O sector cárnico está composto en Galicia por 192 industrias cunha facturación de máis de 1.400 millóns

Asistentes a la VII Reunión Casal de Armán. / Mundiario
Asistentes á VII Reunión Casal de Armán. / Mundiario
Expertos académicos, empresarios e asociacións analizan os desafíos do sector cárnico na VII Reunión Casal de Armán do Foro Económico de Galicia.
O sector cárnico está composto en Galicia por 192 industrias cunha facturación de máis de 1.400 millóns

A reunión anual Casal de Armán converteuse nun foro de referencia para a análise das problemáticas e desafíos do sector primario nesta comunidade. O Foro Económico de Galicia organiza esta sétima edición centrada nos retos do sector cárnico, tanto na súa dimensión nacional, como autonómica.

Grandes empresas, cooperativistas, respresentantes de asociacións, pequenos produtores, Administración e investigadores… Un total de case 40 especialistas reunidos nunha intensa xornada de mañá e tarde, con catro mesas de traballo para abordar desde todas as perspectivas as distintas realidades e problemáticas dun sector primordial, tanto polo volume de facturación coma de emprego, así como pola súa tarefa reguladora do territorio.

O encontro foi inaugurado polo presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto, quen deu a benvida aos participantes e agradeceu a José Manuel Andrade Calvo e Alfonso Ribas Álvarez, da Fundación Juana de Vega, o seu labor como coordenadores da xornada.

O relatorio de apertura, “Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030. Contexto xeral e principais medidas e accións”, foi presentado polo director da Fundación, José Manuel Andrade. Na súa intervención, Andrade lembrou a condición de sector estratéxico para a comunidade autónoma, que representa un 34% da produción final agraria de Galicia, con 1.200 millóns de euros de valor en gando, un sector que xestiona case o 50% da superficie agraria de Galicia, conformado por unhas 43.000 explotacións cárnicas.

A facturación do sector

Ademais, Andrade resaltou o papel fundamental que este sector –principalmente o vacún– desenvolve na xestión da paisaxe e preservación do territorio, así como xoga un rol salientable na prevención dos incendios forestais. Finalmente, para resaltar o seu papel esencial na economía galega, Andrade apuntou que o sector cárnico está conformado por 192 industrias e que facturou no ano 2020, máis de 1.400 millóns de euros.

Tras este primeiro relatorio de contexto xeral, a segunda mesa da mañá abordou os “Retos e perspectivas de futuro do sector cárnico”, participaron nesta mesa Tomás Rodríguez, da Interprofesional do ovino e caprino (Interovic), Alberto Herránz, da Organización Interprofesional Agroalimentaria do Porcino de Capa Branca (Interporc) e Javier López, da Organización Interprofesional de Carne de Vacún (Provacuno).

A última mesa da mañá centrouse na produción galega, con distintos actores do sector, tanto de empresas como entidades de representación sectoriais. Interviñeron neste caso Emilio Rial (Coren), José Manuel Núñez Torre (Torre de Núñez), José Ramón González (Unións Agrarias), Pablo Meijomín Hidalgo (Fegapor) e Jesús González Vázquez (Tenreira Galega).

No programa da sesión da tarde incluiuse un subsector non menos importante: a produción de razas autóctonas e as pequenas producións, os problemas aos que se enfrontan na actualidade así como os desafíos do futuro. A mesa foron convidados Iván Rodríguez Paz (Asoporcel), Laura Arias González (Acruga), José Ramón Xusto Feijóo (Boaga), Amaia Santamarta (Ovica) e Isabel Casariego Vierna (Puraga).

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario

Comentarios