Por que o PSdeG-PSOE fracasou electoralmente o 12 de xullo de 2020?

Caballero
Caballero
En contraposición cos bos resultados nos comicios locais, xerais e europeo a nivel galego en 2019, o PSdeG está aínda lonxe de superar ao PPdeG nunhas autonómicas.
Por que o PSdeG-PSOE fracasou electoralmente o 12 de xullo de 2020?

No último ano publiquei dous artigos en MUNDIARIO nos que analizaba, as causas do fracaso do pablismo podemita e do nacionalismo galego; noutro, por contra, explicaba os factores do éxito de Feijóo. Por tanto, a cuarta análise das principais forzas galegas versará sobre outro fracaso: o do PSdeG-PSOE nas últimas eleccións autonómicas.

Uso a frase outro fracaso do PSdeG porque se trata dunha federación que non saíu vitoriosa en ningunha das once eleccións autonómicas celebradas en Galicia dende 1981. Os seus mellores rexistros tiveran lugar en 1989 ó obter 28/75 escanos (aquel fora o ano da primeira maioría absoluta de Fraga, cando este colleitara 38/75 deputados) e en 2005, coincidindo precisamente co ocaso do león de Vilalba, cando o PSOE galego obtivo 25 parlamentarios e récord de votos e de porcentaxe de sufraxio (555.603 e 33,64%). Ao PPdeG só o superou demoscopicamente (enquisa da TVG) e nunha única ocasión, en 2007, xusto antes da Gran Recesión de 2008 e durante a Xunta Bipartita, cando o PSdeG superaba ao PPdeG en dous escanos (31/75 fronte aos 29/75 dos populares).

Non obstante, os resultados en territorio galego do PSOE en 2019 albiscaron esperanzas nesta delegación de Ferraz: os socialdemócratas galegos venceron nas xerais do 28-A e nas comunitarias, mentres que lograron derrotas doces e pírricas fronte aos populares nas locais e xerais do 10-N, respectivamente.

Estes datos coincidiron, ademais, co final da inestabilidade interna da sección galega do PSOE (chegada de Gonzalo Caballero á secretaría xeral, en 2017, un economista cun brillante currículum vitae); coa volta do PSOE ao Goberno central, en 2018; coa división e declive temporal da dereita no conxunto de España; co desastre das confluencias galegas; e co feito de ser -o PSdeG- por segunda e consecutiva vez o partido máis forte de Galicia a nivel municipal (os alcaldes socialistas representan ao 55% dos galegos) e provincial (control de tres das catro deputacións, que representan o 88% da poboación galega).

Pero o rotundo fracaso recente do 12-X (14/75 escanos e nova maioría absoluta do PP) deu lugar á volta aos problemas internos nesta federación.

Entón, por que o PSdeG fracasou o pasado doce de xullo? Algunhas destas causas son estruturais:

  • Factores externos:

Debemos considerar aquí a gran implantación institucional, mediática, orgánica e social do PPdeG no conxunto de Galicia; que, xunto coa súa posición moderada e ao excelente márketing (especialmente, durante os momentos máis críticos da pandemia da COVID-19) levado a cabo polo seu líder e colaboradores, converten a este partido practicamente en imbatible.

Seguindo cos conservadores, o feito de que o Goberno central esté representado por partidos rivais do PP, fai que os azuis se poñan máis facilmente a etiqueta de galeguistas cando hai -reais ou supostos- agravios a Galicia por parte do executivo de Pedro Sánchez.

Así mesmo, en Galicia non existe voto do medo a Vox, xa que os nacionalconservadores a penas contan con presenza na nosa autonomía.

Pola á esquerda, o empuxe do BNG de Pontón dende logo que prexudicou tamén os socialistas.

E, finalmente, o medo ao multipartito (PSdeG, BNG, Podemos, EU, Anova-IN, confederación de mareas locais, En Marea, CxG, PG e Equo) xogou claramente a favor do PPdeG.

  • Factores internos:

A primeira gran lousa que leva enriba o PSOE en Galicia desde hai décadas é a percepción por parte de moitos cidadáns de que a este partido non lle importa de verdade Galicia a causa do voto fortemente conservador da nosa CC.AA.. Esta idea, moi instalada nos votantes do PPdeG e BNG, vén da época de Felipe González, cando este investía na nosa autonomía por debaixo da media estatal. Ningún líder socialista galego posterior, incluíndo a Caballero, fixo nunca ningunha crítica a este inxusto feito.

Unha segunda causa, relacionada coa anterior, é o constante sucursalismo amosado polo sanchista Caballero cara á súa matriz de Ferraz. Do actual líder xamais se escoitou ningunha crítica ó Goberno central, dando a sensación de que pon os intereses do seu partido por riba dos galegos -a diferenza, ó menos aparentemente, do Feijóo dos últimos meses-. Ademais, o actual secretario xeral autonómico chegou a dicir que os non-natos Orzamentos Xerais do Estado de 2019 (os cales asignaban un 20% menos de inversión pública a Galicia) eran bos. A maiores, ligou o benestar de Galicia á existencia dunha Xunta homóloga no ideolóxico ao actual poder central.

En terceiro termo, desde a marcha do expresidente Touriño, o PSdeG carece dun líder estable, amplamente coñecido e carismático: Pachi Vázquez, Besteiro, Leiceaga e agora Caballero son demasiados nomes para pouco tempo.

En cuarto lugar, o de Ponteareas fixo unha campaña tematicamente errada. Centrouse en exceso na defensa excesiva do Estado de Benestar e en atacar a Feijóo en detrimento de que e como xerar riqueza. Ademais, puxo como exemplo de bo goberno ao Executivo central, dando novamente unha imaxe de sucursalismo.

Por outra banda, o número 1 do PSdeG a penas apoiouse nos principais cargos públicos locais; un feito moi criticado especialmente pola sección coruñesa.

            No eido ético-psicolóxico, o político ponteareán amosou defectos propios da vella política, como a arrogancia, o maniqueísmo, non responder directamente ou faltar á verdade. Explícome: Caballero negouse a aceptar o suposto de que Pontón a superase aludindo a inexistencia de maioría nacionalista en Galicia (erro: arrogancia e non responder directamente: foi superado en cinco parlamentarios polos soberanistas). Alabou en exceso a Sánchez e fixo todo o contrario con Feijóo (erro: maniqueísmo e sumisión ó presidente do Goberno). Sostivo que en Galicia hai unha maioría progresista, en referencia ao resultado das xerais do 10-N -55% de apoio á esquerda- e que iso trasladaríase ás autonómicas (erro: ausencia de verdade: cada comicio é distinto, e isto é algo que cada vez vemos máis en Galicia). Caballero afirmou tamén que Feijóo perde cada día vinte mil votos (erro: mentira a medias: anque perdeu case cincuenta e sete mil votos, o de Os Peares revalidou a maioría absoluta).

En sétimo lugar, Gonzalo Caballero apostou en exceso por un goberno progresista, descoidando ó seu votante centrista. Se ben é verdade que o plan A de Xunta de esquerdas era estratexicamente acertado, xa que así o querían a maioría dos seus votantes, o ponteareán nunca debeu descartar o plan B (pacto expreso ou tácito de investidura ao PP) no suposto de que houbese un resultado pola dereita de 37+1 (PP-Vox), pois explicar esta última hipótese daríalle unha imaxe de home de Estado.

Por último -aquí erraron igualmente BNG, Marea Galeguista e GeC-Anova-Mareas-, non houbo un programa conxunto de hipotético goberno por parte das forzas de esquerda nin explicaron como artellarían administrativamente a Xunta, no suposto de obter xuntas a maioría absoluta.       

Fóra da análise das causas externas e internas do fracaso autonómico do PSdeG, outro dato a ter en conta é que o PSdeG, que obtivera 524.588 votos en 2009 -cando o Bipartito foi derrotado-, nunca superou dende entón a barreira dos 300.000 votos. Nese ano o BNG sacou 270.712 sufraxios, mentres que EU-IU e FPG (forzas predecesoras das confluencias) obtiveron 19.344.

En 2020 os socialistas acadaron 252.537 votos por 310.137 dos nacionalistas máis 51.223 de Gec-Anova-Mareas. Pola súa banda, o PP ten 164.245 simpatizantes menos que hai once anos.

Supoñamos que hoxe hai 40.000 votantes do PSOE que hoxe están no BNG e que 31.000 exsocialistas hoxe prefiren á esquerda alternativa non nacionalista. E que aritmeticamente non hai votos perdidos ao PPdeG respecto a 2009. Dese modo, o PSdeG de 2009 quedaría hoxe, sen contar outras perdas, con aproximadamente 450.000 apoios. Hai que ter en conta que o censo é un 15% máis pequeño que aquel ano. Por tanto, a cifra de apoios potenciais ao PSdeG descendería ó entorno dos 380.000 sufraxios; en todo caso, unha cifra superior aos pouco máis de 250.000 do pasado doce de xullo. A recuperación deses aproximadamente 130.000 votos perdidos (sen perxuízo para o resto da esquerda) é o reto do PSdeG se quere sumar para botar o PP de San Caetano en 2024.

Comentarios