Renovado o consello de administración da CRTVG

Pantallas en la CRTVG. / Mundiario
Pantallas na CRTVG. / Mundiario
Tres dos nomes repiten no cargo, mentres que entran a formar parte do consello outros tres novos profesionais. 
Renovado o consello de administración da CRTVG

O Parlamento de Galicia aprobou a nova composición do consello de administración da CRTVG. Continúan no seu posto Ana Peón, Higinio Meijide e Luis de la Matta, mentres que se incorporan Alfonso Cabaleiro, Carme Vidal e Irene Viña

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou onte por unanimidade a renovación dos compoñentes do consello de administración da Corporación da Radiotelevisión de Galicia (CRTVG). O órgano levaba sen cambiar os seus membros desde o verán de 2015. Tres dos nomes repiten no cargo, mentres que entran a formar parte do consello outros tres novos profesionais. 

Todos os conselleiros que repiten no posto foron propostos polo Partido Popular, a quen lle corresponde nomear catro representantes. Trátase de Ana Isabel Peón Piñeiro (xornalista con experiencia en medios como AGN, Diario de Galicia, El País e El Correo Gallego, ademais de gabinetes da administración, conselleira desde novembro de 2005), Higinio Meijide Gómez (profesor de dereito, membro desde xuño do 2009) e Luis de la Matta Cantó (profesional da comunicación que traballou no ABC, El Mundo-El Correo de Burgos e no gabinete de comunicación do PPdG, no consello desde decembro de 2011). A estes nomes súmase agora Alfonso Cabaleiro Durán, quen era até agora director xerente de Galicia Calidade e exercera de secretario de Medios da Xunta do 2003 ao 2005 e do 2009 ao 2012.

Ademais deles, o Bloque Nacionalista Galego, que volve ter representación no consello, nomeou á xornalista Carme Vidal Laxe, que estaba a exercer de xefa de prensa da Vicepresidencia na Deputación da Coruña. Ademais, ten traballado en medios como como El Correo Gallego, A Nosa Terra e Sermos Galiza. En representación do Partido Socialista de Galicia, por último, foi proposta a comunicadora Irene Viña Bravo, até agora directora de comunicación do PSdG, antes do cal foi redactora da área de Política de Europa Press en Galicia durante unha década. @mundiario

Renovado o consello de administración da CRTVG
Comentarios