Buscar

Radio Galega encabeza en Galicia o lanzamento da aplicación gratuíta Radioplayer

Trátase dunha aplicación gratuíta con toda a oferta radiofónica española, con alta calidade de son e sen necesidade de rexistro. Ofrece radio en directo e á carta, información, entretemento, deporte, música e diversión sen límites.
Radio Galega encabeza en Galicia o lanzamento da aplicación gratuíta Radioplayer
Imaxe da Radio Galega en Radioplayer. / Mundiario
Imaxe da Radio Galega en Radioplayer. / Mundiario

Firma

Redacción

Redacción

Análisis de la Redacción de MUNDIARIO. Síguenos en Twitter @mundiario

Radio Galega encabeza en Galicia o lanzamento da aplicación gratuíta Radioplayer, que integra todas as emisoras de España con oferta en directo e á carta. A través deste gran quiosco de audio en liña, os usuarios poden seleccionar a emisora que elixan, con seguridade, calidade, sen necesidade de rexistrarse e sen custo. Radio Galega, Radio Galega Música e Son Galicia Radio xa están dispoñibles para a audiencia a través da aplicación de Radioplayer ou da súa páxina web. Tamén ofrecerá acceso ás emisoras públicas galegas por medio de altavoces intelixentes (Alexa).

En España cada día escoitan a radio 24 millóns de persoas. "É un medio que goza de excelente saúde e de espírito novo, capaz de adaptarse aos tempos e ás demandas da audiencia. Por iso, ademais de sintonizar o dial ou seguir as emisións por streaming a través da páxina web de cada medio, os oíntes dispoñen a partir de agora dun agregador dixital avalado polos líderes do sector radiofónico", di a Radio Galega.

Radioplayer España é a versión española de Radioplayer, presente xa noutros once países (Alemaña, Austria, Bélxica, Canadá, Italia, Irlanda, Dinamarca, Noruega, Perú, Reino Unido e Suiza). Conscientes da importancia de posicionar a radio como medio de comunicación innovador e competitivo no universo dixital, Radio Galega uniuse de forma decidida a este proxecto, xunto ás demais radios membros de Forta (emisoras de Canal Sur Radio, Catalunya Radio, Onda Madrid, La Radio de À Punt, radios de EiTB, Canarias Radio, CMM Radio, Onda Regional de Murcia, Aragón Radio, Radio Principado de Asturias e IB3 Radio), o Grupo Atresmedia Radio (Onda Cero, Europa FM e Melodía FM), o Grupo COPE (COPE, Cadena 100, RockFM e MegaStarFM), o Grupo KISS Media (KISS FM e HIT FM), o Grupo RTVE (Radio Nacional de España, Radio 3, Ràdio 4 Catalunya, Radio 5, Radio Clásica e Radio Exterior de España) e o Grupo SER (SER, Dial, Kebuena, LOS40, LOS40 Classic, LOS40 Dance e Radiolé).

Deste xeito, Radioplayer España conta, desde este inicio, con máis de 300 emisoras, cuxos contidos están dispoñibles para este agregador, accesible mediante unha aplicación para dispositivos móbiles e tamén para PC vía web. Con esta plataforma, a radio está inmersa nas novas vías de escoita que abren as tecnoloxías de recoñecemento de voz, o 4G ou o 5G, compatible coa FM.

A emisora pública galega ten xa incorporados a esta aplicación os directos de Radio Galega, Radio Galega Música e Son Galicia Radio. En próximas datas, iranse agregando contidos á carta e Radio Picariña, a primeira canle dixital de música infantil e xuvenil da historia da RG.

Desde hoxe mesmo, pódese descargar a aplicación de Radioplayer España para iOs ou Android, ou entrar en www.radioplayerespana.es, para que o usuario poida elixir a emisora que desexe escoitar, saltar dunha a outra sen saír do sitio, buscar canles e podcast ou recibir suxestións baseadas na experiencia de uso anterior, o historial de escoita e as tendencias de cada momento. Con Radioplayer, a radio está inmersa nas novas vías de escoita que abren as tecnoloxías de recoñecemento de voz, o 4G ou o 5G; un novo universo compatible co medio principal de escoitar, que é a FM. A aplicación ofrece radio en directo e á carta, información, entretemento, deporte, música e diversión sen límites, de maneira gratuíta, legal e co aval dos principais actores do mapa radiofónico español.

Outro dos beneficios de Radioplayer é que as emisoras españolas se favorecen das alianzas co sector da automoción, o cal asegura que a radio teña presenza dunha forma innovadora e de calidade nos vehículos conectados, proporcionándolle unha excelente experiencia ao oínte, remata un comunicado da Radio Galega. @mundiario