DE BOLINA

Ernesto Goday e o seu lugar no olimpo da pintura galega do século XX

goday retrato
Un dos retratos de mariñeiros, de Ernesto Goday.
Os estudos que está a realizar a historiadora da Arte Alma Rodríguez estanlle a devolver a este pintor o seu sitio no olimpo da pintura galega.
Ernesto Goday e o seu lugar no olimpo da pintura galega do século XX

Ernesto Goday (O Grove, 1914 - Madrid, 2001) foi un pintor grovense  que residiu en Madrid, sen esquecer nunca a súa raizame na vila pontevedresa,  e potenciou a súa arte a través das relacións nacidas na illa da Toxa, cando esta era un destino exclusivo.  Os estudos que está a realizar a historiadora da Arte Alma Rodríguez estanlle a devolver a este pintor o seu sitio no olimpo da pintura galega como un dos artistas máis sobranceiros, lonxe do folclorismo pictórico de mariñas e retratos de homes curtidos polos que era recoñecido.

Ao resto dos atractivos da península grovense únese estes días a mostra “Fragmentos da vida e obra de Ernesto Goday” que fai que ben valga a pena achegarse ata alí. Gracias a un acordo entre o concello do Grove e a Deputación de Pontevedra pódese gozar na peonil rúa Castelao daquela vila dunha exposición en estruturas cúbicas ó aire libre sobre o pintor Ernesto Goday, unha figura que, certamente, precisaba da revisión e afondamento que acometeu Alma Rodríguez, historiadora da Arte.

Visto o espléndido resultado, a decisión de 2018 do Concello do Grove, sendo concelleira de cultura Enma Torres (PSOE) de promover a investigación sobre a vida e a obra de Ernesto Goday foi extraordinariamente acertada porque este pintor, fóra iniciados, non deixaba de ser considerarse unha figura local, postergada nunha pintura tipista da que se coñecían fundamentalmente retratos de mariñeiros curtidos ou o do Conde do Grove por presidir un espazo na casa consistorial.

Da súa vida persoal pouco máis se lembraba que as súas exposicións na illa da Toxa e as súas relacións persoais co escritor Manuel Lueiro. Foi tan acertado dotar esa necesaria investigación como a elección da persoa para acometer a localización das máis de 3.500 obras e o estudo da figura deste artista, porque o efecto da brillante pescuda re-coloca a Ernesto Goday nos lugares máis sobranceiros da pintura galega do século XX.

Autorretrato de Ernesto Goday.

Autorretrato de Ernesto Goday.

Alma Rodríguez, historiadora, investiga a vida e obra deste pintor

A autora do estudio é Alma Rodríguez Domínguez, licenciada en Arte na Universidade de Santiago e cunha acreditada traxectoria investigadora en España e Uruguai e que realizou durante estes anos labores de localización, catalogación e análise da obra de Ernesto Goday.

Cóntanos Alma que “A ausencia de bibliografía específica sobre a súa figura dentro da historia da arte galega e o desafortunado esquecemento do seu legado artístico foron algúns dos factores que motivaron a necesidade de salvagardar a obra dun artista ata o momento inexplorada e desconectada do seu contexto”.

Descríbenos a autora o enfoque da exposición dicindo que “A partir dunha estrutura cronolóxica, emerxe un relato enfocado na súa traxectoria artística; á luz dos primeiros debuxos e bosquexos dun novísimo pintor, ata a reprodución das obras nos temas e xéneros máis distinguidos da súa carreira”. As reproducións de cadros e documentos que se exhiben e a contextualización que fai Alma acreditan e fundamentan o alcance da súa obra a nivel nacional e internacional, sen esquecerse da traxectoria vital do pintor. Afirma tamén Alma que “Ademais das recoñecidas mariñas e mariñeiros, aparecen composicións, bosquexos e estudos que fan gala da multiplicidade de estilos e técnicas que o pintor cultivou ao longo dos anos, especialmente a produción dos anos sesenta, unha etapa descoñecida pero das máis prolíferas, experimentais e categóricas de toda a carreira artística de Goday, na que conxuga as ensinanzas da Academia con leves toques de cubismo. Destaca tamén a reprodución de retratos dentro da exposición por comprender un xénero no que destacou de forma singular e foi decisivo na súa formación académica, ademais da predilección que o propio artista mantiña co tema figurativo dende moi novo”.

Sen dúbida, as mellores palabras para incentivar a visita son as de Alma: “ ‘Fragmentos da vida e obra’ é un percorrido polo pasado a través dos ollos dun artista que espallou o retrato da sociedade mariñeira do seu tempo ao mundo coa mestría da súa técnica de luz e cor, sen máis literatura que a propia cotidianeidade que representa”.

Non cabe cuestionalo: dar un paseo pola peonil rúa Castelao do Grove é nestes días algo obrigado para redescubrir a un gran artista; igualmente imperativo é agradecer a Alma que, aparte de coñecementos, puxera o corazón neste estudo. @mundiario

Comentarios