Prudentes expectativas das exportacións de Galicia cara ao último trimestre do ano

Puerto de Vigo. / Mundiario
Puerto de Vigo. / Mundiario
Os indicadores de actividade máis recentes mostran unha perda de dinamismo nos meses finais de 2020 no conxunto das economías europeas, o mercado exportador por excelencia de Galicia.
Prudentes expectativas das exportacións de Galicia cara ao último trimestre do ano

A recuperación das exportacións de Galicia non chega ao téxtil, un sector de enorme importancia na balanza exportadora e que, no conxunto de España, está a ter moitas dificultades para se recuperar por mor do impacto das normas de distanciamento social sobre a adquisición de prendas de vestir, segundo o Barómetro Exportador de Galicia (Baexga), do que son responsables os profesores Isabel Novo e José Manuel Sánchez.

Os autores do Baexga manexan prudentes expectativas cara ao último trimestre do ano. Neste senso, os indicadores de actividade máis recentes mostran unha perda de dinamismo nos meses finais de 2020 no conxunto das economías europeas, o mercado exportador por excelencia de Galicia, o cal pode dificulta unha consolidación dos datos positivos presentados no mes de setembro.

As exportacións galegas en setembro 2020 acadaron un total de 2.452 millóns de euros, máis dunha quinta parte con respecto ao mesmo mes do ano 2019. Este dato sitúa a Galicia como a comunidade que experimentou un maior ritmo de crecemento interanual. Ademais, este crecemento converte esta comunidade na de maior contribución positiva á taxa de variación interanual do total das exportacións españolas. Non en balde Galicia é a terceira comunidade en peso no total das exportacións despois, de Madrid e Cataluña.

As maiores contribucións positivas corresponden ao sector da automoción cunha taxa de variación interanual dun 79,6% e ao agroalimentario, un 9,5%. Canto ao destino das exportacións, máis do 50% diríxense a países da zona euro: Francia, Alemania, Italia, Reino Unido e Portugal, sendo este último país o único onde as vendas de mercadorías rexistraron taxas negativas.

Os sectores  dos combustibles e os bens de equipo mantéñense nas zonas negativas, (-64,7% e -8,3% respectivamente). Unha excepción positiva está no sector da metalurxia que, por primeira vez dende o inicio da pandemia, rexistra taxas de variación interanual positivas, cun 3,6%. @mundiario

Comentarios