Por Santiago non vai quedar

Aeropuerto de Santiago. / Aena
Aeroporto de Santiago. / Aena
Con Santiago e cos nosos recursos e esforzos pode contarse  para conseguir unha política aeroportuaria coordinada e planificada. Galiza precisa conexións internacionais sen que estas signifiquen unicamente pasar por Madrid.
Por Santiago non vai quedar

“Feijóo admite que a coordinación aeroportuaria é unha materia pendente”, este foi un dos varios titulares que deu o anterior presidente da Xunta de Galicia –hoxe presidente do PP e portavoz deste partido político no Congreso– durante a campaña das eleccións galegas de 2012. O daquela candidato á Presidencia da Xunta de Galiza afirmou en diferentes ocasións nesa campaña que el mesmo valoraba que suspendía canto á xestión da política de coordinación aeroportuaria. É certo que a continuación sinalaba os concellos implicados como responsábeis dese fracaso, botando balóns fóra como se non fose a propia Xunta a que tiña que liderar un proceso que desembocase nunha verdadeira planificación estratéxica dos aeroportos galegos.

É ben difícil acreditar en que toda a responsabilidade da falta dunha estratexia aeroportuaria común recaese nos concellos de Vigo, da Coruña e de Santiago de Compostela. Como tamén é evidente que existe outro caso similar en que se demostra que foi o esforzo realizado desde cada unha das cidades o que deu lugar a unha superación da competitividade localista. Refírome á situación do sistema universitario galego, onde se conseguiu unir vontades e obxectivos, partindo dun contexto mesmo peor, con tres universidades mais sete campus. Isto foi posíbel grazas á racionalidade e a un consenso que os grupos de goberno enfocaron desde unha perspectiva de demandas, proxectos comúns e especialización funcional. Con cada vez máis graos e mestrados compartidos, o sistema universitario galego, sen chegar a unha situación ideal, fundamentalmente pola falta de financiamento, está a anos luz dos auténticos compartimentos estancos sen ningún tipo de comunicación que hoxe continúan sendo os aeroportos galegos.  

Lembremos que estamos a falar de aeroportos que están nun radio de proximidade entre si moito menor que o que acontece noutros lugares de calquera país do mundo. E tamén sabemos que nesa contorna existe un aeroporto doutro estado que compite por unha boa parte do mesmo mercado grazas ás boas conexións internacionais. Fronte a ese escenario a situación galega caracterízase pola excesiva dependencia das rutas domésticas e, moi concretamente, dos voos a Madrid, nun deseño que considera a capital do Estado como o principal centro de todas as rutas exteriores ao propio territorio español.

A coordinación aeroportuaria é vital para o país ao igual que evitar competir entre os tres concellos implicados. Trátase de que haxa boas conexións para as mercadorías, para todo o que ten a ver cos negocios, co intercambio de coñecemento, de investigación e innovación, e para termos as mellores rutas para o conxunto da poboación galega, non só para ir facer  turismo e atraer turistas.

Unha mudanza de modelo

Porque neste debate non é menor incluír o necesario e decidido impulso á diversificación económica, apoiando as potencialidades da base produtiva do país e unha verdadeira industrialización, non extractiva e que engada valor aos nosos produtos grazas á innovación que sexamos quen de xerar con investimentos en i+D+i. Por suposto que non debemos desprezar os ingresos turísticos, mais é necesario que procedan dun modelo equilibrado e non imitativo do que xa se demostrou que está levando outros destinos ao desastre.

Cómpre unha mudanza de modelo turístico, unha transformación que a sociedade compostelá hai tempo que demanda e que vemos que noutros lugares tamén  se está a vivir de xeito conflitivo. A ningunha persoa que resida en Compostela lle pode ser allea a reacción reivindicativa que vimos estes días nas Canarias, un movemento que esixe que as políticas que se desenvolven pensen en quen vive e traballa nun territorio. Dixémolo máis dunha vez e repetímolo agora: o que é bo para quen vive en Compostela será bo para quen nos visita. Mais esta é unha máxima non reversíbel. Porque as políticas que só se deseñan para turistas traen o monocultivo do negocio turístico fronte ao comercio tradicional e a saturación en certos espazos expulsando a poboación autóctona dos lugares que lle son propios. En resumo, perda de identidade, eliminación do xenuíno, carencia de servizos que faciliten o uso residencial. De aí que o eixo central da nosa aposta ten que introducir o fomento da diversidade económica para vivirmos mellor, a economía pensada para as persoas, e a eco-economía, e un modelo urbanístico que prime o dereito á vivenda con prezos accesíbeis fronte á desaparición da poboación dos centros das cidades, sobre todo, no caso compostelán, da cidade histórica.

Mesmo cunha evolución moi positiva e a recuperación de pasaxeiros/as tras a pandemia, chegando a eses 3,5 millóns no aeroporto de Santiago, cómpre facer unha reflexión a medio e longo prazo. Nela, é imprescindíbel realizar unha prospección da posibilidade de que a redución do traxecto a través do ferrocarril poida restar unha cantidade importante de persoas que opten polo avión para rutas curtas. A isto é preciso aínda acrecentar o feito de ser o ferrocarril un medio de transporte máis sustentábel e que, por tanto, a loita contra a emerxencia climática tamén camiña nesta dirección.

Por todo isto, cómpre unha planificación estratéxica común e coordinada para os tres aeroportos galegos, os tres tamén cunha singularidade particular, a da cantidade de galegas e galegos que viven alén das fronteiras do Estado español e que se verían beneficiadas dunhas moito mellores conexións internacionais. 

Comité de Coordinación Aeroportuaria

Recentemente participei no Comité de Coordinación Aeroportuaria, con presenza de responsábeis dos tres aeroportos galegos, representantes da Xunta de Galicia, directivos de AENA e os directores dos aeroportos de Santiago, A Coruña e Vigo. Alí mesmo trasladei a necesidade de dar un paso e ter ambición desde unha perspectiva de país que supere os localismos e procure unha unidade de acción. Sen esa estratexia aeroportuaria pensada desde o noso propio territorio continuará o suspenso nesta materia, un suspenso que nunca recuperou o PP nos seus sucesivos gobernos. Como capital de Galiza, Compostela é unha cidade responsábel e solidaria tamén co conxunto do país. Por iso, Santiago está disposta a sumar os recursos aos das demais administracións e formar parte do organismo que se considere para coordinar e planificar a política aeroportuaria. Porén, consideramos inxustificábel que a Xunta de Galiza non tome esta iniciativa, liderándoa e  asumindo a responsabilidade de defender os intereses galegos. Isto é, toca exercer as competencias e non cerrar os ollos á realidade e agardar… a Godot.

Con Santiago e cos nosos recursos e esforzos pode contarse  para conseguir unha política aeroportuaria coordinada e planificada. Galiza precisa conexións internacionais sen que estas signifiquen unicamente pasar por Madrid. Temos que lograr que o tráfico aéreo non dependa das rutas domésticas para competir con outros aeroportos que captan partes do noso mercado. Sempre coa perspectiva de conectar o noso concello –e o noso país– co mundo. Porque queremos unha Compostela –e unha Galiza– para vivir, traballar, estudar, investigar, facer cultura…, e estar na vangarda. Con respecto ao Patrimonio e entendendo que ese Patrimonio inclúe os monumentos mais tamén a forma de vida e o dereito ao descanso e á accesibilidade, aos servizos e a gozar do lugar onde decidimos vivir.

A demanda dun novo modelo vai continuar medrando en todas as cidades turísticas. E as diferentes administracións temos que escoitar a poboación e traballar por unha transformación sustentábel que mude as prioridades. Igual que no centro das políticas debe estar quen vive ou traballa nun lugar –agás que queiramos ter meros decorados turísticos–, as políticas aeroportuarias deben partir das nosas necesidades e especificidades e deseñar as conexións galegas co mundo, sempre atendendo as relacións exteriores que máis nos conveñan e a lle dar o maior dos servizos a quen aínda hoxe non ten as condicións laborais que faciliten a súa volta á Terra, se así o desexar.

Hai xa anos que se fixo viral a campaña “En galego estamos no mundo”. Hoxe, baixo ese mesmo paraugas, con idéntico espírito, expresamos o desexo de maneira semellante: “Desde Galiza relacionámonos co mundo”. Con perspectiva común e defensa dos nosos intereses. Para continuar existindo. @mundiario

Comentarios