Celébrase a I edición do Resis Festival de música contemporánea

Ensayo de la obra de Hugo Gómez-Chao, que inaugura el festival. / Resis Festival
Ensaio da obra de Hugo Gómez-Chao, que inaugura o festival. / Resis Festival

O festival ten como obxectivo sacar a música contemporánea dos seus espazos habituais e achegala a todo o público. Celebrarase do 2 ao 26 de maio na Coruña.

Celébrase a I edición do Resis Festival de música contemporánea

O Resis Festival é moito máis que un festival de música contemporánea. É un espazo de encontro, unha plataforma multidisciplinaria que une música, interpretación, poesía, vídeo e son, e que se celebrará na Coruña entre o 2 e o 26 de maio. O festival está creado e organizado por intérpretes e compositores do noso tempo, e as actividades son gratuítas e están pensadas para todo o público da cidade. “Hai moitos clixés ao redor da música contemporánea e o obxectivo deste festival é desmontalos. Queremos que estes eventos sirvan para que o público da Coruña poida explorar novas formas de son”, explica Hugo Gómez-Chao Porta, director artístico do festival.

Programa del festival. / Resis Festival

Programa do festival. / Resis Festival

O festival está composto por 8 eventos, entre eles concertos, conferencias, instalacións sonoras e intervencións audiovisuais. “A interdisciplinariedade é un punto moi importante do Resis. Durante o festival mesturaremos a música con outros elementos como o vídeo, a interpretación ou os recitais. Esta unión é algo moi propio da arte contemporánea e fai que o público poida vivir unha experiencia única”, aclara Ramón Otero, produtor do festival. Para achegar a música contemporánea ao público, o festival aposta por sacala dos seus espazos habituais e levala a espazos icónicos da cidade como son a Igrexa de Santiago, o acuario Finesterae, a casa museu Emilia Pardo Bazán ou o edificio da Audiencia Provincial da Coruña.

 

“A música é un fenómeno acústico e desenvolvese de forma distinta segundo o espazo onde soa. Nunha igrexa, por exemplo, a voz ten unha proxección diferente, mentres que ver un concerto nun acuario, cos peces de fondo, aporta unha conexión única co que se está escoitando”, xustifica o compositor Hugo Gómez-Chao Porta. O Resis contará con tres obras de música contemporánea que se escoitarán por primeira vez durante o festival, e que foron pensadas e adaptadas aos espazos onde serán interpretadas. @galiciamundiari

Comentarios