A RAG homenaxea a María Victoria Moreno polo Día das Letras

María Victoria Moreno. / RAG
María Victoria Moreno. / RAG

A autora estremeña chegou en 1963 a Galicia, onde desenvolveu un ampla traxectoria como escritora, profesora, editora e activista da cultura e da lingua.

A RAG homenaxea a María Victoria Moreno polo Día das Letras

A Real Academia Galega (RAG), dedica este xoves 17 de maio, Día das Letras Galegas, á escritora, profesora, editora e activista da cultura e da lingua, María Victoria Moreno (1939-2005). O acto de celebración, que consistirá nunha sesión plenaria extraordinaria, terá lugar ás 12:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, cidade na que a autora estremeña se estableceu en 1963, ao chegar a Galicia, e na que escolleu vivir o resto dos seus días como galega. A Academia abordará o acto de homenaxe cedendo a palabra a tres membros moi vinculados a ela por distintas razóns: Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero, que ofrecerán tres olladas persoais á vida e á obra da autora neste acto, aberto ao público ata completar capacidade. A sesión concluirá coa intervención do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

María Victoria Moreno naceu es Estremadura, medrou en terras de Castela e estudou en Barcelona e Madrid, onde se fixo filóloga. Pouco tempo despois de establecerse en Galicia para exercer a docencia, escolleu empregar o galego en todos os contextos. Entre 1965 e 1967 deu clases no Instituto Masculino de Lugo, unha etapa decisiva no espertar do seu activismo a prol da lingua galega en plena ditadura. Neste centro coñeceu o profesor Xesús Alonso Montero, de quen herdou a actitude ante a lingua e a ética e o compromiso cos seus falantes. En Mar adiante (María Victoria Moreno, 1973) queda patente a fonda amizade entre ambos docentes, o compromiso da autora co idioma e a súa intención de escribir literatura infantil e xuvenil (LIX).

É precisamente este último aspecto o que une á autora protagonista do Día das Letras Galegas de 2018 a Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, que tamén participan no acto conmemorativo. Ambas adoitan expresarse literariamente neste rexistro, e compartiron amizade coa escritora. Fina Casalderrey, tamén pontevedresa, foi alumna de María Victoria Moreno nos cursos de literatura galegas que impartiu como mestra de mestres nos primeiros anos 80. Ambas as académicas, que asinan a biografía da homenaxeada, comparten con ela o vínculo coa xente nova desde o ámbito laboral: Marilar Aleixandre é catedrática ad honorem de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela e Fina Casalderrey foi mestra.

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, salientou que a institución se sente "honrada e agasallada polo Concello de Pontevedra e pola atención que este está a ter con María Victoria Moreno". Pola súa banda, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosouse "encantado" de que se lle dedicase o Día das Letras de 2018 a María Victoria Moreno; pola colaboración coa Academia e porque ilustres persoeiros da cultura "estean en Pontevedra a diario". O rexedor agarda unha masiva participación da veciñanza pontevedresa na ampla programación arredor da autora que se desenvolverá na cidade, e que continuará durante todo o ano

Outras iniciativas da RAG

A Academia presentou xa en febreiro deste ano o proxecto web para nenos "Primavera das letras", da man da comunidade educativa do CEP Marcos da Portela. O obxectivo da iniciativa é outorgar recursos lúdicos e didácticos arredor do universo vital e literario da protagonista deste 17 de maio destinados os cativos e cativas de infantil e primaria, que comprenden actividades interactivas previstas e seis fichas descargables. Por outra banda, e ao longo de todo ano, a RAG empregará o "Portal das Palabras" (espazo para a divulgación do léxico galego que xestiona coa colaboración da Fundación Barrié) para dedicar contidos a María Victoria Moreno, como apreciamos xa nalgunhas das entradas da web.

No mes de novembro, nos días 27 e 28, a Real Academia Galega ten previsto celebrar na súa sede da Coruña o Simposio María Victoria Moreno, dúas xornadas nas que se afondará, a través das disertacións de diversos especialistas, na personalidade e no legado da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. O simposio, aínda que destinado principalmente ao profesorado de lingua galega e literatura dos distintos ciclos e niveis, está aberto ao público en xeral.

Máis eventos polas Letras Galegas

O propio 17 de maio, a cidade continuará a inmersión na vida e obra de María Victoria co acto do Día das Letras organizado pola Asociación Sociocultural do Burgo, na praza de Curros Enríquez ás 19:00 horas, no que tomará parte a Banda de Música de Pontevedra. O 18 de maio, na avenida de Montero Ríos, inaugurarase a exposición Os Bolechas e as variedades dialectais, organizada pola Deputación de Pontevedra.

19 de maio celebrarase o Día das Letras na parroquia de Ponte Sampaio coa inauguración dunha exposición e unha conferencia de Montse Fajardo. Será ás 20:00 horas no local da asociación de veciños Santa María de Ponte Sampaio. Para rematar o mes, a tradicional recepción do alcalde ás asociacións da cidade que colaboran activamente na promoción da lingua durante todo o ano será o día 30 de maio, ás 20:00 horas, no Pazo de Mugartegui. @galiciamundiari

Comentarios