Felipe VI será o presidente de honra do primeiro Congreso Mundial Xacobeo

Felipe VI usando una mascarilla. / Instagram
Felipe VI usando una mascarilla. / Instagram

Relatores de catro continentes reflexionarán sobre o Camiño de Santiago, o fenómeno xacobeo e as peregrinacións. Os actos organizados pola Academia Xacobea desenvolveranse en Santiago e Padrón os días 3, 4 e 5 de xuño.

Felipe VI será o presidente de honra do primeiro Congreso Mundial Xacobeo

Santiago de Compostela e Padrón acollerán os días 3, 4 e 5 de xuño deste ano as actividades do primeiro Congreso Mundial Xacobeo, un encontro organizado pola Academia Xacobea e que terá como presidente de honra ao rei Felipe VI. Así o confirmou xa a Casa Real aos organizadores do programa de actividades que baixo o título de Camiños de Santiago reunirá durante esas tres xornadas a especialistas procedentes do ámbito autonómico, estatal e internacional para debater sobre os roteiros a Compostela, o fenómeno xacobeo e a experiencia das peregrinacións en xeral.

As orixes do Camiño de Santiago e dos grandes textos xacobeos, a filosofía e a literatura no roteiro cara a Compostela, a relación entre Camiño e dereito, o patrimonio no Camiño de Santiago e os aspectos da peregrinación relacionados coa saúde son os temas centrais que serán abordados nos relatorios e as mesas redondas do congreso. Está prevista a participación de especialistas do ámbito institucional e académico procedentes de catro continentes. Tamén fará acto de presencia o escritor e membro de Academia Brasileira de Letras Paulo Coelho, un dos grandes responsables do auxe do Camiño no seu país natal, que formalizará durante o Congreso Mundial Xacobeo o seu ingreso como académico de número da Academia Xacobea.

Un congreso reprogramado

A Xunta, a través do Xacobeo 2021, patrocina este primeiro Congreso Mundial Xacobeo no que tamén colaborarán as tres universidades galegas e outras institucións como a Cátedra do Camiño de Santiago, as cátedras Iberoamericana e de Cronicidade da USC, o Grupo Compostela de Universidades, o Comité Internacional de Expertos no Camiño de Santiago e a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, ademais dos concellos de Santiago de Compostela e Padrón, e a empresa Gadisa.

A celebración do primeiro Congreso Mundial Xacobeo estaba prevista inicialmente para maio do 2020, pero tivo que ser posposta por mor da pandemia da covid-19. Agora, en previsión da favorable evolución da situación sanitaria, reprogramouse para o próximo mes de xuño. Ademais, para favorecer a participación de todas aquelas persoas interesadas en tomar parte no congreso, pero que non se poidan desprazar a Galicia, está prevista a retransmisión en streaming da práctica totalidade das actividades do programa.

O formulario de inscrición xa está dispoñible

O Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago acollerá as actividades das dúas primeiras xornadas (3 e 4 de xuño). O día 5 os actos trasladaranse á Cidade da Cultura, en horario matinal, e á vila de Padrón, onde están previstas senllas visitas ao Pedrón e a Casa Museo de Rosalía de Castro. 

O programa completo de actividades do primeiro Congreso Mundial Xacobeo e o formulario de inscrición xa están dispoñibles na páxina web da Academia Xacobea.

Xesús Palmou. / M. Muñiz en ABC

Xesús Palmou. / M. Muñiz en ABC

Xesús Palmou, presidente do comité organizador

O presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou Lorenzo, preside tamén o comité organizador do Congreso Mundial Xacobeo, do que forman parte ademais como secretario, Marcelino Agis Villaverde (vicepresidente dá Academia Xacobea); como vogais, os académicos Ulises Bértolo García, Eduardo López Pereira, José Manuel García Iglesias, Luís Celeiro Álvarez, Enrique Otrero Fernández e Jesús de Juana López, e o presidente da Cátedra de Cronicidade da USC, Antonio Pouse Reino, e como secretaria técnica, Rocío Carolo Tosar. Os académicos de número e de honra da Academia Xacobea integrarán, así mesmo, o comité científico do congreso.

Xunto a Felipe VI integran o comité de honra o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices Vieira; os alcaldes de Santiago de Compostela e Padrón, José Antonio Sánchez Bugallo e Antonio Fernández Angueira; o arcebispo compostelán, Julián Barrio; o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; os reitores das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, Antonio López Díaz, Julio Abalde Alonso e Manuel Joaquín Reigosa Roger; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken; a presidenta de honra do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Colette Flesh, e o presidente da Academia das Ciencias de Lisboa, Carlos Salema. @mundiario

Felipe VI será o presidente de honra do primeiro Congreso Mundial Xacobeo
Comentarios