Buscar

Proxectos tractores: para qué e para quen?

Queda a dúbida de si os proxectos son porque estamos en eleccións ou porque a Xunta  quere contentar a determinados grupos empresariais.
Proxectos tractores: para qué e para quen?
Sede da Xunta de Galicia. / Mundiario
Sede da Xunta de Galicia. / Mundiario

O 19 de xuño a Xunta anuncia tres proxectos “tractores” para reactivar a economía galega, proxectos destinados a fabricación de hidróxeno, a produción de biogás e fertilizante  e un  centro de xeración de fibras téxtiles a partir da celulosa da madeira de piñeiros e eucaliptos. Proxectos que se espera se financien con fondos europeos, fondos da Xunta e co sector privado co obxectivo din de “ mobilizar inversión, innovación e emprego”. Chama a atención que se realicen tales “ofertas” en campaña electoral, e co aval manifesto dun denominado “comité de expertos” que asesora a Xunta.

Estamos acostumados a que detrás dos proxectos industriais que avanza o goberno sempre aparecen intereses de grandes empresas ou multinacionais,  neste caso apuntase a sombra das  eléctricas cando menos en dous dos tres proxectos.  Ante isto permítome puntualizar o seguinte:

- Iniciativa de xeración de hidróxeno verde: proxecto adecuado as multinacionais electricas.- Xustificase  esta  iniciativa  para que Galiza sexa un referente no ámbito da transición enerxética. Convén coñecer que a xeración do hidroxeno obtense a partir dun proceso químico de electrólise onde se separa da molécula da auga os seus compoñentes, o hidróxeno do osixeno, proceso que ten un alto custo de produción e necesita grandes cantidades de electricidade, da orde de 55 Kwh/KgH2  -no caso do proxecto nada menos que se necesitarían 280.500.000 kwh sen contar  a compresión  do gas-. Tal proxecto non parece que sexa grande cousa, pois segundo as declaracións oficiais aspira a producir 5.100 toneladas/ano de hidróxeno e só poderá abastecer unha flota de 630 camións durante un ano. Outras autonomías pretenden o mesmo, a empresa Iberdola en marzo anunciou a inversión de 150 millóns nunha planta de hidróxeno en Puertollano  con capacidade de produción maior que a proxectada aquí, pero neste caso vai asociada a unha  planta fotovoltaica de 100MW e un sistema de almacenamento de baterías de ión-litio, o que non sucede no proxecto da Xunta.

Unha vez máis na Galiza miramos as industrias electrointensivas, grandes consumidoras de electricidade e a producir máis e máis enerxía. Fabricar hidróxeno verde quere dicir que se tería que producir a partir de fontes renovables e con excedentes, para o cal aumentarían no país os parques eólicos – apenas se potencia outra renovable- con impacto notable como ocorre hoxe, afectando ao patrimonio, a paisaxe, a xeoloxía, a zonas agrícolas-gandeiras e en xeral ao medioambiente. Non ten sentido fabricar hidróxeno desta maneira para que o utilice o transporte pesado/camións cando as mercadorías pódense desprazar en ferrocarril e con aforro enerxético. 

- O proxecto de  produción de biogás e fertilizante: pensado para un gran amigo.- Un proxecto  de xestión e reciclaxe de xurro ou purín e residuos gandeiros non tiña que esperar ao 2020 para anunciarse, é un problema actual que ven arrastrado do século pasado sen resolver. En determinadas zonas da Terra Chá en Lugo e na Limia e noutros puntos de Ourense, dende hai moitos anos  teñen problemas por contaminación por nitratos en pozos, acuíferos e augas subterráneas  por culpa de falta da boa xestión dos residuos de granxas.

Agora corre presa a alternativa porque  temos que apurarnos para cumprir canto antes coas normas europeas de boas prácticas que obrigan na PAC e quere conseguir fertilizantes, gas e enerxía eléctrica. De novo as empresas eléctricas estaran interesadas no tema da xestión destes residuos gandeiros como xa o fixeron no caso  dos residuos domésticos ou industriais, senón que llo pregunten a Xunta é a antiga Fenosa hoxe Naturgy. 

- O último proxecto dun centro de fibras téxtiles, vendese como de xestión sostible dos montes, pero en realidade é un impulso a novas plantacións de eucaliptos e piñeiros. Segundo a información da Xunta o centro vai potenciar un consumo de 1,5 millóns de m3 de madeira de arbores de crecemento rápido e  unha xestión sostible de 100-150.000 ha de plantacións de piñeiros e eucaliptos,  todo para xerar 250.000 toneladas de fibra de celulosa  co destino a fibras téxtiles.

Neste momento a extensión que ocupa o eucalipto entre masas puras e mestas supera as 600.000 ha, abastecen as celulosas de Pontevedra e Navia en Asturias, utilizándose en fábricas de taboleiros e mesmo  exportase. Non esquezamos  que temos posibilidades múltiples de aproveitamento do monte: froitos como castaña ou  landra, cogomelos, mel, flores, herbas medicinais, gando bovino, equino, ovino... en liberdade ou semiliberdade, posibilidade de madeira de calidade e cara que demanda o noso mercado e Europa... Neste momento  os organismos públicos son incapaces  de arrastrar a Galiza industrias de fabricación de papel que pecharían o ciclo da madeira, tampouco tiran por ter unha industria potente de carpinteira, ebanistería ou artesanía da madeira  que anos atrás tiveron importancia en comarcas como Sarria ou A Estrada, e non lles preocupa  a inexistencia de industrias da  segunda transformación da madeira.  Convén coñecer que Galicia vese obrigada a exportar o 80% da madeira serrada, o 70% dos taboleiros e o 97-99% da pasta de celulosa que fabrican en Pontevedra por non ter industrias da segunda transformación. Podía a Xunta poñer os pés na terra e empezar  polas industria transformadoras que pechen ciclos no país e crean valor engadido en vez de experimentar con proxectos de dubidoso resultado?

En definitiva a Xunta  persigue potenciar o forestal  fronte ao agrícola e gandeiro, non lle importa que dende a entrada de España no Mercado Común en 1986 a hoxe se transformaran na Galiza polo menos 265.000 hectáreas (ha) de superficie agraria útil para outros fins, fundamentalmente arborado de eucalipto, que aumentou sen parar. Mentres nos últimos 16 anos a superficie ocupada por tres cereais básicos como millo, trigo e centeo,  baixou un 39% a un ritmo do 2,4% anual.  

Agradecese que aínda que tarde se fale do tratamento dos residuos gandeiros, pero necesitaría que se enfocase con visión pública. Pena que os asesores non influían para que a Xunta poña en práctica un modelo distinto ao de gandería industrial. Si o gando pacera nos prados e no monte arborado e a matorral diminuiría mais da metade as necesidades de reciclado do xurro e mesmo as granxas grandes podían producir biogás que utilizarían. Outra vantaxe deste modelo – que pode incluír gando  en liberdade ou semilibertade- é que  abaratarían os custos de produción e diminuirían a biomasa evitando en boa parte os incendios, podían crear emprego  e mesmo abonarían o terre0, seguro que faría innecesaria a planta de fertilizante proposta. 

Queda a dúbida de si os proxectos son porque estamos en eleccións ou porque a Xunta  quere contentar a determinados grupos empresariais. Nas grandes empresas existen postos nos consellos de administración esperando  por membros  destacados que  antes ou despois saen do goberno. Será por ambas cousas? @mundiario