociedade galega. E para lograr ese obxectivo o mellor escenario será sempre o plató de televisión no que as persoas candidatas á Presidencia da Xunta poidan debatir as súas alternativas. Esperemos que ese debate sexa posíbel na TVG, na TVE e incluso nalgunha cadea televisiva como a Sexta.

Só así quedará demostrado que a importancia das vindeiras eleccións galegas está no que se xoga Galiza: que sigamos catro anos máis cun goberno do Partido Popular presidido por Alfonso Rueda –que, por certo,  xa leva 14 anos na Xunta- ou se produza, esta vez si, un cambio político transformador encabezado por Ana Pontón e coa participación activa do PSdeG-PSOE. Iso é o que se vai decidir nese proceso electoral. Nada debe eclipsar esa decisión. Se alguén se empeña en facelo desde aquí ou desde Madrid estará faltando ao respecto a Galiza e á cidadanía galega no seu conxunto. @mundiario