O que non reficte o PIB (e III)

Industria 4.0. / Mundiario
Unha imaxe da industria 4.0.
A forma e titularidade das empresas existentes é algo decisivo na traza do porvir e na dirección do novo investimento.
O que non reficte o PIB (e III)

Falabamos días pasados das debilidades do uso da cifra PIB para amosar unha fotografía da realidade económica dun país. E, como todas as fotos, ten algunhas componentes pre-imaxe que convén coñecer para logo interpretar.

Deixando á parte os elementos de aprendizado social de posar para unha imaxe fixa, que, como se dixo, é un valor social, podemos examinar as súas componentes materiais. Así, no caso do PIB, é habitual dar a coñecer a produción por sectores de actividade económica cunha denominación obsoleta cal é a que corresponde á clasificación de actividades entre sector primario, secundario e terciario.

Hoxe non hai no PIB dunha economía como a nosa nen na de ningún país da OCDE, sector primario tal e como foi definido por C. Clark en 1945. As producións agrícolas, gandeiras e pesqueiras son netamente industriais aínda que non teñen correspondencia cunha imaxe de factoría do sector industrial clásico. Por tanto, o uso de certas clasificacións (ou simples denominacións) antigas deixa de ser funcional para representar ou identificar unha actividade económica.

Digamos, usando o símil fotográfico, que se vestiu o fotografado con roupa da metade do século pasado. E esta representación ten consecuencias económicas de todo tipo. As máis relevantes son as da política económica aplicábel por parte dos entes políticos responsábeis, tanto estatais como autonómicos ou da UE.

A imaxe transmitida de crise é completamente distinta se se trata de desindustrialización referida a factorías industriais, da industria de bens de equipo, por exemplo, ou da  desaparición de explotacións agrogandeiras

A imaxe transmitida de crise é completamente distinta se se trata de desindustrialización referida a factorías industriais, da industria de bens de equipo, por exemplo, ou da  desaparición de explotacións agrogandeiras: non visíbeis nen visibilizadas, non agrupadas en polígonos industriais, non urbanas, e anuladas na capacidade de intervención pública. E este problema é dobre, xa que á súa vez crea condicións de desapego por parte dos poderes públicos, pasando de ocultar (as actividades citadas) a facelas prescindíbeis.

Nen nos programas políticos dos gobernos actuais nen nos deseños dos proxectos para o uso dos fondos Next Generation EU, citouse en nengures a necesidade de vertebrar produción galega de bens alimentos (agrogandeiros e pesqueiros) con industria transformadora e con actividade comercial de distribución desde a produción galega. A foto fixo o seu efeito e o observador/gobernante cambiou de modelo.

A foto/PIB non dá a coñecer certos aspectos da estrutura económica dun país que son fonte de problemas cando só comparamos cifras de PIB (en termos monetarios). Referímonos á estrutura da propiedade do capital instalado, xa que o futuro inmediato de economías con idéntico PIB e propriedade do capital desemellante teñen tamén unhas perspectivas de porvir completamente distintas.

Non é igual que un país teña empresas de mediano tamaño en mans de titulares nacionais que as cifras de produción correspondan só con factorías sucursais de capital foráneo. A foto pode aparecer no período seguinte co modelo espido: o traxe era emprestado. A forma e titularidade das empresas existentes é decisivo na traza do porvir e na dirección do novo investimento, xa que  non é indiferente á hora de falar do PIB dunha economía esquecer as características da estrutura empresarial que compón o tecido produtivo. @mundiario

Comentarios