Primeiro de Maio en Galicia con mellores salarios como obxectivo

Manifestación del Primero de Mayo. / UGT
Unha manifestación do Primeiro de Maio. / UGT
A solidariedade, o orgullo polo conseguido e a esixencia de mellores salarios e a contención dos prezos serán as bandeiras deste 1º de Maio.
Primeiro de Maio en Galicia con mellores salarios como obxectivo

Como todos os anos, este 1º de Maio chamamos á cidadanía a mobilizarse para reivindicar melloras nas condicións laborais e de vida e para loitar pola consolidación dos dereitos acadados, ademais de lembrar o carácter festivo desta data e de celebración para a clase traballadora de todo o mundo. Porque non se pode esquecer o carácter internacionalista do 1º de Maio. E, aínda que hoxe o foco témolo posto en Ucraína, non nos podemos esquecer de moitos outros países onde, a causa da ditadura dos seus mandatarios, os seus traballadores e traballadoras carecen de moitos dereitos básicos e de liberdade e nos que os sindicalistas afrontan a súa labor diaria en medio dun contexto marcado polo risco e, incluso, sacrificando as súas vidas. Esta ten que ser unha data para a solidariedade co pobo ucraíno pero tamén con outros pobos nos que os seus cidadáns viven situacións realmente complexas.

Nesta edición, xa por terceiro ano consecutivo, o 1º de Maio ímolo celebrar nunha conxuntura realmente difícil. No ano 2020 non puidemos saír ás rúas polo confinamento que estabamos a vivir a causa da pandemia. No 2021 si nos mobilizamos pero o contexto seguía sendo o de pandemia. E no 2022 á pandemia engadímoslle a cruenta guerra que se está a librar en Ucraína a causa da mesquindade dun líder ruso que non ten medida nas súas actuacións.

Resulta evidente que non están a ser anos fáciles para ninguén, e menos para os traballadores e traballadoras, sobre todo, para os máis vulnerables que están moito máis expostos ós contratempos. Aínda así, nesta conxuntura, que está a determinar a nosa economía e o mercado laboral dun xeito negativo, dende UGT queremos aproveitar esta data para fortalecer o mundo sindical destacando os logros conseguidos nestes dous últimos anos, froito da concertación, que fixeron que o  camiño que nos tocou emprender a todos e todas fose, cando menos, un pouco máis livián e levadeiro. Falo dos acordos de pensións, SMI, teletraballo, ERTEs ou a reforma laboral. Acordos que toca fortalecer este 1º de Maio saíndo ás rúas, dándolles valor e estando vixiantes no seu cumprimento porque todos eles nos fortalecen como país e camiñan cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.

A outra cara da moeda son as frontes que aínda están abertas e que hai que resolver porque as carencias, como xa dixen antes, afectan dun xeito máis incisivo ós máis vulnerables. Cun IPC de preto do 10% é evidente o empobrecemento das familias e as súas dificultades para chegar a fin de mes, especialmente para as 500.000 persoas que en Galicia, ben por estar en desemprego, cobrar menos de 1.000 euros ou percibir pensións non contributivas ou con complementos a mínimos, están nunha situación vulnerable e para as que urxen medidas de soporte xa. Tanto a Xunta como o Goberno central é certo que puxeron enriba da mesa medidas para intentar paliar as graves consecuencias do novo contexto marcado pola COVID-19 e pola guerra. Non obstante, aínda que as saudamos, considerámolas insuficientes. As administracións están obrigadas a articular medidas específicas cara este sector da poboación, cara os máis vulnerables. Teñen unha débeda pendente por saldar con todas estas persoas e as súas familias.

Tócanos a todos e todas dende xa traballar por unha recuperación xusta, que non deixe a ninguén atrás. Evitar os graves erros que se cometeron na crise económica anterior, de 2008, na que os traballadores e traballadoras deste país pagaron os pratos rotos. A lección debería estar aprendida. Sen consumo interno, non vai haber recuperación. E, para iso, as persoas traballadoras, as familias precisan manter o seu poder de compra, para o cal urxe ratificar un AENC que garanta cláusulas de revisión salarial. O contrario sería moi necio por parte da patronal. E este 1º de Maio hai que saír ás rúas deixándolle claro á CEOE que, ou hai concertación ó redor dos salarios para garantir o seu poder adquisitivo, ou haberá conflitividade. Non imos consentir que os empresarios enchan as súas arcas coas ganancias e os traballadores e traballadoras paguen as consecuencias da crise, unha vez máis.

Neste senso, tamén se lle esixe ó Goberno o control dos prezos. Hai que poñer enriba da mesa todas as medidas para acabar coa especulación, como a que se dá nos prezos da enerxía ou carburantes. O contrario é tirar máis pedras ós fogares deste país.

As razóns para saír ás rúas este 1º de Maio sobran. Os traballadores e traballadoras temos que estar vixiantes co cumprimento do conseguido pero seguir incidindo nas novas reivindicacións, salarios, contención de prezos, máis igualdade, un SMI que acade o 60% do salario medio, preservar a seguridade e saúde no traballo, as 32 horas semanais, demandar unha transición ecolóxica xusta e abrir unha liña de traballo para reformar o Estatuto dos Traballadores co fin de conseguir un texto acorde co S. XXI. @mundiario

Comentarios