Os sanitarios que había están agora espallados por Europa

Un médico.
Un médico.
O diñeiro público non sempre se inviste axeitadamente, porque doutro xeito non existirían as carencias médicas que neste país nos conducen ás UCI.
Os sanitarios que había están agora espallados por Europa

Vai dous meses, os españois fixemos virar a curva do coronavirus e gañamos à guerra á Covid-19. Forzamos ao becho coma quen dí, por collóns. Pero o virus segue a matar xente, a levar cada semana milleiros de contaxiados ós hospitais ou a unha corentena na casa de seu gañada a mesma a pulso en moitos casos. Dende logo, en máis do que sería admisible. E España vai na cima da onda, amosando as súas carencias, marcando distancias no marco dunha "normalidade" anormal na que, tal vez polas presas, adiantámonos ós feitos, reunímonos como si nada pasara, saímos a festas e verbenas en puro show e reclamamos que nos devolvan a vida, a nosa vida de sempre, a esa vida que significa ir sen tapabocas (máscaras) a calquer evento e a facer das rúas e prazas, bares e cafetarías os puntos de encontro nos que reclamar o noso dereito a sermos diferentes. Estamos na nova anormalidade. A nosa vida é ruar.

Após 40 días pechado na casa -convertindo os corenta pasos de ida e volta do corredor desta nunha pista de atletismo para tentar que o "becho" non me deixara arrumbado nunha cama ou un sofá de por vida- a famosa "curva", vencida e derrotada por un exército de inconscientes ameaza con levarnos novamente a un encerro de efectos quen sabe se piores cos da primavera neste outono de cicloxéneses explosivas. Madrid está como está. Castilla y León, Euskadi, Extremadura seguen na listaxe de comunidades máis afectadas. Galicia agocha baixo a alfombra as súas carencias e os menos novos somos novamente os chamados a engordar as contas dos ingresados e falecidos no balbordo dun sistema médico carente de case todo menos de gañas de combater por parte dos que sempre son barreira e os primeiros en caer no combate.

Desta vez sabemos máis do virus. Pero o millor é que sabemos coma nunca como se morre unha outra vez nos centros de maiores, nos corredores dos hospitais... Sabemos como médicos e enfermeiros se xogan a vida aquí para, diante do que hai, coller o petate e sair ao estranxeiro (cousa que os galegos sabemos facer coma ninguén) para gañar tres ou catro veces máis do que aquí se lles paga pola prestación duns servizos ós que outros acceden pola porta estreita que é a da amizade e a recomendación e poucas veces a preparación persoal. A recomendación segue a ser máis eficaz, moito máis eficaz, que un curriculum feito a pulso. O diñeiro público non sempre se inviste axeitadamente, porque doutro xeito non existirían as carencias médicas que neste país nos conducen ás UCI como paso previo ao crematorio ou ó cemiterio. É a normalidade anormal que veu para quedarse após crebar ondas consecuencia dunha pandemia para a que en Galicia, como en España, non estabamos preparados para combater de xeito singular. Sí, temos centros médicos; pero estás valeiros de contidos. Temos centros pero non temos médicos. Os sanitarios que había están agora espallados por Europa. Outra vez as maletas. Outra vez a saída. En Madrid piden médicos extracomunitarios, dempois de que os formados nas universidades españolas e con cargo ós orzamentos de España viran que todo aquilo para o que se prepararan vai agora nos lombos das candorcas que navegan polos protocolos dunha anormal normalidade propia dos campións que "gañamos" á pandemia, vencemos a curva e mandamos ó carallo as máscaras e as recomendación dos sanitarios.

Non me gustaría loitar pola vida normal dende un anormal corredor ou unha cama de UCI mentres os políticos aproveitan a onda do outono, abofé. @mundiario

Comentarios