Recesión do PIB en Galicia e España: ¿por qué a demanda externa marca a diferencia?

Industria 4.0. / Mundiario
Industria 4.0.

A recesión das importacións está a ser máis aguda que na crise financeira de 2008, sendo, desta vez, máis acusada en Galicia. Hai unha achega positiva que non é resultado dun mellor comportamento exportador de mercadorías, senón dun moi superior afundimento das importacións.

Recesión do PIB en Galicia e España: ¿por qué a demanda externa marca a diferencia?

Tanto o IGE como a AIREF concordan en estimar una lixeira menor recesión económica en Galicia no que levamos deste ano 2020 respecto do que sucede na media española. Catro puntos menos grave (-18% en Galicia fronte a -22% no conxunto de España) nun conxunto de comunidades autónomas no que a maior recesión estímase para Baleares (-30%) e a menor para Estremadura (-15%).

Como temos analizado aquí, esa menor recesión en Galicia non se debe a unha menor caída da demanda interna (dos fogares, das administracións e da inversión empresarial) pois é ao contrario: a demanda interna cae máis en Galicia. O factor determinante desa menor recesión en Galicia é o papel que está a xogar a demanda externa: en España resta tres puntos porcentuais de variación do PIB, mentres que en Galicia suma tres puntos.

Xa que logo ten moi especial interese avaliar tal comportamento diferencial da demanda externa máis polo miúdo, e para a situación pre e post pandémica en ambas economías. As desagregacións que fai o IGE e o INE para este motor externo recollémolas no seguinte gráfico onde queda patente a inversión deste motor en Galicia e España. En Galicia de restar pasa a sumar, mentres no conxunto de España de sumar pasa a restar.

Demanda externa. / Albino Mallo

Fonte: elaboración propia con datos de IGE e INE.

¿Cal é a razón que explica que en Galicia, coa que está a caer, o motor externo sume mentres en España resta?, ¿será que as exportacións de mercadorías van mellor en Galicia?,  ¿será outra a causa?, neste caso ¿cal?. Coas mesmas fontes de datos podemos avanzar algo máis nesta dirección. Pero antes debemos despexar a incógnita de se as exportacións van mellor en Galicia. Cos datos do Ministerio de Comercio o certo é que as exportacións de mercadorías caeron máis en Galicia (un -30,3%) que no conxunto de España (un -27,7%) no segundo trimestre deste ano. Tres puntos máis de caída. O que suxire que só si o afundimento das importacións foi maior en Galicia se podería acadar un efecto neto inverso como o que tentamos explicar.

E así sucedeu no segundo trimestre: en Galicia caen as importacións de mercadorías un - 40,9% mentres que no conxunto de España fano nun - 32,5%. Oito puntos menos. Unha recesión das importacións máis intensa que na crise financeira de 2008 en máis de dez puntos, e esta vez máis acusada en Galicia.

E queda por ver si no segundo trimestre do ano 2021 a saída desta recesión vai tamén ser en forma de “V”, como sucedera en 2008-2010. Algo que terá que ver coa superación das incertezas de saúde pública asociadas ao covid-19. Cousa que, neste caso, non vai ser tan sinxelo como sanear un sistema financeiro zombi.

Importacións. / Albino Mallo

Fonte: elaboración propia con datos do Ministerio de Comercio.

En resumen, a menor caída do PIB en Galicia explícase por unha achega positiva da demanda externa. Unha achega positiva que non é resultado dun mellor comportamento exportador de mercadorías, senón dun moi superior afundimento das importacións. Destacamos dous produtos polo seu volume, e pola súa caída: o relacionado coas importacións de automoción, que case caen nun 60%, e o relacionado coas importacións de combustibles que mesmo caen por riba do 60% (sempre en termos interanuais).

Sendo así que entre dous países no que todo se comportase igual (demanda interna e exportacións), pero no primeiro diminuísen as importacións e no outro non, o PIB medraría máis no primeiro. E tamén si no primeiro diminúen as importacións máis que no segundo. Medraría máis o PIB ou, como é o caso con caídas da demanda interna e das exportacións, diminuiría menos.

Obsérvase, xa que logo, un dobre funcionamento preocupante tras da menor caída do noso PIB. Por unha banda unha maior caída da demanda interna e por outra, como vimos de ver, unha maior caída –en parte vencellada á anterior- de importacións de combustibles e de automóbiles que nos remiten a unha maior desaceleración en Galicia do consumo e da actividade.

Estamos diante dunha tormenta económica perfecta, agochada tras dunha aparente menor recesión contable do PIB. Causación que algún analista podería ignorar co argumento de que o noso parón turístico foi menos grave que no resto de España. Algo certo, pero cuantitativamente insuficiente para resolver o enigma que vimos de analizar. Pois, verbo do conxunto de España, a menor caída do Produto Interior Bruto de Galicia ten non pouco que ver coa maior caída das nosas importacións. @mundiario

Comentarios