A produción eléctrica de Galiza non se resentirá co peche das térmicas de carbón

Central térmica de As Pontes. / Wikimedia Commons
Central térmica de As Pontes. / Wikimedia Commons
A edición GALICIA de MUNDIARIO acolle a publicación deste informe para Tempos Novos, dividido polo autor en cinco capítulos, mantendo boa parte do contido de base pero actualizándoo a día de hoxe. Este capítulo III céntrase tamén no cambio climático que atrapa a Galicia.
A produción eléctrica de Galiza non se resentirá co peche das térmicas de carbón

Tras publicarse na edición GALICIA de MUNDIARIO o capítulo titulado O Goberno de Galicia parece algo desorientado co cambio climático e o segundo, baixo o título Coa merma das térmicas, Repsol vai collendo a dianteira da contaminación en Galicia, chega esta terceira entrega.

Dende o Acordo de París (COP21) existiu un certo consenso social e político no que todos parecían coincidir: para poder cumprir os obxectivos de París, todas as centrais de carbón en España deberán pechar a máis tardar no 2025 e para garantir a descarbonización as centrais non deben adaptarse a produción de enerxía con outras fontes contaminantes.Pero aínda no 2018 a xeración eléctrica por carbón emitiu no Estado 36,45 millóns de t CO2-eq, que representaban o 28,6% das emisións totais dos complexos no mercado de emisións (PRTR). Galiza con dúas instalacións As Pontes e Meirama chegou a emitir 10,18 millóns t CO2-eq, que representan a terceira parte do total que se emite na Galiza por todas as fontes (industrias, transporte, fogares, servizos, agricultura...) cantidade que a súa vez representa o 65,5% do total das emisións galegas no comercio de emisións. Só a central térmica de carbón de As Pontes  emitía no 2018 un total de 7,94 millóns de t de GEI e a central térmica de Meirama  2,24 millóns de t , situación que cambia notablemente no 2019  ao emitir As Pontes 2,3 millóns de t e Meirama 204.003 t. No ano 2019  o número de instalación no comercio de emisións era o 5,7% do Estado e as emisións  no mercado de emisións  era de 7,6% do Estado.

Xigantes en contaminación   

As centrais térmicas, xigantes en contaminación, non só emiten CO2 e GEI senón que tamén vomitan a atmosfera gases acidificantes que orixinan choiva ácida (55% do total galego de SO2, dióxido de xofre) , e outros gases e partículas que directa ou indirectamente prexudican ao entorno e a saúde (a terceira parte do total galego en Mercurio, PM10, Óxidos de nitróxeno... ) e a vez  colaboran na destrución da capa de ozono ou forman o perigoso ozono troposférico. Non debemos esquecer que as térmicas provocaron unha importante contaminación por choiva ácida  no medio galego que afectou aos cultivos, frutais, forestal... e prexudicou por corrosión aos metais, materiais, pinturas ...  especialmente  a finais dos anos 80 e até  ben entrado este século cando queimaban lignito pardo, situación que mellorou   cando pasaron a utilizar carbón de importación menos contaminante. 

O carbón tamén é moi responsábel da  contaminación  que se sigue rexistrando no ambiente. A gran maioría da poboación da provincia de A Coruña respirou no 2018 aire contaminado. A Coruña, Santiago e Ferrol presentan valores de contaminación ambiental que aínda que podan estar dentro da permisiva lexislación  están moi por riba do nivel saudábel que recomenda a OMS – con valores máis ríxidos que non contempla a lexislación- e polo tanto estamos con risco na saúde, situación que arrastramos de anos atrás. Galiza igual que sucede cas emisións ten unha contaminación -a nivel do solo no aire que respiramos- moi superior á que teoricamente lle podía corresponder por poboación, extensión xeográfica (km2), grado de industrialización, nivel de desenvolvemento e nivel de vida, valores de PIB ... especialmente no que se refire a partículas, ozono troposférico, metais pesados, naftaleno, benceno, dióxido de xofre, dióxido de carbono...

A  térmica de Meirama con peche no 2020, presentou un Plan de desmantelamento,  contempla -segundo anuncio de Naturgy-  a recolocación de traballadores e inversións de 80 millóns de euros destinados na zona para un parque eólico e unha planta de biogas.  A central de As Pontes, a industria  mais contaminante de Galicia, e do Estado, comunicou primeiro a “descontinuidade”  e  estivo semi apagada ou baixo mínimos dende o 2019.  Endesa comunicaba o 27 de novembro a CNMV (Comisión Nacional do Mercado de Valores ) mediante o Informe: Endesa 2020-2022. Actualización del Plan Estratégico  a reestruturación completa do “mix” de xeración  eléctrica  no camiño cara a descarbonización total no 2050 e anunciaba que deixa a cero no 2022 a capacidade  térmica de carbón peninsular. A finais de decembro do 2019  a empresa iniciaba o proceso para botar o feche ás instalacións por falta de competividade da planta de As Pontes, pero non descartaba dar marcha atrás se as probas con  mistura de carbón con lodos de depuradora e residuos  – recomendada pola Xunta- tiñan viabilidade .Alternativa apoiada tamén polo “Ministerio para la Transición Ecológica” que mantiña a esperanza de que dous dos catro grupos de carbón se mantivesen con carbón , lodos e residuos de  biomasa. O 10 de xuño do 2020 Endesa presentou o Plan de avaliación ambiental para desmantelar  os catro grupos de As Pontes , setembro era o mes para  dar a coñecer a empresa os resultados dos seus experimentos,  hoxe descoñecemolos, estarán en secreto.

Adeus ao carbón

As razóns do adeus ao carbón realizadas  por calquera das dúas empresas eléctricas multinacionais, Naturgy e Endesa, de forma sorpresiva e que parten dunha decisión propia,probablemente teñan moito que ver con algunha ou varias  das razóns seguintes: 

 a) Necesidade de grandes inversións. Non están interesadas en investir centos de millóns para reducir emisións e adaptarse a normativa Europea do 2020 cando está anunciado un fin próximo ao carbón. No futuro inmediato a UE será xa máis esixente coa contaminación e en particular cos gases  de efecto invernadoiro GEI .

b) Alto prezo do CO2 no mercado de emisións. As térmicas  carecen de asignación gratuítas de dereitos de emisión  (que antes tiveron) e vense obrigadas a ir ao mercado de dereitos de CO2  a mercar e pagar un prezo por tonelada de CO2 que emite. Ate agora  saia barato contaminar o prezo da tonelada era baixo, pero agora  o prezo subiu moito e no 2019 xa estaba a 25 euros/t, e no futuro  esperan que o prezo sexa maior.

c) Maiores beneficios investindo en renovables. As empresas ven que  os beneficios  en inversións de enerxías alternativas son altos, a inversión en eólica ou a  solar duplican os  beneficios que puideran obter co carbón e por enriba de todo porque no carbón a situación é transitoria (2025 -2030 ?), mentres que na eólica ou solar parece un recorrido longo e duradeiro. Ademais o Goberno, para dar resposta ao cese de actividade das centrais térmicas ven de aprobar en novembro 2019, un decreto que asegura as empresas de enerxía renovable con parques xa instalados dende o 2013 unha retribución anual do 7,4% ate o ano 2031, así  asegura que se retiren as demandas interpostas polas eléctricas neste tema. A maiores para o resto de empresas garantirase unha remuneración do 7,09% dende xaneiro do 2020 ate o 2025.

d) Alternativa fácil ao carbón. Tanto Naturgy como Endesa teñen fácil alternativa ao carbón, xa teñen instalados ciclos combinados a gas en Sabón e nas Pontes. Centrais  que estaban a principios de ano practicamente apagados ou funcionando  baixo mínimos, poden hoxe poñerse inmediatamente a pleno rendemento. Un prezo á baixa do gas, a maior eficiencia (57% fronte ao 33%) e menor contaminación  (1/3) dos ciclos combinados a gas permitirá producir practicamente  a mesma electricidade que a que deixan de producir  co carbón ao seu peche.  

e) Previsión de aumento  do prezo das materias primas. A tendencia do prezo de mercado das materia primas  (o que as empresas denominan “commodities” ) que importan de países afastados,  como é o caso da hulla subituminosa, presenta unha clara tendencia a alza prevendo que pasará de 73 dólares/t carbón no ano 2019 a 78 dólares/t no 2022 e os beneficios que podan tirar serían menores. 

Ao final dun ciclo

Tampouco podemos esquecer que estas industrias  practicamente están ao final do seu ciclo de utilización, calquera industria queda obsoleta despois de decenas de anos funcionando  e precisarían modernizarse ou transformarse para ser rendíbeis. O resultado é que as empresas eléctricas  ven como a alternativa máis viable e interesada o peche coa vista posta noutro negocio máis xugoso, negocio que o Goberno promove e sen dúbida apoiará economicamente con medidas varias.

Pero as empresas eléctricas que durante anos tiveron  beneficios mil millonarios discriminan a hora do peche das súas térmicas na Galiza,  o seu comportamento non é o mesmo aquí que noutras zonas do Estado,  vexámolo cun exemplo: en decembro do 2018  Endesa anunciaba o peche das térmicas de carbón de Compostilla (Ponferrada) e Andorra (Teruel) e no 2019 “promove unha descontinuidade” en As Pontes (A Coruña).  Mentres a solicitude de peche das dúas primeiras centrais citadas  ía en paralelo cuns plans de futuro que respectaba os postos de traballo (166 empregados en Compostilla e 153 en Andorra)  aquí descoñecese  ainda hoxe como vai ser o futuro dos traballadores. Con relación aos investimentos, despois do peche en Teruel,  anunciou que vai instalar na zona até 1000 MW de nova capacidade fotovoltaica  cunha inversión de 800 millóns de euros  e en Ponferrada  unha similar de 300 MW e inversión de 240 millóns, polo contrario  falta por coñecer o que ofrece nas Pontes.

A produción eléctrica de Galiza non se resentirá co peche das térmicas de carbón, temos  11.098 MW de potencia eléctrica que representan o 10,6% da potencia  do Estado e para darnos unha idea da cifra dicir que  Madrid ten só unha potencia de 458 MW e o Pais Vasco 2.910 MW, unicamente nos supera en potencia Cataluña, Andalucía e C-León. Galicia xera anualmente da orde de 27-33.000 Gwh cando a demanda  para consumo galego non chega a 20.000 Gwh, quérese dicir que máis da terceira parte da electricidade non se pode utilizar (no ano 2018 foi o 34,8% do total segundo REE-  e sae  para zonas que podemos considera privilexiadas porque consumen  o produto final -electricidade- mentres aquí deixan a contaminación da produción e os custos sociais. @mundiario

A produción eléctrica de Galiza non se resentirá co peche das térmicas de carbón
Comentarios