De Bolina

O patrimonio é patrimonio da colectividade

Paisaxe en Galicia. / Mundiario
Paisaxe en Galicia. / Mundiario
Axudaría moito entender que o cultural pertence á colectividade e, máis aínda,  non só é o espello no que nos miramos, senón como nos ven desde fóra.
O patrimonio é patrimonio da colectividade

Ás veces deberiamos pararnos máis nas palabras xa que analizalas dá, normalmente, moitas claves. Porque a lingua é, en realidade, acumulación de sabedoría forxada a través de séculos e, por iso, cada vocábulo pode ser un tesouro e estou por dicir que a ciencia máis elevada, ou a persoa máis sabia, é a que domina unha lingua.

Cando falamos do patrimonio para referirnos aos cruceiros, muíños, catedrais e igrexas, pazos, salgadeiras, obras en pedra seca, vías tradicionais, carpinterías de ribeira, música, etcétera

O significado de patrimonio

Pero que significa patrimonio?. Convén empezar pola etimoloxía e lembrar que con esta voz están relacionados pai, padriño, padrón e empadroar, patrón, compadre, paternidade, patria e patriota, patriarca e moitas máis palabras, termos todos enmarcados na idea da raíz, da orixe, de algo recibido dos pais. No caso de patrimonio, quere dicir, literalmente, bens herdados dos pais. Así que patrimonio é, etimoloxicamente, algo herdado. O Dicionario da Real Academia Galega trae un significado polisémico referido a bens herdados, ou propiedade de alguén pero, na acepción que aquí interesa, queda definido como “conxunto de cousas materiais ou inmateriais de certa antigüidade e importancia recoñecida, pertencente a unha colectividade”. O dicionario da RAE enturba un pouco ao definir patrimonio histórico como “Conxunto de bens dunha nación acumulado ao longo dos séculos, que, polos seu significado artístico, arqueolóxico, etc., son obxecto de protección especial pola lexislación”. Esa acepción castelán resúltame anticuada e discutible por parecer que reduce o patrimonio histórico aos bens que lle corresponden a unha nación, sen máis aclaración, e, por iso, entendo máis acaída a definición da RAG cando menciona expresamente que o patrimonio pertence á colectividade. Porque a lexislación pode considerar patrimonio un ben propiedade dun particular. Mais esta discrepancia desaparece xuridicamente unha vez que algo é considerado ben patrimonial xa que pasa dalgún xeito a corresponderlle á comunidade, a prol da que o propietarios adquire deberes e, aínda máis, pasa a ter valor universal, a formar parte da bagaxe de toda a humanidade.  . Por iso vén ben relacionar esta palabra coa súa etimoloxía: o patrimonio, cada ben do patrimonio cultural, -de aquí ou de alá- é herdanza que transmitiu a Historia a toda a Humanidade.

De patrimonio artístico a cultural

Inicialmente estes bens denomináronse patrimonio artístico, pronto se cambiou o adxectivo a histórico e agora ampliouse a cultural, que abarca mellor os elementos arqueolóxicos, arquitectónicos, etnolóxicos, artísticos ou naturais que conforman esa especie de copropiedade común.

A Torre de Escuredo no Grove está a esperar pola declaración de ruina. / MundiarioA Torre de Escuredo , no Grove, arruínase cada día sen que as autoridades fagan nada por evitalo.

Unha denominación moito máis ampla, para definir o que hai que protexer. A Convención de 1972 para a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural da UNESCO establece que os Estados deben “facer que o patrimonio cultural cumpra unha función na vida colectiva dos pobos”. Para que iso sexa posible debe terse en conta, como nos recorda o Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe, que: Só se protexe o que se coñece: é necesario localizar, delimitar, documentar e inventariar os bens culturais. Só se coñece o que se comprende: débese avaliar, estudiar e comprender a significación histórica e actual dos bens. Só se comprende o que se analiza: é necesario investigar, preservar, conservar, protexer e engrandecer os bens culturais. Só se analiza o que se valora: implica restaurar, rehabilitar, interpretar e difundir estes bens. Nos tempos que andamos todo isto está nas mans das Administracións públicas -son escasísimas as achegas do gran empresariado- que en xeral -haberá excepcións- incumpren, ou deixan para despois, esas imperiosas necesidades de investigar, conservar e difundir. Non deixemos que a Administración pública manteña unha actitude pasiva porque estamos a falar do noso patrimonio,  do de cada un, persoal e colectivo, herdado e que temos que transmitir. @mundiario

Comentarios