Buscar

Proximidade de Pittsburgh

Setembro está aí e antes de usar como arma arreboladiza un tema ardente sería interesante intentar unha solución para Alcoa.
Proximidade de Pittsburgh
Pittsburgh. / RR SS
Pittsburgh. / RR SS

María do Carme García-Negro

Profesora de Economía.

Aínda está por resolver o conflito creado pola decisión -sospeitamos que definitiva- de Alcoa de pechar a súa factoría de aluminio en San Cibrao. Foron tantos os episodios do longo conflito que puido parecer que estaba feito todo o realizábel desde aquí. Porén, é rechamante que algunhas das xestións posíbeis e esperábeis non se soubo que foran feitas por ninguén.

Por exemplo, o primeiro que se lle ocorre a alguén que sabe que hai voos aos Estados Unidos, é dicer, pódese chegar sen ser en dilixencia, sería realizar unha viaxe á Pittsburgh, Pennsylvania, e se entrevistar -despois de garantir que hai cita- con algún dos directivos responsábeis da compañía.

Certo é que o comité executivo de Alcoa é o suficientemente amplo e formalmente complexo para facer necesaria unha orientación de cal é a mellor entrevista, no senso de efectiva, para o obxectivo que perseguimos. No entanto, a mellor proposta, segundo pensamos, sería tratar de ver directamente a Roy C. Harvey: presidente da corporación e director executivo. É un home novo (45 anos) e, aínda que o  tamaño dos seus ingresos anuais declarados pola compañía (2,48 Millóns de dólares) dá algo de vertixe para un galego de a pé, mesmo sendo tamén presidente, non ha ser obstáculo en absoluto para se facer ouvir, porque entre humanos está o xogo e, visto que o non xa nos consta, sempre poderá ser esperábel un outro amaño.

É probábel que Mr. Roy Harvey (semellante aos nosos Roi) teña certa inclinación a ver con boa acollida as propostas do representante autonómico dos galegos xa que el formou parte por case dous anos da dirección de Alcoa en San Cibrao. Estou certa de que coñece o terreo e será proclive a intentar unha solución distinta do cerramento puro e simples da planta de aluminio. Precísase que, se finalmente hai cerramento, adquira compromisos para realizar novos investimentos que substitúan a capacidade de emprego da actual factoría en cuestión.

Tamén poderíamos buscar un apoio que favoreza as nosas ansias no Dr. Ernesto Zedillo que, sendo expresidente mexicano, ten boas relacións con Pemex e na actualidade forma parte do comité de goberno de Alcoa. De calquer xeito, para tratar o tema cómpre ir directamente a quen pode escoitar e decidir: haberá que ir á sede de Alcoa, que está onde dixemos, en Pittsburg. Visto que, á parte da embaixada en Washington, hai un consulado en Nova Iorque que ten xurisdición sobre Pennsylvania, non debería ser difícil atopar apoio institucional do goberno español. Mesmo o actual cónsul foi no seu día Director Xeral de Recursos Pesqueiros en Madrid e coñece de cerca  as necesidades galegas de emprego industrial.

E, finalmente, mais non último, temos, contamos, con outros apoios con coñecemento dabondo de Pittsburgh mesmo para facer de guías, desde doutorandos da Universidade de Vigo ás boas relacións que ocasionalmente deixou a ourensana Cristina Pato. Setembro está aí e antes de usar como arma arreboladiza un tema ardente sería interesante intentar unha solución. @mundiario