O Resurrection Fest, unha referencia a nivel mundial

Esteban Girón, o responsable de comunicación do Resurrection Fest. / CRTVG
Esteban Girón, o responsable de comunicación do Resurrection Fest. / CRTVG

O responsable de comunicación do festival destacou a importancia turística do evento para unha vila como Viveiro

O Resurrection Fest, unha referencia a nivel mundial

Esta mañá estivo no programa “Bos Días” da Televisión de Galicia Esteban Girón, o responsable de comunicación do Resurrection Fest, un dos festivais de música de máis sona do país. Na conversa con Marcos Sueiro, salientou as novidades arredor do festival, que comeza este mércores e durará ata o domingo, e ten a Kiss e Scorpions como cabezas de cartel.

Girón comezou a súa intervención falando de datos e afirmou que a XIII edición do festival atraerá a máis de 85.000 persoas chegadas de 42 países diferentes. Ademais, engadiu que “participarán 100 bandas de música de rock, metal ou hardrock, con 12 horas de concertos en directo todos os días”.

O responsable de comunicación do festival destacou a importancia turística do evento para unha vila como Viveiro, con arredor de 15.000 habitantes. Sobre isto, afirmou que “a ocupación hoteleira e de todos os cámpings xa é do 100%”. Girón destacou tamén a contorna natural de Viveiro e sinalou que “é un factor diferencial ter un festival no medio da natureza, onde destacan as praias e a gastronomía galega”. De feito, destacou que o festival vai máis aló da música “para converterse nunha experiencia”.

Entre as novidades do festival sinalou a creación do “Punto Lila”, un punto de referencia para alertar de abusos ou agresións sexuais ou simplemente para acadar información, aínda que destacou que “nas 12 edicións anteriores non houbo nin un só altercado”. @galiciamundiari

Comentarios