Ata cando soportará A Coruña a entrada de petroleiros de Repsol na cidade?

La refinería de Repsol con A Coruña al fondo. / Xurxo Lobato
La refinería de Repsol con A Coruña al fondo. / Xurxo Lobato

Repsol A Coruña (1) abre unha serie de artigos sobre a contaminación, a carón dunha refinería dentro dunha área metropolitana de 400.000 persoas e ao fío dun traslado da terminal ao Porto Exterior con prazos que non se cumpren.

Ata cando soportará A Coruña a entrada de petroleiros de Repsol na cidade?

O complexo industrial de Repsol na Coruña localizase entre os municipios de A Coruña e Arteixo, en dous vales Nostián e Bens, ocupando unha extensión de 150 hectáreas.  En realidade o complexo industrial non só comprende unha refinería, senón tamén unha terminal marítima e un oleoduto.  A entrada de cru e algunha outra materia prima a refinería e saída de produtos destilados –naftas, gasóleos, gasolinas, GLP,...–  realizase  por medio dun oleoduto de 6,5 km de lonxitude que ten 14 conducións que comunican coa terminal marítima de San Diego no porto interior  de A Coruña onde entran con certo risco mais de 300 buques  ao ano a algún dos catro pantaláns de atraque. Digo con certo risco  e cito só dous exemplos concretos que o proban:

> No  ano 1976, o buque tanque Urquiola, a entrada na ría de A Coruña, chocou contra unhas agullas no canal norte de acceso ao porto. No quinto intento de rescate  prodúcese unha explosión e incendio do cru que transportaba para Petrolíber, hoxe Repsol, e produce unha marea negra de aproximadamente a metade das cen mil toneladas que transportaba, provocando un dos maiores desastres ecolóxicos da costa galega, ademais da morte do capitán do barco. No ano 1985 unha sentencia do Tribunal Supremo obriga ao Estado a pago de indemnización a cofradias e pescadores con 7.000 millóns de pesetas.

> En 1992, o buque Mar Egeo, que transportaba case 80.000 toneladas de petróleo cru lixeiro para Repsol, na sua aproximación ao porto para descarga, bate contra Punta Herminia, fronte a  Torre de Hércules. Conseguiron extraer e transvasar  algunhas toneladas de cru, pero mais de 67.000 t incendiáronse/evaporáronse ou provocaron marea negra,   marea que afectou a  mais de 300 kms de costa e en especial as rías de A Coruña, Ares, Betanzos e Ferrol. 

Estes accidentes fixeron ver  que  a situación podía repetirse, polo que  por seguridade  necesitábase  unha nova terminal e un porto exterior dado o impacto  (ecolóxico-económico e social) que provocaron na ría. Nos casos citados a situación puido aínda ir a peor, os incendios de cru provocaron contaminación e gases tóxicos que si se chegan a respirar provocan  graves problemas respiratorios  que poden incluso causar mortaldade. No caso do Urquiola o vento favoreceu a poboación de A Coruña  e axudou a  alonxar e dispersar  a contaminación  noutra dirección, pero non sempre sucede así.  Ademais o volume de transporte que manexaba Repsol e no futuro as importantes descargas de carbón de importación para Meirama aconsellaban un novo porto. Ao final escolleron  Punta Langosteira para porto de A Coruña .  Pero no noso país  todo vai lento e facilmente fixan datas  para finalizar as obras antes de que empecen e logo os prazos non se cumpren (AVE...).   

O 14 do outono de 2013, a ministra de Fomento, Ana Pastor, preside o acordo  e sinatura dun documento entre a Autoridade Portuaria de A Coruña e  a refinería de petróleo,  para o inicio do traslado da terminal de Repsol ao Porto exterior de Punta Langosteira. As instalacións de Repsol nese ano movían case 300 buques e  sete millóns de toneladas de cru  (60%) e produtos refinados (40%).

Establecen que as operacións con petróleo cru se desenrolaran no Porto exterior nun prazo máximo de 54 meses (prazo que  remata agora, no 2018) e asi liberarían  26.400 m2 de terreo, –correspondente básicamente a área  de almacenamento de cru e xofre–, que segundo o Ministerio quedarían para urbanizar e serían  integradas na cidade.  Como compensación do traslado anticipado (caducaba a concesión no 2027), Repsol recibe 23,9 millóns de euros en 15 anos e verase obrigada a realizar unha inversión de 124,6 millóns de euros para a construción da nova  terminal e dun pantalán de uso exclusivo.

Pasados xa 53 meses da data de sinatura do acordo inicial, o 15 de marzo de 2018  o Consello da Xunta acorda autorizar a construción do Poliduto de Repsol, infraestrutura con instalación de  11 tubos mais un de reserva  e  lonxitude  de 4,2 km  que conectará a refinería co porto exterior de Punta Langosteira.

O proxecto ten presuposto de 27,1 millóns e foi  declarado de utilidade publica, Repsol posteriormente precisa  a licencia de obras  dos concellos de Arteixo e A Coruña e expropiación  dos terreos. Non existe data clara para inicio, execución e finalización das obras que seguramente non serán no 2018, o que si di a nota é que a “ previsión é que as obras arranquen neste ano”. 

Non queda moi claro se con esta obra  se eliminarán todos  os tráficos de cru  do porto interior da cidade de A Coruña, xa que na nota informativa da Xunta, afírmase ao principio nos titulares este obxectivo, pero tamén noutro lugar dise que despois de rematada a obra e posta en servizo “entre os graneis líquidos que deixarán de fluír figura o cru, polo que se evitará a entrada na Coruña dos petroleiros de maior porte”.

Pode comprobarse coas datas citadas que tanto a Autoridade Portuaria como os Organismos Públicos aínda  tardaron moitos anos en ver que se necesitaba por  diversas razóns pero por riba de todo por seguridade unha nova terminal fora do porto interior de A Coruña. Fixeron falta varios sinistros, algún con perda de vidas humanas, grandes perdas económicas e desastres ecolóxicos para decidilo . Quizá pode tamén que algún día cheguen a conclusión que a ubicación actual da refinería non é a máis idónea.

A refinería de Repsol localizase as portas da segunda cidade máis poboada de Galicia, nunha área densamente poboada  con grandes posibilidades de expansión e varrida por ventos que recollen a contaminación que sae das altas chemineas, ademais é o lugar onde se poden almacenar gran cantidade de produtos nocivos, perigosos e explosivos, a refinería ten unha capacidade de almacenamento en tanques, de aproximadamente 650.000 m3 de cru e 1.250.000 m3 de produtos, e en esferas  pode almacenar  33.000 m3, as áreas de almacenamento de sólidos, silos e campas, teñen unha capacidade de 41.000 t para coque e 10.000 t para xofre.

Tendo tantos kilómetros de costa e tantos lugares posibles, resulta curioso e sorprendente  que unha industria considerada contaminante como unha refinería de petróleo se  asente  as portas dunha  cidade como  A Coruña, cuxo concello é relativamente pequeno –non chega a 40 km2–  pero conta cunha poboación de 244.000 habitantes e nunha comarca que en case 470 km2  ten 400.000 habitantes. ¿Sería un regalo... no ano 1964? @mundiario

Comentarios