A Radio Galega e a TVG reforzan a súa programación informativa

Pilar Bermúdez. / Mundiario
Pilar Bermúdez. / Mundiario

Queren atender a demanda informativa en Galicia nunha situación de excepción como a que vive o país.

A Radio Galega e a TVG reforzan a súa programación informativa

A Radio Galega amplía o horario e cobertura dos seus servizos informativos para atender a demanda informativa en Galicia nunha situación de excepción como a que vive o país. Grazas á súa capacidade de retransmisión en directo, a emisora pública está a adaptar a súa programación e cada día pon o foco na información sobre o coronavirus. A Corporación de Radio e Televisión de Galicia ampliou tamén desde esta semana os servizos informativos da TVG, na súa obriga de ofrecerlles aos galegos o mellor servizo público posible. Para centrar todos os recursos nos servizos informativos, a TVG reestruturou os seus equipos, sempre preservando ao máximo posible tamén a saúde dos seus traballadores, informa a CRTVG.  

Este sábado e domingo, a Radio Galega ofrecerá un especial coronavirus de 08.00 a 14.00 h, seguido dun informativo de ‘A Crónica’ de 14.00 a 15.00 h. Pola tarde, emitirase en directo ‘Galicia en Goles’, coas novidades do deporte galego no marco desta crise, de 15.00 a 20.00 h. Ademais, durante estes días, o ‘Galicia por Diante’ está a adquirir un ton informativo ata as 14.00 h, con todas as novidades, as comparecencias e entrevistas arredor desta emerxencia sanitaria. O informativo ‘A Crónica’ amplía o seu horario e abrangue de 14.00 a 15.30, con Silvia Pereira. ‘A Tarde’, ao igual que o ‘Galicia por Diante’, inclúe contidos informativos e formativos sobre o coronavirus.

Segundo informa tamén a CRTVG, cuxa directora Operativa, Pilar Bermúdez, ten responsabilidades directas na Radio Galega, Kiko Novoa e Cristina García –"nun esforzo persoal e técnico sen precedentes"– están a realizar o ‘Galicia por Diante’ desde o seu domicilio, así como Antón Rebollido o programa ‘A Tarde’, consonte ás recomendacións das autoridades sanitarias de deslocalizar efectivos e facilitar o teletraballo. Moitos dos compañeiros dos seus equipos tamén traballan desde as súas casas e as entrevistas e colaboracións destes programas fanse vía telefónica para reducir o presencialismo.

En aras de fortalecer o servizo público, o ‘Pensando en Ti’ continúa a súa programación habitual na madrugada, con información e consellos e incrementa a participación da audiencia, que se está a converter nunha peza clave na programación da Radio Galega. É por isto que se abren os teléfonos cada mañá, de 12.30 a 14.00 h, para escoitar as experiencias da poboación durante o confinamento.

Os xornalistas da Radio Galega seguen movéndose polo territorio de Galicia para facer directos e facer fotos sonoras dos lugares que visitan cada día. A emisora pública ten deslocalizado boa parte do seu persoal, para garantir o cumprimento da misión de servizo público ante calquera continxencia. 

Polo demais, as emisións de Radio Galega Música e Son Galicia Radio continúan con normalidade e Radio Picariña, canle dixital de música infantil e xuvenil en galego, que se pode escoitar en radiogalega.gal, a aplicación móbil da CRTVG, e Radioplayer España, é a oferta da emisora pública de Galicia para os máis pequenos durante estes días de confinamento.

Ademais, a CRTVG está levando a cabo unha campaña institucional a través de todos os seus medios, envorcada en promover as recomendacións das autoridades sanitarias. Por primeira vez na historia dos medios públicos, a Corporación está desenvolvendo dúas accións coas que se modifica substancialmente toda a información das súas redes corporativas e de programas. Desde o 12 de marzo, as redes oficiais contan cunha única mensaxe na biografía co cancelo #Coidémonos, ao que se suma estes días #EstamosXuntosNisto. Os vídeos vídeos explicativos distribúense por todas as vías, incluída o WhatsApp, con información sobre as últimas medidas e recomendacións. @mundiario

Comentarios