O PSdeG renovou a dirección do seu grupo parlamentario, do que Luis Álvarez é portavoz

Valentín González Formoso. / Mundiario
Valentín González Formoso. / Mundiario
Formoso agradeceu o traballo e “a comprensión” amosada polo exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, a quen lle comunicou persoalmente a decisión.
O PSdeG renovou a dirección do seu grupo parlamentario, do que Luis Álvarez é portavoz

Valentín González Formoso anunciou que o grupo parlamentario do PSdeG - PSOE iniciará a nova etapa preguntando pola “polémica artificiosa” do reparto de fondos estatais, logo de que a Xunta deixara sen executar partidas millonarias procedentes do Estado e do FSE. O secretario xeral do PSdeG-PSOE fixo pública a decisión da executiva do partido de renovar a dirección do grupo comezando pola designación do lugués Luis Álvarez como novo portavoz.

O novo líder socialista anunciou a renovación de todo o equipo de dirección do grupo parlamentario para “darlle cabida á representación das catro provincias galegas” respectando ademais o criterio da paridade. O peso da dirección do equipo, dixo, recaerá sobre o parlamentario lugués, que cualificou como “ben recoñecido parlamentario” e sinalou as súas cualidades de “persoa rigorosa e construtiva”.

Álvarez terá o encargo de converter ao grupo parlamentario nunha “correa de transmisión das inquedanzas e da sensibilidade da sociedade galega”, fixando unha “nova dinámica de contacto permanente, de proposta permanente e de escoitar á sociedade galega”. Puntualizou que “este novo tempo non racha con nada, simplemente traslada unha sensibilidade distinta”.

A dirección do Grupo Parlamentario completarase coa entrada da deputada coruñesa Begoña Rodríguez Rumbo, así como de Carmen Rodríguez Dacosta e Juan Carlos Francisco, os dous de Ourense, de Leticia Gallego e Julio Torrado pola provincial de Pontevedra e, finalmente, o propio Álvarez e Patricia Otero por Lugo. Anunciou que a nova etapa comezará cunha xuntanza do grupo parlamentario este mesmo luns.

Agradeceu o traballo e “a comprensión” amosada polo exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, a quen lle comunicou persoalmente a decisión. Sinalou que Caballero “será un activo sempre respectado”, chamado a “desempregar moitas funcións”, e cualificouno de “persoa imprescindible para o socialismo galego” como exsecretario xeral.

Luis Álvarez. / Mundiario

Luis Álvarez. / Mundiario

Fondos estatais

O líder dos socialistas galegos explicou que a nova etapa comezará centrando a súa tarefa de oposición na “polémica artificiosa” xerada en torno ao reparto de fondos estatais por parte da Xunta de Galicia, “facéndolle un guiño ás consignas de Casado e Ayuso” e coincidindo co momento electoral en Castela e León. Este será precisamente o eixo da primeira sesión de control do novo portavoz.

González Formoso lamentou que o goberno e o PP galegos “renuncien a manter un criterio propio” e fagan seguidismo das críticas polo reparto de fondos da última convocatoria de proxectos piloto por valor de 9 millóns de euros para todo o Estado, cando Galicia ten recibido 216 millóns de euros só para reactivación do emprego, boa parte dos cales están sen executar.

Tildou a polémica de “artificio político” por canto Galicia ten recibido fondos millonarios que “solicita e non executa na súa totalidade”. Apuntou que “permitirá poñer branco sobre negro se son certas as denuncias das forzas sindicais e políticas galegas pola devolución de centos de millóns de euros ao Estado porque a Xunta non da executado fondos de reactivación económica”.

Sanidade

González Formoso explicou que a executiva do PSdeG puxo hoxe tamén o foco sobre a situación da sanidade pública, que co colapso na Atención Primaria aflora “o peor da mala xestión” deste servizo por parte da Xunta. Esta é a consecuencia, dixo, de “anos de baixas orzamentarias” e da renuncia do goberno galego á incorporación de 150 médicos e médicas de familia nas últimas convocatorias.

Lamentou que a Atención Primaria, a “primeira liña de batalla” do sistema sanitario galego, estea expresando así “tódalas súas debilidades” cunha situación que “preocupa enormemente á cidadanía galega”. E sinalou o “escenario inédito” provocado pola xestión do PP no goberno galego, que deriva en “demasiados días de espera para recibir diagnóstico, que é un dereito imprescindible” ou para “ser atendido telefonicamente tan só para fixar cita médica, e demasiadas dificultades para recibir atención presencial”. @mundiario

O PSdeG renovou a dirección do seu grupo parlamentario, do que Luis Álvarez é portavoz
Comentarios