O sector industrial galego, ferido de morte e ás portas da UCI, pero con vacina e tratamento

Industria 4.0. / RR SS
Industria 4.0. / RR SS
O seu peso no PIB non supera os 16 puntos e hai industrias sumamente emblemáticas e significativas para a economía e para o futuro do emprego ás portas de entrar na UCI e cun futuro ben incerto.
O sector industrial galego, ferido de morte e ás portas da UCI, pero con vacina e tratamento

Resulta indiscutible a importancia que debería acadar a industria galega na nosa economía para garantir a súa solvencia e sustentabilidade e un tecido laboral con dereitos e de calidade. Non obstante, a realidade é outra. O seu peso no PIB non supera os 16 puntos e temos industrias sumamente emblemáticas e significativas para a nosa economía e para o futuro do emprego no noso país ás portas de entrar na UCI e cun futuro ben incerto. Vexamos o que está a acontecer con Vestas, Alcoa, Alú Ibérica, Barreras ou por non falar do incerto futuro de Ence, das términas ou de Navantia.

Para facer unha análise do futuro do emprego industrial en Galicia, parto da premisa de que é este sector, en termos xerais, o que xera máis emprego de calidade polas súas condicións, tanto dende un punto de vista salarial como en termos de estabilidade no emprego.

E a diagnose que facemos en termos de produción de emprego no sector industrial e as principais ramas que o integran non é nada positiva. Xa como punto de partida. Pechado o ano 2020, os datos de Contabilidade económica trimestral amosan que o peso da industria, incluíndo a enerxía, en Galicia é do 16% do PIB. Considerando unicamente a industria manufactureira este descendería ata o 11,3% dentro da produción total. Afastados, sen dúbida, de acadar o obxectivo marcado pola Comisión Europea do 20% para o 2020.

Ao escaso peso do sector industrial, reitero que un dos máis significativos nichos de emprego de calidade, engádese o escaso investimento en innovación do sector público e privado, a excesiva dependencia enerxética do exterior, o baixo valor engadido e a ausencia dunha estratexia decidida cara unha economía sostible.

Dende o 2008 Galicia perde 32.600 empregos no sector industrial e no que vai de 2021 esta sangría xa é de 13.600 postos de traballo

A día de hoxe o sector industrial dá emprego en Galicia a 182.400 persoas, o que representa o 17% do total da poboación ocupada. Pero é que ó comezo da crise económica de 2008 eran 215.000 os empregos cos que contaba este sector. Isto supón unha perda de 32.600 empregos, é dicir, unha baixada do 15,16%. Pero no que vai de 2021 esta sangría continúa, con 13.600 empregos menos que no 2020.

Descendendo ó detalle, obsérvase que as principais ramas en peso do Valor Engadido Bruto (VEB) en Galicia son a industria da automoción, a enerxía, o procesamento de peixes e crustáceos, a metalurxia, o refino de petróleo, a fabricación de produtos metálicos e a confección de roupa e calzado, por esta orde de importancia. Todos eles xuntos representan o 61,3% do VEB galego.

Producción industrial. / Mundiario

Producción industrial. / Mundiario

A alta concentración produtiva tradúcese en debilidade para a economía galega ó aglutinar riscos. Urxe apostar pola diversificación

Que nos di isto?. Que se produce unha alta concentración produtiva, o que se traduce nunha gran debilidade ao concentrar riscos.

E, de aquí, xa somos capaces de chegar a unha primeira conclusión do camiño no que hai que traballar e a onde deberíamos ir. Urxe apostar pola diversificación produtiva, sen menoscabo de seguir impulsando os sectores tradicionais de economía da industria galega.

Centrándonos no emprego. Cales son as ramas do sector industrial que máis emprego xeran?. A primeira, e con distancia do resto, a industria de alimentación e bebidas, con 34.479 empregos. A continuación, pero con moita distancia, a fabricación de produtos metálicos, salvo maquinaria e equipamento, con 17.017 empregos, seguida da fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques, con 15.940 empregos.

Chegado este punto, sería interesante analizar cal é a evolución do emprego nas principais ramas da industria dende a crise de 2008 ata a actualidade. Porque as respostas a esta pregunta poden marcarnos a tendencia do emprego no futuro, de non mudar as actuais políticas industriais.

O téxtil, o sector que máis emprego perde en Galicia, o 42% dende o 2008

O sector que perde máis emprego en Galicia é o da industria téxtil, confección de roupa, coiro e calzado, a máis afectada, pasando de 16.497 afiliados no 2008 ós 9.598 actuais, o que significa, nin máis nin menos, que unha destrución do 42% dos postos de traballo nesta rama de actividade na nosa Comunidade. E, ademais, obsérvase que o descenso é continuado en todo o período, xa sexa na propia crise como na recuperación.

A metalurxia, fabricación de produtos de ferro, aceiro e ferroaliaxes rexistrou unha perda de 2.715 empregos, sumados ós 2.090 que se perderon na fabricación de produtos metálicos, salvo maquinaria e equipamento. Pola súa banda, a fabricación doutro material de transporte, onde se inclúe a construción naval, perdeu 3.772 empregos.

A industria alimentaria, a que mellor resiste as crises e o sector que se amosa máis dinámico

Entre os sectores que gañan emprego, están a industria da alimentación e bebidas, o que mellor resistiu as crises recentes. Concretamente, a do ano 2008 e a da covid-19. De feito, na actualidade, nesta rama, incluso, supérase a afiliación á Seguridade Social do ano 2008 e neste último ano increméntanse as afiliacións nun 4%. Isto apunta a un sector cun gran dinamismo que, ademais, no último ano acada un máximo de emprego.

Outras actividades que tamén rexistraron un incremento do emprego, aínda que non en cotas tan elevadas, foron a fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos; captación, depuración e distribución de auga; e recolla, tratamento e eliminación de residuos e valorización.

La incorporación de innovación tecnológica en las empresas es insuficiente.

A incorporación de innovación tecnolóxica nas empresas, imprescindible. / Mundiario

A aposta pola innovación, formación e cualificación, ineludible para falar de futuro

Pero falar da industria e do seu futuro é falar e analizar os procesos de innovación, formación e cualificación e como estamos en termos relativos coa nosa contorna. Porque, só apostando por estes tres piares, apostaremos polo futuro da industria no noso país.

Neste senso, a realidade é que o gasto en I+D, en relación ó PIB, en Galicia é do 0,97%, por debaixo da media española, onde sitúase no 1,25%, e afastados da media da UE, onde se acada o 2,2% do PIB.

No relativo á formación, outro dos piares básicos ós que se debe apuntar para ir no camiño correcto, o 49,4% dos galegos de entre 24 e 34 anos contan cun nivel de formación terciaria, dous puntos por enriba do nivel estatal e 8,9 puntos máis que a UE. Isto contrasta co feito de que só o 10% dos galegos desenvolven a súa labor en actividades consideradas de coñecemento intensivo, o que é inferior ó 12,7% estatal é o 14,2% da Unión Europea.

Pero é que as frías estatísticas, que analizamos ata momento, conducen a unha crúa realidade xa palpable. A día de hoxe en Galicia miles de empregos penden dun fío pola actual situación na que se atopan empresas tan emblemáticas para o noso tecido produtivo, e moitas delas operadores de sectores estratéxicos, como Alcoa, Vestas, Alú Ibérica, Ferroatlántica, Ence, Barreras, ..; outras a expensas de como se xestionen os procesos de transición enerxética,  e outras, dependentes do sector público, que precisan de carga de traballo xa, como Navantia. Todas elas, industrias que actualmente están en crise e moitas delas coa súa sede operativa ou domicilio social a centos ou miles de quilómetros de Galicia.

Hai oportunidades que deberíamos ser quen de aproveitar cun esforzo conxunto

Ata aquí, a radiografía, nada optimista. Non obstante, hai oportunidades que deberíamos ser quen de aproveitar para o que é necesario un esforzo conxunto e coordinado das diferentes institucións en todos os eidos, co fin de apostar por unha industria competitiva e moderna, como instrumento de xeración de emprego de calidade.

Para isto, nós temos propostas que non son neutras. Propostas que marcan unha senda diferente á seguida en crises anteriores nas que se cargaba o peso da recuperación nos traballadores. Propostas que avanzan no camiño dun modelo máis produtivo, máis social e verde. Propostas que tratan de trazar o camiño máis inmediato pero tamén a medio e longo prazo. 

Propoñemos alternativas que reforcen o noso modelo produtivo en todos os ámbitos e devolvan o sentido ó estado de benestar. Para iso, hai que aumentar o investimento público, utilizando axeitadamente os fondos europeos e estimular o investimento privado naqueles ámbitos estratéxicos.

Hai que repensar a economía baseada nunha globalización “bazar”

A pandemia e a postpandemia estanos a traer moitas ensinanzas e unha delas é que hai que repensar unha economía baseada ata o de agora nunha globalización “bazar”.

O cambio require dun pacto pola industria que culmine nun plan estratéxico sobre criterios de economía verde, transición xusta e innovación con investimentos destinados a sectores que avancen na transición ecolóxica (enerxías renovables, eficiencia enerxética, electrificación da mobilidade, transporte público, rehabilitación enerxética...), trazando un modelo enerxético claro, fiable e axustado ás necesidades da nosa economía e ós nosos sectores produtivos estratéxicos.

Neste senso, tamén e preciso un Pacto de Estado pola Enerxía, porque se pode e débese facer política coa enerxía, pero, iso si, debe estar acordada con todas as partes implicadas en busca do interese común. A enerxía, máis aló de ser un produto de consumo, incide directamente no desenvolvemento e no estado do benestar dun país.

Sen unha política industrial forte estamos abocados a un modelo de rexión estancado na precariedade, cun futuro incerto a mercé dos vaivéns dos mercados internacionais e aos caprichos das economías máis potentes.

Area industrial junto a la refinería de A Coruña. / Google

Area industrial xunto refinería de A Coruña. / Google

O futuro industrial de Galicia debe estar marcado polo binomio de manter a industria básica e a xeración de novas oportunidades

O futuro industrial de Galicia debe estar marcado polo binomio de manter a nosa industria básica e a xeración de novas oportunidades, para iso, é necesario a posta en marcha de políticas de progreso, a xustiza social e a distribución da riqueza, que terán o seu máximo expoñente cos fondos de transición que, sen dúbida, nos permitirá competir con proxectos pioneiros e afastarnos de complexos, ese debe ser o gran obxectivo.

Tamén é imprescindible trazar unha estratexia que promova o agrupamento empresarial a través do deseño de instrumentos financeiros, fiscais ou de calquera outro tipo, posto que as empresas grandes son máis fortes e resisten mellor as crises que o actual modelo de microempresas que impera en Galicia.

Sumado isto á necesidade dun maior investimento público dirixido a sectores estratéxicos e empresas públicas profesionalizadas con alcance similar ós países da nosa contorna. Ademais, é primordial o investimento en infraestruturas interconectadas, primando o transporte por ferrocarril coa extensión do corredor atlántico.

A formación e capacitación profesional das persoas traballadoras tamén terán que ter un papel clave na modernización da industria, para o que hai que impulsar a conectividade das empresas cos centros educativos e de investigación. A aposta pola innovación debe ser clara, eliminando as trabas burocráticas, deseñando e implementando plans plurianuais e estimulando e retendo o talento.

Os Fondos Next Generation van ser fundamentais, tanto para os proxectos dos sectores tradicionais como para sectores novos con  perspectivas de crecemento

Temos unha oportunidade e non debemos perdela. Para isto, os Fondos Next Generation van ser fundamentais, tanto para os proxectos dos sectores tradicionais da economía galega con importantes perdas de emprego, como é o caso do téxtil, abrindo así posibilidades de adaptación sectorial e de ir cara un novo modelo máis sostible, como para sectores novos con grandes perspectivas de crecemento e innovación, por exemplo, con todo o que ten que ver coa economía circular, o desenvolvemento dixital ou a biotecnoloxía.

Non obstante, é fundamental que todo plan industrial que se defina, toda actuación industrial que perciba fondos públicos, deben vir acompañados dunha clara salvagarda do emprego e de condicións de traballo estables. @mundiario

Comentarios