As relacións Igrexa-Estado no século XXI

Papa Francisco. / RR SS.
Papa Francisco. / RR SS.

A que haberá que esperar para reformar a Constitución neste apartado e obrigar aos crentes a que sosteñan a Igrexa e non o Estado?  Será agora bon momento para que o Goberno do PSOE que se albisca no Estado emprenda reformas necesarias como esta?

As relacións Igrexa-Estado no século XXI

Entre os temas de longo alcance político que quedaron mal resolvidos na democracia española –ou fórono de maneira non satisfactoria á luz do progreso– está o papel da Igrexa nas relacións político-institucionais.

A parte máis progresista da sociedade bótalle en cara ao PSOE a súa responsabilidade na falta de homologación democrática cos Estados do noso entorno, ou, por dicelo doutro xeito, seren responsábeis de non separaren nidiamente o rol de cada un. Así expresado inclúe un respeito democrático absoluto ás prácticas, crenzas e ritos de cada quen, xa que (este argumento pertence aos filósofos sociais do século XIX) esa separación é garantía de que o poder civil representa a todos, e non acolle prácticas de ninguén para se lexitimar cunha aura de moralidade sacra. A presenza pública da Igrexa católica en España non sofreu reubicación nen perda de poder relativo a pesar dos gobernos PSOE -  durante máis da metade do período que nos separa do 1978 (data de aprobación da Constitución).

Séguese impartindo clase -é unha materia con cualificación- de relixión no ensino oficial; as autoridades relixiosas da Igrexa Católica están incluídas no protocolo civil de eventos civís; hai máis colexios concertados de ideario católico con subvención; continúa  habendo capelas católicas nos hospitais públicos, con capelán incluído, hai nos centros públicos, mesmo universitarios, capela da Igrexa católica habilitada para culto, e, finalmente, pero non menos importante, a Igrexa católica é en España financiada polo Estado, quérese dicer, non coas contribucións dos seus fregueses.

Por moitas voltas argumentais que se lle queira dar, non existe razón nengunha para empregar os cartos públicos en soster a Igrexa Católica. Unha cousa é o patrimonio: se é un ben cultural público debe ser entregado ao Estado para o seu sostén e uso público. É case cómico  que a titularidade sexa da Igrexa e a responsabilidade de mantemento do Estado. Non é moi lóxico, nonsí? E de xustiza xa non falamos. Outra cuestión separábel e a ter en conta é a influencia histórico-cultural que na vida civil dunha parte dos cidadáns tiveron e teñen as celebracións relixiosas.

Pero da fineza dos gobernantes en cada momento dependerá que non haxa problemas se un neno dunha familia católica fai unha peregrinación a un santuario e falta a clase, se outros de relixión islámica fan xexún de Ramadán, ou se  a outra se lle ocorre ir traballar con burka. Na Universidade Complutense de Madrid funciona capela católica, na de Sevilla sería impensábel ter clase en Semana Santa, á contra da Universidade do País Vasco, que descansa en Pascua. Citamos os días feriados porque é evidente que teñen  transcendencia civil.

Aínda hai outras cuestións, citadas polos defensores do statu quo, como evidentes, para o mantemento do financiamento público: atribúese á Igrexa o exercicio encomiábel da asistencia social e mellora da vida dos desamparados. Esta cuestión non é baladí, por rozar todas as sensibilidades: as da solidariedade humana, as de ansia de xustiza, as de caridade, as de compaixón, mesmo as morbosas.

Non obstante, o Estado deberá pular pola derrota da inxustiza social, pola loita continua contra as desigualdades de todo tipo, polo respeito inviolábel da lei, e de que esta sexa para todos e cada un, débese encargar do labor redistribuidor a través dos seus investimentos, dos seus gastos e do seu rol de cobertura da asistencia social como dereito, e non como caridade. Financiar a Igrexa católica con cartos públicos e despois dicer que fai labor social é o colmo do retorcido argumento católico.

Considérase desde a perspectiva civil e progresista que a mellor relación entre o Estado e a Igrexa -ou igrexas no seu caso- é á de respeito mutuo e cada un no seu lugar na sociedade e no orzamento público porque das relacións íntimas non se pode derivar control. Este aspecto reviste moita maior importancia nun momento –o presente- tan extremadamente respeitoso co uso dos fondos públicos: convén ser coherentes e vixilar coa mesma minuciosidade todos os empregos do diñeiro de todos.

Dado que a Igrexa cumpriu un papel tan importante na historia do poder civil en España grazas a unha especie de matrimonio de intereses, pode parecer “natural” que hoxe, sen ter base nen lexitimidade na conformación institucional do Estado, siga estando omnipresente. Pode aparecer como normal que o exército desfile nas procisións de Semana Santa, e, porén, para que o exército participe na limpeza de montes en perigo de incendio hai que xustificalo.

Visto que na política española actual tense declarado polo PP e polo PSOE unha aversión patética a emprenderen a reforma constitucional -agás cando manda o poder financeiro, agosto do 2011-, as relacións Igrexa–Estado fóronse acomodando unhas veces con acordo e outras con disidencias manifestas (mesmo se “manifestaron” na rúa os señores bispos) en temas de contido cívico nos que o último esperábel sería a intervención presionadora da Igrexa sobre o Estado: lei do divorcio, lei do aborto, lei do matrimonio homosexual, proxecto de lei de eutanasia, leis de ensino coa relixión como materia a impartir e obrigatoria…

Porque a pregunta interesante é: quen é unha institución privada (reunión de crentes) para ditaminar o que se ten que lexislar? Onde nace o seu poder de intervención? En que lexitimidade se ampara o catolicismo para se considerar con dereito para gobernar as vidas de todo o mundo? Por que o PSOE non fixo uso do seu acervo político asentado nun pasado laico (de republicano xa non falamos)? A que haberá que esperar para reformar a Constitución neste apartado e obrigar aos crentes a que sosteñan a Igrexa e non o Estado?  Será agora bon momento para que o Goberno do PSOE que se albisca no Estado emprenda reformas necesarias como esta? @mundiario

Comentarios