O PSdeG - PSOE quere que o Concello da Coruña participe na xestión do futuro do Porto

Puerto interior de A Coruña. / Mundiario
Puerto interior de A Coruña. / Mundiario

Propón a constitución dun consorcio público que lidere a xestión do proxecto de transformación portuaria e urbanística da Coruña, "cesando en calquera actuación institucional que non conte coa necesaria presencia do Concello da Coruña".

O PSdeG - PSOE quere que o Concello da Coruña participe na xestión do futuro do Porto

O Grupo Parlamentario Socialista, "consciente da transcendencia presente e futura do sistema portuario para a cidade da Coruña", que o Parlamento de Galicia inste o Goberno galego a dirixirse o Goberno central para que active con carácter urxente a comisión de seguimento prevista no convenio asinado o día 2 de febreiro de 2004, co obxecto de acordar a constitución dun consorcio público que lidere a xestión do proxecto de transformación portuaria e urbanística da Coruña, "cesando en calquera actuación institucional que non conte coa necesaria presencia do Concello da Coruña".

PSdeG - PSOE sostén que os desencontros actuais entre administracións non só non contribúen a mellorar o posicionamento económico da Coruña e o do porto, senón que contribúen a "un debate mal intencionado e interesado" que trata de desacreditar unha infraestrutura necesaria, moderna e chamada a ser o motor económico do norte de Galicia, ao tempo que demora a necesaria transformación da fachada marítima da Coruña, "eixo do seu futuro". Por iniciativa de Juan Manuel Díaz Villoslada, Patricia Vilán Lorenzo, Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, María Pierres López e Raúl Fernández Fernández, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presentou sobre este tema unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno.

En novembro de 2017, desde o PSdeG - PSOE puxeron de manifesto, a través das correspondentes iniciativas parlamentarias, como nestes últimos meses o debate sobre o presente e futuro do porto exterior e da fachada portuaria interior da Coruña regresou a un primeiro plano, con permanentes desencontros entre o Goberno municipal da Coruña, o Ministerio de Fomento, a través de Portos do Estado e da Autoridade portuaria da Coruña, e mesmo coa "utilización" por parte do presidente da Xunta de "atribucións non competencia da súa administración" sobre os usos de solos do porto, deixando en terreo de ninguén o proxecto da cidade.

"Conscientes diso –explican– e dada a importancia secular do porto na cidade da Coruña, tanto desde o punto de vista económico como social, os socialistas faciamos un chamamento ás institucións –Concello, Autoridade Portuaria, Xunta de Galicia, Fomento e Adif– e aos seus responsables, a entenderse e acadar acordos nun momento crucial para a cidade coa redefinición dos seus espazos portuarios e desenvolver os pasos necesarios para a posta en marcha dun consorcio público que lidere os traballos necesarios para unha correcta desafectación dos terreos e a súa necesaria reordenación."

Nesta "permanente dinámica de desencontros institucionais", lembran que o pasado 18 de abril o presidente da Xunta de Galicia, o ministro de Fomento, o presidente de Portos do Estado e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña subscribían un protocolo relativo ao desenvolvemento dos terreos portuarios, a pesar, como recoñece o propio Goberno galego, de non ter a Xunta de Galicia competencias directas sobre portos de interese xeral e, o que resulta "rechamante e alarmante", sen contar co propio Concello da Coruña. "Iso si, asinado o protocolo, convídase ás Administracións locais a participar nunha decisión xa preconfigurada nas instancias autonómica e estatal", precisan. @mundiario

Comentarios