Tempo de propor as necesidades de vertebración económica de Galicia

Luís Villares. / Mundiario
Luís Villares. / Mundiario

O recurte dos investimentos estatais na Galicia esixe un plan de investimentos que vertebre a economía do país.

Tempo de propor as necesidades de vertebración económica de Galicia

A cativeza da consignación orzamentaria para investimentos estatais na Galicia xera un efecto aldraxe xeralizado e abre o debate sobre o modelo de investimentos para Galicia post-AVE e sobre a  necesidade dun instrumento bilateral para que Galicia lle faga o seguimento á execución efectiva orzamentaria, como acadou Anxo Quintana de Zapatero no 2008 e non soubo continuar Feijóo.

O  proxecto de Orzamentos estatais para o 2019 diminúe nun 19% os xa cativos números de Rajoy para o 2018, causando unánime rexeitamento. Ana Pontón (BNG) e Luis Villares (En Marea) coincidiron na avaliación, visibilizándose, no caso mareante, unha liña política independente  fronte Unidos Podemos, coautor canda o PSOE da proposta orzamentaria.

Porén, compre lembrar que os números  reais da execución orzamentaria adoitan reducir substancialmente o impacto dos cartos consignados nos últimos quince anos. Velaí que no 2008, cando Zapatero precisaba dos votos do BNG Anxo Quintana (que negociando lle da varias voltas a Núñez Feijóo) obtivera o compromiso dunha equipa conxunta de seguimento da execución orzamentaria estatal no seo da Comisión Bilateral de Cooperación. O dependentismo presidencial non soubo darlle continuidade  a este fulcral acordo.

O debate orzamentario xerou tamèn o debate do modelo de investimentos que precisa Galicia. Alexandra Fernández, deputada estatal de En Marea, ven de escrebir que nin o PP nin o PSOE teñen un modelo para cando se remate a alta velocidade ferroviaria, aló polo 2020. Unha alta velocidade ferroviaria que terá efectos positivos limitados (só trasladará pasaxeiros) na Galicia e moito máis aprezábeis en Madrid, a beneficiaria pola radialidade do AVE, tan criticada polo Tribunal de Contas europeo.

É, pois, tempo de propor as necesidades de vertebración económica do País, salientando i) a integración portuaria co transporte ferroviario de mercadorías no contexto do corredor ferroviario europeo, do que o PP a piques estivo de botarnos fóra. O que actualiza a necesidade da transferencia dos portos de interese xeral a Galicia, como ven de defender o secretario xeral de CXG, Juan Carlos Piñeiro e defendía Xosé Cuiña hai vinte anos; ii) Mobilidade ferroviaria: liñas A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo, Ferrol-Ribadeo e Ourense-Lugo e transferencia con financiamento abondo dos trens de proximidade e media distancia; iii) Mobilidade por estrada: transferencia da AP9 no horizonte da redución de peaxes e o estudo do resgate da concesión e autovía Lugo-Ourense.  

Mais os investimentos son máis efectivos se os xestiona o autogoberno. A transferencia dos portos e aeroportos de interese xeral, das AP9 e AP53 e do mantemento das estradas de interese xeral (que xa teñen en Euskadi e Nafarroa) constitúen achegas importantes para vertebrar o noso país e garantir a nosa viabilización económica. @mundiario

Comentarios