A Radio Galega pecha a tempada 2020-2021 cun récord histórico de audiencia

Pilar Bermúdez. / Mundiario
Pilar Bermúdez. / Mundiario
A emisora pública acada 177.000 oíntes de luns a venres desde setembro pasado ata maio, segundo o Estudo Xeral de Medios.
A Radio Galega pecha a tempada 2020-2021 cun récord histórico de audiencia

A Radio Galega pecha a tempada na que bateu a súa cota máxima de audiencia co dato acumulado de 177.000 oíntes de luns a venres, o que supón un incremento do 34% con respecto ao último ano móbil rexistrado, segundo o Estudo Xeral de Medios (EXM) coñecido este martes. Isto é, 45.000 oíntes máis escoitan a RG, o que a reforza como primeira emisora pública de Galicia. A Radio Galega está baixo a dirección de Pilar Bermúdez, a directora operativa da CRTVG con responsabilidades directas nesta cadea pública.

Pola súa parte, Radio Galega Música remata a tempada cunha audiencia acumulada de 46.000 oíntes de luns a venres, o dobre do anterior ano móbil rexistrado polo EXM, un incremento de oíntes sen precedentes desde o seu cambio de programación en 2019. Este incremento tamén consolídase na referenza temporal de luns a domingo, cun aumento do 41%.

 Nun contexto de caída dun 16% do consumo da radio xeralista en Galicia, a Radio Galega mantén a fidelidade da súa audiencia e se posiciona como referenza do panorama radiofónico acadando 224.000 oíntes de luns a venres e 206.000 oíntes de luns a domingo; máis dun 40 e dun 30 % respectivamente en relación ao último ano móbil rexistrado polo Estudo Xeral de Medios.

Marta Darriba. / Mundiario

Marta Darriba. / TVG

Fortaleza da TVG na sobremesa

A Televisión de Galicia segue a ser líder de audiencias en Galicia, no conxunto da semana, segundo o Estudo Xeral de Medios coñecido tamén este martes, e faino tanto nesta segunda onda do EXM, cun 15,2%, como no total do ano móbil outubro 2020 – maio 2021, cun 16,4%. A CRTVG destaca a fortaleza da canle na sobremesa, cunha cota media do 31% entre as 13:30 h e as 17:00 h. nesta franxa composta polo bloque informativo do ‘Galicia noticias’ e o ‘Telexornal mediodía’, seguidos do magazine da tarde ‘Quen anda aí’, e na que case duplica ao seguinte competidor, (Antena 3 cun 15,6%) e triplica ao terceiro (9,6%  TVE).

Nas mañás, de 08:00 a 13:00 h, co bloque composto polos espazos ‘Bos días’ e ‘A revista’ a Galega tamén lidera as audiencias cun 18,6% superando en 5,7 puntos de cota a Antena 3. No prime time a TVG amosa de novo a súa fortaleza e pasa a barreira dos dous díxitos (10,4%) o que a sitúa na segunda posición dunha franxa de competencia extrema.

Ademais, a TVG acada o liderado entre as canles autonómicas, empatada con TV3, cun 16% de cota no acumulado anual de outubro de 2020 a maio de 2021. Por días da semana nesta última onda do EXM cómpre salientar as audiencias dos luns (16,2%), martes (16,3%), xoves (16,3%) e sábados (17,7%). As medicións do EXM ratifican os datos de Kantar Media que arroxaban este pasado mes de xuño os mellores resultados de audiencia da TVG dos últimos tres anos. @mundiario

A Radio Galega pecha a tempada 2020-2021 cun récord histórico de audiencia
Comentarios