Outro relato do bipartito é posible

Anxo Quintana y Emilio Pérez Touriño. / Mundiario
Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño. / Mundiario
O relato que impera do bipartito na opinión pública galega é un caso clamoroso de manipulación, ocultamento e inxustiza histórica.
Outro relato do bipartito é posible

Na campaña electoral das autonómicas de 2009 e nos meses previos, o Partido Popular, coa colaboración indispensábel dos principais medios de comunicación do país, foi quen de introducir con grande éxito nunha parte importante da sociedade galega a idea de que o bipartito eran dous gobernos con dous presidentes. E desde entón até hoxe o PP non deixou de construír no imaxinario colectivo unha imaxe nefasta daquel goberno, sen que as forzas políticas que o integraban combatiran coa contundencia necesaria esa campaña permanente de desprestixio dunha etapa política que, con luces e con sombras, con acertos e con erros, foi, sen dúbida, o período máis positivo da Galiza contemporánea desde a perspectiva da construción real dun cambio político e dun maior autogoberno.

Non é a primeira vez que escribimos do bipartito. Para nós o relato que impera do bipartito na opinión pública galega é un caso clamoroso de manipulación, ocultamento e inxustiza histórica que certamente nos doe e nos indigna, porque resistímonos a aceptar que aquel esforzo que se fixo por construír un país diferente non poida ser coñecido nin valorado cun mínimo de rigor e obxectividade pola sociedade galega actual e polas xeracións do futuro. Ao final o Partido Popular e os poderes fácticos conseguiron o seu obxectivo: que o bipartito en vez de ser un período político do que sentirnos orgullosos e orgullosas sexa unha etapa da que non paga a pena falar ou incluso convén esquecer.

Cremos que é unha constatación, un dato empírico, que as dúas forzas políticas que integraban o bipartito equivocáronse non poñendo en valor tras a derrota electoral de 2009 eses catro anos de inxente traballo a prol do país. Se exceptuamos o inmenso labor do Partido Galeguista durante a República para dotar a Galiza dun Estatuto de Autonomía e aprobalo masivamente en plebiscito en 1936, posibelmente o nacionalismo galego non tivo en ningún outro momento da súa historia unha oportunidade de facer país e de transformar a nosa realidade como si a tivo o BNG desde a Xunta de Galicia durante aquela lexislatura. E iso había que transmitilo á sociedade, cando se estaba no goberno e cando se deixou de estar. E lamentabelmente non se fixo. E de igual forma actuou o PSdeG-PSOE despois da dimisión de Touriño: silencio absoluto sobre o bipartito. Co cal o PP puido mentir, desprestixiar e difamar día tras día e ano tras ano sen recibir ningunha réplica contundente. E ese é o relato que finalmente se impuxo.

Tamén nos chama poderosamente a atención que trece anos despois  das eleccións autonómicas de 2009 aínda hoxe ninguén publicara un libro sobre aquela experiencia histórica que protagonizaron en primeira liña Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana e na que houbo, así mesmo, conselleiros e conselleiras de gran perfil político, como foi o caso de Alfredo Suárez Canal, Teresa Táboas ou Fernando Blanco, que á súa vez se rodearon de persoas igualmente moi valiosas e cunha longa traxectoria de entrega ao país. Só coñecemos algúns artigos de opinión, as páxinas dalgún libro onde se aborda esa etapa e a tese de doutoramento de Paulo Carlos López López (A construción da axenda política, mediática e pública nas eleccións  galegas do ano 2009: estratexia partidaria, produción da información e cidadanía, USC, 2016), unha tese que analiza fundamentalmente a campaña belixerante contra o bipartito que levaron a cabo varios medios de comunicación. Mais o que é un libro que estude con rigor e detalle, en profundidade, o que foi esa acción de goberno, os seus logros e os seus fracasos, realmente non existe. E resulta inexplicábel.

O BNG accedeu á Xunta de Galicia para traballar por un país novo, un país consciente da súa identidade e da súa capacidade para existir como unha nación no mundo, un país no que se puidese traballar, producir e vivir con dignidade. A tarefa non era doada. Partíase dun marco competencial que é o que é, non o que desexaríamos, dunha situación na que Galiza fora perdendo progresivamente peso político, económico e social e da existencia dunha arquitectura legal construída ao longo de moitos anos non precisamente para existirmos como país, como un país vivo, próspero, moderno e ansioso de máis soberanía política. O primeiro que houbo que facer, pois, foi crear un novo marco legal para emprender certos cambios profundos, e non sempre coa colaboración entusiasta do PSdeG-PSOE, que ademais era o socio maioritario nesa coalición entre nacionalistas e socialistas.

Non foi pouca cousa en tan escaso tempo

Pódese ser crítico con aquela etapa, por suposto, e pódense enumerar moitos erros,  e podemos sentirnos moi decepcionados por non sermos quen de conseguir o Estatuto de Nación ou o Instituto Público de Crédito, pero sería enormemente inxusto non recoñecer que se articulou e comezou a desenvolver o sistema galego de benestar social, que se puxeron en marcha políticas de igualdade, que se estabeleceron cambios estruturais para que o medio rural tivese futuro económico e social, que se impulsou unha política social de vivenda, que se lle deu unha atención prioritaria á memoria histórica e á homenaxe ás vítimas da barbarie do 36, que a lingua galega contou cunha moi valente e necesaria política lingüística, que se fixo un esforzo inxente por levantar o veto á construción naval civil nas instalacións de Astano ou que se deseñou unha política enerxética que redundara en beneficio do país e non das empresas de sempre, como Fenosa, Endesa ou Iberdrola.

Todo isto non foi pouca cousa en tan escaso tempo. Todo iso é así a nada que se mire cun mínimo de obxectividade. No nacionalismo había un proxecto firme e claro de país, radicalmente transformador. A outra forza do goberno, o PSdeG-PSOE, optou desde o principio por unha liña máis continuísta, menos conflitiva, procurando non promover cambios que conlevasen enfrontamentos co poder estabelecido. E iso foi moi evidente, por exemplo, na tramitación do concurso eólico, como o demostra a “Acta 21/2008 da Comisión de Valoración”, onde un funcionario da Consellaría de Medio Ambiente, despois de recoñecer que se fixo un traballo “profesional e serio” e de “elevado grao de obxectividade e rigor”, manifesta que debe abandonar a comisión “por indicación expresa do seu conselleiro”.

O papel de Anxo Quintana

Temos a certeza de que ás veces hai comportamentos e xestos na esfera do privado que son máis admirábeis que a coherencia ideolóxica que poida posuír unha persoa ou que o pensamento máis soberanista, independentista e revolucionario que un deputado ou unha deputada poida defender na tribuna dun parlamento, e o pulso que lle botaron Anxo Quintana e Fernando Blanco aos poderes económicos, empresariais e mediáticos para aprobar o concurso eólico con criterios de país foi, ao noso xuízo, a posición máis radical e de maior coraxe política que houbo naquel goberno e na historia máis recente de Galiza. A coñecida frase “Un enfermero de Allariz no puede venir a cambiar el marco económico de Galicia”, pronunciada nunha reunión na cidade da Coruña diante do propio vicepresidente da Xunta, e a resposta, a dignidade e a firmeza de Quintana naquel contexto de guerra contra o concurso eólico da Consellaría de Industria ben merecen un capítulo importante na crónica das decapitacións políticas, porque a partir dese momento (mediados de 2008) a belixerancia contra o bipartito e o linchamento político e persoal de Anxo Quintana non cesou un só día, coas nefastas consecuencias que todos coñecemos para o cambio político que estaba en marcha en Galiza. 

Escribir outro relato do bipartito é un exercicio imprescindíbel, por hixiene democrática e por xustiza histórica. Igual que é de xustiza darlle a Anxo Quintana e a Fernando Blanco o lugar de honra que merecen na historia política de Galiza por non claudicar dun proxecto de país diante de todos aqueles poderes fácticos que tanto contribuirían logo a volver a situar o Partido Popular ao frente da Xunta. Para que todo seguise igual. @mundiario

Comentarios