Por primeira vez, garántese o presente e futuro das pensións sen recortar dereitos

Jubilados. / Alexander Kliem en Pixabay
Jubilados. / Alexander Kliem en Pixabay
Co acordo, ademais, cúmprese cunha das demandas do Plan de Recuperación, o que vai permitir unha cuarta transferencia de fondos destinados a apoiar ás empresas españolas, a pesar do descolgue daqueles que as representan.
Por primeira vez, garántese o presente e futuro das pensións sen recortar dereitos

Nestes últimos anos, especialmente complexos pola magnitude dos acontecementos que nos rodean e que están a condicionar as nosas vidas, cunha pandemia e unha guerra ás nosas costas en tan só tres anos, o diálogo social, máis que nunca, amosouse como unha das ferramentas máis útiles e eficaces para atallar e resolver os problemas que se foron presentando. Un diálogo social que está a permitir afrontar estas dúas grandes crises salvagardando os dereitos dos máis débiles e intentando protexelos creando un escudo social. E, disto, como parte activa do proceso, sentímonos orgullosos.

A semana pasada, o Goberno e os sindicatos UGT e CC OO demos un paso máis neste proceso e demos tamén unha mostra de responsabilidade porque, como actores sociais, como parte activa desta sociedade, temos a obriga de achegar todo o que temos para contribuír a xerar unha sociedade mellor e máis xusta, non nos podemos permitir mirar cara outro lado ou subirnos ao tren do non polo non. A responsabilidade obríganos a traballar pola concertación, polo acordo que garanta unha sociedade mellor para todos e todas e así o fixemos unha vez máis co acordo de pensións. Un acordo que garante o futuro das pensións,  que garante a continuidade do sistema e o seu equilibrio sen recortar dereitos, un acordo que beneficia ás pensións máis baixas e ás mulleres, un acordo que equilibra gastos con ingresos, que conta co beneplácito de Europa e dunha ampla maioría parlamentaria, en definitiva, un Acordo que asegura o presente e o futuro das nosas pensións, o mellor acordo de pensións asinado na historia do noso país.

Xa no ano 2021, sindicatos, asociacións empresariais e Goberno acordamos unha primeira fase de transformación do sistema para apuntalar a súa suficiencia e garantir unhas pensións que aseguren un nivel de vida digno aos seus perceptores e perceptoras.

Pero este primeiro paso no camiño sabíamos que nos esixiría ir máis aló. Xa por aquel entón éramos conscientes de que asegurar a revalorización das contías e mellorar as coberturas, xunto ás perspectivas de envellecemento poboacional e as xubilacións da xeración do “baby boom”, ía supoñer un forte gasto público. Para protexer o sistema e garantir a súa sustentabilidade, só había unha vía, aumentar os ingresos.

Unha nova estrutura financeira

E é este punto da ecuación o que resolvemos co novo acordo de pensións. Establecemos unha nova estrutura financeira, avalada polas autoridades europeas, resistente, suficiente e duradeira, destinada a incrementar a recadación vía cotizacións e a través das transferencias do Estado á Seguridade Social por gastos que non lle son propios, todo isto, para asegurar o pago de máis e mellores pensións, polo menos, ata o 2050. Co acordo, ademais, cumprimos cunha das demandas do Plan de Recuperación, o que vai permitir unha cuarta transferencia de fondos destinados a apoiar ás empresas españolas, a pesar do descolgue daqueles que as representan. Asemade, trátase dun proceso garantista dende un punto de vista xurídico, xa que as empresas saberán ata o 2050 cal terá que ser o seu desembolso en relación ás cotizacións á Seguridade Social.

Entón, que vai supoñer este acordo a efectos prácticos. Primeiro, establece un período de cálculo opcional ata o 2040. Así, a pensión poderá calcularse conforme aos últimos 25 anos cotizados ou ben cos últimos 29, descartando os dous peores. O sistema elixirá os máis favorables para os perceptores. Dende 2040 a 2043 implantarase a segunda forma de xeito progresivo e a partir de 2044 non se poderá elixir e a pensión calcularase con 27 anos efectivos de cotización.

Por outra banda, ata o de agora os salarios máis elevados estaban exentos de cotizar máis aló dunha cantidade. 4.495,5 euros brutos ao mes, este é a día de hoxe o tope máximo da base de cotización. Pero co novo acordo establécese que a base máxima subirá conforme ao IPC anual, como as pensións, e sumaráselle unha contía fixa de 1,2 puntos porcentuais dende o 2024 ata o 2050. Aporte que será compensado con aumentos da pensión máxima a futuro. Quenes terán que achegar a cota de solidariedade? Os que perciben salarios por enriba da base máxima de cotización. Unha cota que irá do 0,92 ao 1,17% e irá aumentando a un ritmo de 0,25 puntos anuais ata chegar ao 5,5, 6 ou 7% no 2045. Trátase de que os que máis gañan contribúan máis ao sistema público de pensións.

Todas as pensións subirán conforme ao IPC. As máximas terán a maiores un incremento de 0,115 puntos acumulados cada ano dende 2025 ata 2050. As mínimas subirán progresivamente dende 2024 ata acadar no 2027 o 60% da renda media correspondente a un fogar con dous adultos, tomando como referencia a evolución da pensión mínima con cónxuxe a cargo, o que supón un alza na contorna do 22%. Así, a pensión mínima contributiva con cónxuxe a cargo pasará de 966,2 euros ao mes a 1.178,5.

Este é un acordo que beneficia ás mulleres porque trata de suplir as lagoas ou interrupcións das carreiras laborais. Ademais, o complemento da brecha de xénero das pensións incrementarase un 10% adicional á revalorización anual nos próximos dous anos. Non podemos esquecer que a día hoxe a brecha, por razón de xénero, nas contías das pensións en Galicia acada o 34,5%.

En definitiva, un acordo moi satisfactorio. Comprometémonos en 2016 a derrogar a reforma de 2013 e o fixemos; conseguimos que as pensións se revaloricen conforme ao IPC, e, finalmente, conseguimos unha nova estrutura do sistema que garanta o incremento dos ingresos e, polo tanto, o seu futuro e equilibrio.

Podemos estar orgullosos cun acordo que avala o presente e futuro das nosas pensións sen recortar dereitos. @mundiario

Por primeira vez, garántese o presente e futuro das pensións sen recortar dereitos
Comentarios