O relevo controlado de Feijóo

Alfonso Rueda y Alberto Núñez Feijóo. / PP
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. / PP
Dende 1990, o PPdG foi un partido que combinou unha estrutura organizativa baseada nas xerarquías provinciais coa existencia dun liderado forte a nivel galego.
O relevo controlado de Feijóo

A elección de Feijóo como presidente do PP estatal, colocou á organización galega deste partido diante dunha situación inédita: a necesidade de substituír á persoa que relevou a Manuel Fraga a partir de 2006 e que, posteriormente, acadou a presidencia da Xunta.

Os precedentes históricos deben ser considerados mais non poden asegurar o éxito do proceso que se vai dar nos vindeiros meses. Dende 1990, o PPdG foi un partido que combinou unha estrutura organizativa baseada nas xerarquías provinciais coa existencia dun liderado forte a nivel galego. Primeiro Fraga e despois Alberto Núñez administraron unha maquinaria pensada, fundamentalmente, para conseguir e conservar o poder político nas diversas instancias das Administracións públicas.

Certamente, existiron especificidades en cada unha desas etapas. Entre 1990 e 2005 as baronías provinciais tiñan acumulado un peso tan relevante (Romay, Cuiña, X.L. Baltar e Cacharro Pardo) que esixían un exercicio intenso da autoridade fundacional que posuía Fraga no universo da dereita posfranquista.

Nas hemerotecas fican algunhas probas daquelas tensións entre o presidente da Xunta e os caciques provinciais que non estaban dispostos a perder totalmente os niveis de autonomía cos que se edificara a estrutura do poder interno no PPdG. A partir da chegada de Feijóo as cousas mudaron significativamente porque o novo líder galego promoveu unha política deliberada para reducir a capacidade de manobra dos virreinatos provinciais. Só houbo unha excepción: a familia Baltar gañoulle o pulso a Alberto Núñez e, coa bandeira simbólica da “ourensanía”, blindou o dominio sobre o seu territorio ante calquera proxecto de control dende a dirección galega.

Resulta obvio que o PPdG non elixiu o momento para realizar a transición que vai situar a Alfonso Rueda como o principal referente orgánico e como novo presidente da Xunta. Os tempos viñeron marcados pola fonda e rápida crise interna padecida polo PP de Casado. Esta circunstancia reforzou aínda mais o papel de Feijóo no proceso da súa sucesión. Se comparamos o que está sucedendo agora co que pasou no ano 2006, constataremos que, daquela, Fraga tivo un protagonismo menor do que cabía esperar (por varias razóns: a forte erosión padecida polo que fora presentado durante moitos anos como o relevo oficial -Xosé Cuiña-; pola perda da maioría absoluta sufrida no 2005 e pola presión exercida por Rajoy e Romay dende Madrid).

No momento actual o partido non cambia o liderado por un fracaso nas urnas ou pola xubilación do seu máximo dirixente senón por unha circunstancia imprevista. Nestas condicións, para acadar o obxectivo de manter a hexemonía do PPdG nas institucións de autogoberno resulta necesario, como mínimo, asegurar a maior unidade no establecemento do novo equilibrio de poder interno. Nesa tarefa, a intervención de A. Núñez resulta determinante: por moito que se garden algunhas aparencias, estamos ante un proceso controlado e dirixido polo actual inquilino de Montepío.

O PPdG non sente a necesidade de renovar o seu ideario programático. Tampouco quere repensar o seu funcionamento organizativo. Aposta pola máxima continuidade e deposita toda a súa confianza no éxito futuro de Feijóo na carreira cara a Moncloa. O problema é que Rueda carece das fortalezas que tivo o actual presidente da Xunta. E, ademais, as eleccións municipais de Maio do vindeiro ano poden ratificar, mais unha vez, a derrota do PP na provincia de Pontevedra (se non acada as alcaldías das tres principais cidades e o goberno da Deputación) e debilitar, xa que logo, a figura do novo líder.

BNG e PSdG teñen a mellor oportunidade dos últimos anos para desprazar ao partido que ven hexemonizando a vida política galega. Non será doado porque, a pesar das súas vellas e novas debilidades, o PPdG conserva unha notábel fortaleza no tecido social e segue contando, polo momento, co apoio dos principais poderes económicos e mediáticos do noso País. As forzas da actual oposición na Cámara do Hórreo están obrigadas a non cometer erros e maximizar as súas potencialidades. @mundiario

Suso Veiga

Comentarios