Saleta Goi, unha militante incansábel e irrepetíbel

Saleta Goi. / Mundiario
Saleta Goi. / Mundiario
É tempo de iluminar a memoria e de transmitir ás xeracións máis novas a importancia do compromiso e dun modelo de militancia, o de Saleta, que supón a máxima entrega ao País.
Saleta Goi, unha militante incansábel e irrepetíbel

Saleta Goi é historia do nacionalismo galego. Falamos dunha das primeiras militantes organizadas nun momento en que ser muller e pertencer a un colectivo político cunha vida intensa era pouco frecuente. Estivo en innumerábeis loitas a prol dos dereitos culturais e nacionais da Galiza, algo especialmente significativo ao falarmos das décadas de artellamento político tras o golpe de Estado de 1936 e o terror do franquismo. A súa vida é tamén á do percorrido realizado por colectivos sociais e organizacións políticas na clandestinidade e, con posterioridade, a do Bloque Nacionalista Galego.

A partir do 12 de setembro de 2022 os seus restos repousarán no cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei. De seguro que para algunhas persoas Saleta será a viúva de Manuel María. E claro que o era. Viúva e alma mater da Fundación que leva o seu nome e que quixo sobordar os límites da promoción e difusión do noso poeta nacional para se converter nun espazo de intervención na cultura galega, apostando pola creatividade e a proliferación de iniciativas didácticas. Un labor de xigantes que ela, á beira de Alberte Ansede, conseguiu que florecese e fose máis un proxecto de dinamización do noso rural. Hai outras iniciativas con algunhas concomitancias, a Fundación Neira Vilas ou a Uxío Novoneira, espazos que abren mundos novos en lugares ávidos de protección do Patrimonio e de efervescencia cultural.

Mais Saleta Goi foi moito máis que iso. Para as persoas que a coñecemos, ela representa a vontade militante do nacionalismo galego, o seu avance e o traballo esforzado do día a día. Saleta estivo no Frontón de Riazor hai 40 anos, no nacemento do BNG e por iso forma parte das persoas entrevistadas no documental que a nosa organización política estrea o próximo día 14 en Compostela. E estivo nos inicios da celebración/recuperación do Día da Patria e na loita pola súa instauración desde o ano 1959 en que participou na misa de Rosalía. Ela acudiu todos os anos á cita, como unha militante máis, formando parte das persoas que procurabamos coa ollada porque sabiamos que tiña que estar. E ela era muller de militancia, sabedora da importancia do colectivo, presente en todos os actos culturais, de reivindicación patriótica e de memoria histórica mais tamén nas asembleas da organización, para expresar a súa opinión, para escoitar a das demais persoas, para construír o proxecto desde a base.

De forte carácter e un optimismo entusiasta, tiven o maior trato constante con ela (aínda que a coñecín e tratei moito antes) nos anos  en que estiven á fronte da Vicepresidencia da Deputación da Coruña. Alí mantiven numerosas e apaixonadas conversas, xunto a un dos seus maiores amigos, Manuel López Foxo. Mais sobre todo observei a súa capacidade resolutiva cando había que botar adiante un proxecto e os importantes dotes comunicativos que posuía. Supoño que unha parte da súa oratoria proviña desa etapa de felicidade da libraría Xistral de Monforte, “a dos galegos”, como dicía a rapazada da vila naquela altura. Finais dos 60, un proxecto comercial, mais sobre todo de compromiso político. Tertulias, conversas, edición de folletos, organización de actividades, un bulir continuo de xente nun ambiente de liberdade e de procura do coñecemento. Por iso Saleta tiraba de todas nós, do propio Manuel en moitas ocasións, porque nunca se rendía e sabía que era un elo dunha cadea de dignidade. Consciente de formar parte dun proxecto a medio e longo prazo contribuíu a el todos os días da súa vida.

Saleta foi unha figura irrepetíbel que, se non existise, como dicimos deste mesmo BNG e da loita pola unidade do nacionalismo galego, habería que inventar. Unha boa e xenerosa que botaremos en falta moitos días de ano mais, de maneira especial, eses 25 de xullo en que a súa presenza era patente na Quintana.

Son días de tristura para o país. Hoxe tamén soubemos do falecemento de Ramón Sánchez, profesor de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, natural de Escairón, e persoa vinculada a Nova Escola Galega. Outro bo e xeneroso que nos abandona.

É tempo de iluminar a memoria e de transmitir ás xeracións máis novas a importancia do compromiso e dun modelo de militancia, o de Saleta, que supón a máxima entrega ao País. Activismo, entusiasmo, traballo, dedicación, convicción, puro nervio e forte capacidade comunicativa xunto cun afecto profundo que a rodeaba e tocaba a quen se achegaba.

Que a terra che sexa leve, Saleta!

Até sempre, Ramón! @mundiario

Comentarios