O que non reflicte o PIB (I)

La automoción es un motor del PIB español.
A automoción, un dos motores do PIB.
O PIB mede o que está contemplado na súa definición -en contabilidade social-, o que debe medir: o valor monetario dos bens e servizos producidos nunha economía nun ano.
O que non reflicte o PIB (I)

Recentemente, na clausura do seminario celebrado en Madrid “Seguimiento de la recuperación, mas allá del PIB” resaltouse -por parte do presidente do goberno español- a importancia de variábeis que non reflicte o PIB mais que son determinantes do benestar dun país. Sinalou a deterioración medioambiental e a ausencia de equidade social como aspectos destacábeis que, sen apareceren no cómputo de elementos do Produto Interior Bruto, son relevantes para coñecer o benestar dos cidadáns.

Todo o expresado polo presidente obedece, en bon exame, ao acervo de coñecemento de analistas e estudiosos da realidade económica, xa que é ben sabido que o PIB só dá conta do que mede: o valor monetario dos bens e servizos producidos nun ano nunha economía, e máis nada. Non obstante, é ben pouco frecuente que  desde o poder político se faga expresión crítica sobre o significado das cifras que comunmente se usan para dar conta da traxectoria  do crecemento económico. Entre as cuestións resaltadas, hai dúas que nos interesan especialmente para facer referencia á realidade económica galega: a constatación de que pode se dar unha maior deterioración medioambiental asociada ao crecemento económico, e tamén existir un convivio entre crecemento e maior desigualdade na distribución da renda, vale dicer, aumento da concentración da riqueza cada vez en menor número de mans. Dun e doutro fenómeno derívanse situacións sociais de empobrecemento, exclusión social, en fin, aumento da desigualdade.

O PIB mede o que está contemplado na súa definición -en contabilidade social-, o que debe medir: o valor monetario dos bens e servizos producidos nunha economía nun ano. Pero non todo o que se produce é incorporado a esta medida: ha ser valoración de bens e servizos que pasan polo mercado; por tanto, desde o que se denomina economía submerxida até todos os bens e servizos producidos e consumidos que denominamos de ´non mercado´ non se computan. Nunhas economías, esta cantidade é desprecíbel e noutras ten un significado poderoso. Desde os alimentos de autoprodución e autoconsumo, seguindo polos intercambios informais de bens deste tipo, por exemplo, os intercambios entre viciños, familiares ou amigos. Tamén citaremos os bens/servizos realizados por persoas non activas por definición, como son os procedentes de xubilados ou menores fóra da idade legal de traballar, ou os coidados de dependentes realizados por persoas, (querse dicer mulleres) fóra do mercado de traballo. Desta maneira, nunha economía relativamente menos normalizada en termos de relacións de mercado, sempre aparecerá un PIB menor, e, porén, non significará, á forza, benestar menor. Se nos fixamos no que si está reflectido no PIB, o feito de medrar cada ano non quer dicer necesariamente que cambien as bases de distribución da renda: o medre pode aprofundar nas diferenzas sociais derivadas da distribución da renda e tamén pode suceder que o crecemento do PIB proveña de fontes de produción que apioran a calidade de vida grazas á deterioración medioambiental: da calidade do ar, das augas, e do uso do territorio. Deste aspecto sabemos algo na Galiza (Continuará). @mundiario

Comentarios