O rol social da hipocrisía

Isabel II junto al príncipe Harry y Meghan Markle, duques de Sussex. RR SS.
Isabel II xunto ao príncipe Harry e Meghan Markle, duques de Sussex. / RR SS.
Para un británico é impensábel que sexa delito amosar os vicios da monarquía.
O rol social da hipocrisía

En tempos de pandemia con etapas de confinamento, semiconfinamento, confinamento in pectore e confinamento en espera, semella que o contido das novas con interese real sobre a vida en sociedade ha ser moi extremoso para concitar audiencia. Nos últimos días foi moi rechamante a retransmisión en directo, con profusión de imaxes moi pouco edificantes, de actos de rapina e saqueo combinados con destrución de bens urbanos, que taparon, ocultaron ou fagocitaron manifestacións a favor da liberdade de expresión ou, alternativamente, a favor da eliminación do delito de expresión.

Comezando polo delito, non é moi entendíbel que expresar mediante a palabra pensamentos poida constituír, nesta época, un delito. Considero inconcebíbel que sexa delito dicer algo (o que sexa) no século XXI nunha sociedade que se chama a si mesma civilizada. É como se non tivese desaparecido a Inquisición, como se as bases constitucionais do Estado español actual contemplasen -por necesidade- algún que outro elemento intocábel e mesmo sagrado. É como se fose preciso obrigar a crer nun painel de decencias definidas e, ademais, ter obriga de non manifestar nengún tipo de discrepancia sobre un conxunto de temas: asuntos, pensamentos e expresións dos que, ao non citalos, nen discutilos nen criticalos, permanecerán no sacro armario dos tesouros revelados.

Liberdade de expresión

As opinións son, como o seu nome indica, eleicións -conscientes ou non- que indican un coñecemento a priori, expresan un xuizo sobre algo ou amosan a preferencia por un criterio determinado. Certamente non son coñecemento -nen no sentido filosófico nen no sentido científico- pero polo mesmo considérase que o dereito de optar e opinar é universal. De aí que non se poida permitir, nesta época, censura nos meios de comunicación, nen carreiros marcados de circulación de  todo canto tertuliano/a sexa promovido ao circo mediático dos meios televisivos, radiofónicos e das redes sociais. Dicemos que non existe, por observación directa -non temos un coñecemento científico do asunto- pero aquí vale a proba lóxica de que, se hai profusión de disparates difundidos, é que se pode facer. Á contra non é necesario demostralo. É dicer, exprésanse opinións, difúndense opinións disparatadas sobre un painel de temas tratados e séguese reproducindo unha e outra vez o disparate, o tratamento e a difusión masiva.

Ergo, para algúns temas, hai liberdade de expresión. Se pasamos ao mundo artístico -sen entrarmos no campo conceptual, senón no vulgar de mercado- pasa exactamente igual. En  letras de cancións observamos tamén que algúns dos seus contidos son o reflexo machista de relacións que cousifican as mulleres: popular, pop, rock, rancheras, corridos, rap, reguetón... dan para estudar exactamente o contrario do promovido polas leis de defensa da igualdade.

Materias sobre as que se opina

Un outro aspecto do mesmo asunto -do painel de temas obxecto de opinión- é examinar que cuestións constitúen esa listaxe de materias sobre as que se opina. Porque, certamente, hai temas que parecen tabús e outros que, sendo tratados, só responden á apoloxía do pensamento único.

Deducimos que, habendo liberdade de expresión, tal e como víamos máis arriba, non hai liberdade de escolla sobre os temas a opinar. Alguén crea as estradas e as autroestradas de opinión formulada, e alguén inutiliza os camiños e pequenas vías de expresar outras opinións, tratar outros temas ou apontar posibilidades de discutir sobre certos aspectos da realidade política vivida. Porque, se ben é certo que hai un consenso xeral sobre os limites á liberdade de opinión que son recoñecidos no artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, son limites de protección da propria liberdade, circundándoa coas obrigas precisas para conviver en paz. Son autolimitacións dos proprios logros de humanos civilizados a viveren en sociedade.

Luces vermellas

Por esta razón é inexplicábel que no debate público dominante no Estado español a marca ou limite do opinábel constitúa un corsé á liberdade de expresión e aínda máis (ou a pior) que se acendan as luces vermellas do delito nada máis tratar de temas absolutamente coñecidos, tolerados e mesmo aparentemente necesarios. 

Aquí asoma a hipocrisía. Fai acto de presenza para cumprir o rol social de limitar un dereito individual en lugar de soportar un mal colectivo (que se entende como mal maior colectivo).

A hipocrisía vive en todas as sociedades, só que no caso do Estado español por razóns históricas e razóns políticas actuais está moito máis presente que noutras sociedades nas que tanto os meios de comunicación como os controis internos ao proprio rexime cumpren un papel depurativo, eliminando os vicios sociais indesexábeis.

Un recordo imborrábel do franquismo

Aquí todo o mundo sabe até a saciedade que a xefatura do Estado ten forma de monarquía como un recordo imborrábel do franquismo. É unha boa herdanza. E, ademais, a familia reinante está farta de infrinxir o código de conduta ética autoimposto, nunha especie de contrato cos cidadáns para se portar dignamente. Todo o mundo sabe do enriquecemento familiar e persoal da familia reinante, todo o mundo coñece que hai condutas persoais un pouco máis edificantes que as exhibidas, todo o mundo era sabedor da conduta pouco exemplar que practicaba como grupo con responsabilidades de estado.

Eu non digo nada que non se saiba, non engadín nada relevante informativamente falando, senón que entrei no espazo vedado de desvendar a ilusión creada de que os xefes de estado, que son reis, dunha dinastía real, raian na perfeición. A hipocrisía é unha simulación coa finalidade de enganar alguén, e no mundo en que nos movemos, é imposíbel pechar as fronteiras da comunicación, e moito menos cando convivemos con outras sociedades cuxa definición de liberdade é amplísima comparada coa española.

EE UU, Gran Bretaña, Francia, España...

Para un estadounidense é inconcebíbel que sexa delito queimar unha bandeira. Para un británico é impensábel que sexa delito amosar os vicios da monarquía. Para un francés é proba de fortaleza democrática ter convertido en reo de delito a un ex-xefe de estado (Sarkozy), e así, un a un, a listaxe de procedementos de limpeza democrática que se suceden en todos os países fortemente civilizados do mundo.

Se socialmente en España é tabú opinar o contrario do estipulado en materia de monarquía, de dereitos das nacións que están integrando o Estado, ou da afouteza  democrática, é certamente unha mostra de debilidade que se consideren delitos as opinións. Unha de dúas: ou moi febles son as bases da monarquía para que haxa que dicer que o rei non vai espido, ou moi cativa é a argamasa social que envolve as relacións entre cidadáns do Estado español. @mundiario

Comentarios