Ribeira ten novo Cronista Oficial: Xosé María Fernández Pazos

Trátase dun destacado escritor e xornalista, con ampla experiencia na radio. Agora dirixe Código Cero e O Barbanza, medios que teñen versións impresas e dixitais.
Este 23 de xullo fará vinte anos que faleceu Carlos García Bayón, primeiro cronista da cidade de Ribeira desde 1983 e que morreu no 2003. Desde entón o Concello de Ribeira (A Coruña) non contaba coa figura de cronista e, a proposta do actual equipo municipal, o elexido é Xosé María Fernández Pazos, un escritor e xornalista moi recoñecido en Galicia.
Xosé María Fernández Pazos contou co apoio dos 21 membros do pleno da Corporación Municipal de Ribeira, celebrado na xornada deste luns.
A proposta do actual rexidor, Manuel Ruíz Rivas, tódolos grupos da corporación –Suma Ribeira, BNG, PSdeG-PSOE, PBBI e PP de Galicia–, apoiaron a proposta da alcaldía.
Os grupos destacaron a figura do designado Xosé María Fernández Pazos. De feito, os vinteun concelleiros votaron a favor da elección do historiador e xornalista ribeirense.

Un destacado escritor e xornalista
O ribeirense Xosé María Fernández Pazos naceu rúa do Campo de Marte. É licenciado con grao en Xeografía e Historia, profesor de EXB e xornalista, labor que desenvolveu na Radio Galega dende a súa fundación en 1985. Foi xefe dos informativos da emisora autonómica, subdirector da emisora, xefe do servizo de Teletexto e Internet da CRTVG, servizos que fundou en 1995, e responsable da área do servizo de Radio Exterior da Radio Autonómica. Foi tamén responsable do Arquivo Sonoro e da web da RTG e do portal dedicado á historia de mesma. Actualmente o seu labor profesional compaxínase coa dirección das webs CodigoCero.com e obarbanza.gal e as revistas mensuais Código Cero e O Barbanza.
O longo da súa traxectoria, Fernández Pazos dirixiu e presentou programas dedicados á actualidade, o mar, o agro, a emigración e as novas tecnoloxías como Código e Banda Ancha e creou a canle CódigoTV e a emisora Nostalxia FM no niño de empresas da Universidade de Santiago. Foi amais asesor histórico da película titulada A illa das mentiras e participou na elaboración de programas da TVG.
Xosé María Fernández Pazos conta no seu haber con numerosos premios e recoñecementos ao seu labor profesional como o Galicia de Comunicación e o Manuel Beiras, entre outros mais de vinte. Colaborador de La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El Ideal Gallego e Diario de Arousa, Fernández Pazos mantivo durante varios anos unha sección fixa semanal sobre información da emigración no primeiro xornal en lingua galega, O Correo Galego.
Colaborador de Gran Enciclopedia Galega, Xosé María Fernández Pazos participou na redacción de varias obras e publicacións sobre historia e xeografía, entre eles Sálvora, memoria dun naufraxio. A Traxedia do Santa Isabel, que vai xa pola súa terceira edición e Santa Uxía de Ribeira. Oito séculos de Comunidade, que recolle a historia de Ribeira e na que colaboraron outra media ducia de autores. Amais publicou colaboracións en obras conxuntas de temática histórica, xornalística e técnica. No seu haber figuran preto de cen artigos sobre a xeografía e a historia local, e colaborou en varias obras dedicadas á comarca e o concello. É doutorando da universidade compostelán facendo actualmente a investigación sobre a emigración a América nos buques da Compañía Transatlántica Española: o Santa Isabel e o San Carlos e mantén a web riveira.info, na que se recolle a historia local de Ribeira. @mundiario