O respecto polo ensino e o presidente

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo. / Xunta
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. / Xunta
Se é certo que estamos frente a unha crise de dimensións non coñecidas, máis esforzado deberá ser o empeño en resolver os problemas que plantexa o cumprimento das tarefas de ensino obrigatorio.
O respecto polo ensino e o presidente

Non parece necesario ter que argumentar en pleno 2020 o papel que cumpre o ensino. Hai un xeral consenso social no rol do mesmo, da súa necesidade e dos beneficios sociais e persoais que se derivan da existencia dun ensino universal para todos os cidadáns. É non só meio de socialización, de cualificación e de borrado das diferenzas sociais que existen, senón tamén medida da cualidade do estado de benestar. Tampouco debería ser preciso lembrar que a misión dun gobernante é xustamente iso, gobernar; e, non obstante, en plena pandemia, e a modo de secuencia despois dunha longa tradición (desde a primeira maioría absoluta), en lugar de gobernar, de tomar decisións, fanse rodas de prensa e dítanse recomendacións.

Do dito en rodas de prensa hai algunhas cuestións que son levadas ao DOG e teñen por tanto valor de norma legal –e, se se ordena, de obrigado cumprimento- e outras só saíron pola ‘tele’, son recomendacións, desexos, comentarios etc. Esta última restra de palabras non constitúen materia de goberno, xa que un gobernante non é o colega amábel dos cidadáns senón alguén escollido para cumprir coa responsabilidade de velar pola vida e condicións dos votantes e dos non exercentes. O caso que nos ocupa é a inacción gubernativa do sr. Núñez Feixoo acerca do ensino obrigatorio nesta nova etapa da pandemia.

Se é certo que estamos frente a unha crise de dimensións non coñecidas, máis esforzado deberá ser o empeño en resolver os problemas que plantexa o cumprimento das tarefas de ensino obrigatorio. E observamos que a vintetantos de agosto os docentes, os pais e os proprios estudantes, á parte de se aprovisionaren de máscaras (ao por maior), non teñen seguridade algunha verbo dos cambios que obrigadamente van vir da man das novas condicións sociais. Non houbo lexislación, por tanto, non hai orzamento comprometido para as actuacións novas que foren precisas.

Non hai compromiso de contratacións novas para dobrar persoal en turnos probabelmente necesarios; non houbo nen hai coñecemento da cantidade de nenos sen conexión vía telemática co seu centro. Non hai garantía de cobertura das redes en todos os lugares necesarios.

Non hai norma legal de exención horaria para compatibilizar teletraballo de adultos e escolarización a distancia de nenos. Paralisáronse as oposicións sen recambio nen alternativa. De feito, son moitos os que pensan que, se se puideron facer eleicións, tamén se poderían ter feito oposicións do ensino... En fin, é verdadeiramente penoso, como cidadá galega, escoitar o responsábel da Xunta de Galiza clamar pedindo que o Estado organice algo que é da súa exclusiva incumbencia.

En Euskadi, en Cataluña ou mesmo en Murcia, toman as decisións que teñen que tomar xa que as condicións do ensino en cada lugar son singulares e a ese teor deberá se referir a acción de goberno, por razóns específicas e, sobre todo, por razón legal de responsabilidade gubernativa. As competencias de ensino no Estatuto de Autonomía non permiten gobernar hoxe e delegar mañá cando non é interesante para a imaxe do presidente. @mundiario

Comentarios