A realidade e os retos da Escola Naval Militar de Marín

Director da Escola Naval Militar de Marín, Ignacio Cuartero Lorenzo. / CRTVG

O director fixo referencia a temas de igualdade, afirmado sobre a presenza da muller que "está plenamente integrada na Armada a todos os niveis".

No seu primeiro día como comandante e director da Escola Naval Militar de Marín, Ignacio Cuartero Lorenzo visitou o programa Bos Días da Televisión de Galicia para falar do único centro de formación de oficiais da Armada en toda España.

Cuartero referiuse en primeiro lugar aos actos do 16 de xullo, cando se entregaron os despachos oficiais tras cinco anos de formación. Segundo o director da Escola Naval foron 98 os oficias que se graduaron, 10 deles mulleres. Tras a entrega do despacho, os novos oficiais pasarán a ocupar o seu primeiro destino nos buques da mariña. Dando máis datos, sinalou que “tendo en conta as diferentes promocións, hai 571 alumnos na Escola Naval”, cando se fan 75 anos da súa chegada á vila de Marín.

O director da Escola Naval de Marín sinalou “a internacionalización da Armada” como un dos grandes retos para o futuro. Con relación a este obxectivo, Cuartero sinalou que se realizan intercambios coa Armada francesa e estadounidense. Ademais, destacou a importancia da formación en valores, entre os que destacou “o servizo á patria, a honra, a disciplina e a lealdade”.

Para rematar a entrevista, fixo referencia a temas de igualdade, afirmado sobre a presenza da muller que “está plenamente integrada na Armada a todos os niveis, non existe diferencia algunha nas actividades e vida diaria entre homes e mulleres”. Así mesmo, remarcou que a proporción de mulleres na Escola é de “arredor dun 15%”. @galiciamundiari