Buscar

Pretende Alcoa a intervención?

Interesa? É viábel económica, ecolóxica e socialmente? Existen outras alternativas de maior interese? Intervir implicaría afondar na descarbonización e modernizar unha planta vella e obsoleta? 
Pretende Alcoa a intervención?
O complexo de Alúmina-Aluminio en San Cibrao (Lugo), xunto a balsa de lodos de Alcoa. / Mundiario
O complexo de Alúmina-Aluminio en San Cibrao (Lugo), xunto a balsa de lodos de Alcoa. / Mundiario

Estamos comprobando que existe coincidencia entre traballadores, sindicatos, partidos políticos e a Xunta  para premer ao Goberno central para unha intervención temporal / definitiva en Alcoa. Aínda que a intervención / nacionalización fose legal, as preguntas que podemos facer son: Interesa? É viábel económica, ecolóxica e socialmente? Existen outras alternativas de maior interese? Intervir implicaría afondar na descarbonización e modernizar unha planta vella e obsoleta? Pódese coa intervención competir con China e  diminuír a  contaminación e o consumo de electricidade, auga...?

Apuntemos para clarificarnos so algúns argumentos extraídos do  “Informe Adega : 5 verdades e 5 mentiras sobre Alcoa. Na procura dunha solución integral para a Mariña” de xuño 2020:

1. Estratéxica?. O feito de ser a única factoría en activo que fabrica aluminio no Estado español non significa que esta sexa estratéxica para o futuro desenvolvemento industrial do país. Se non mudan os parámetros de fabricación do metal, se non moderniza as súa tecnoloxía, se non reduce o seu consumo enerxético que condiciona totalmente o sistema enerxético galego, se non é capaz de dar solución á problemática dos lodos vermellos, nin de garantir a descontaminación dos solos nin a seguridade da balsa, se non é competitiva globalmente, se non cotiza no país nin deixa máis beneficio que as rendas salariais, se tampouco ofrece garantías de mantemento dos postos de emprego, se non paga a súa débeda ecolóxica a pesar de estar recibindo permanentemente milleiros de euros de fondos públicos….., onde está o factor estratéxico?

2. Onde están as industrias de valor engadido?. Mentres en Lugo e Galiza cargamos cos custes sociais e ambientais da produción de alumina e de aluminio, as industrias transformadoras do metal instálanse  noutros lugares do Estado (Madrid, Tarragona, Logroño, Guadalaxara, Sevilla…). As industrias de aluminio secundario (reciclado) e as derivadas do aluminio teñen maiores perspectivas de futuro, son infinitamente menos contaminantes e consumidoras de enerxía que as industrias de produción de aluminio primario, e  xeran máis emprego e  rendas de capital que fican no territorio de asentamento. Aquí en Galiza poderían abastecer a demanda crecente de aluminio do mercado das latas (conservas, bebidas e alimentos) e mesmo exportar. No 2017, a empresa americana “Crown Holdings” cun investimento de 66 millóns crea unha planta de reciclaxe de aluminio en Sagunto con 112 postos de traballo é o aluminio reciclado tan só consume o 5% da enerxía que se emprega na fabricación do  aluminio primario. No 2018, a “Ball Beverage Packaging” instala unha nova fábrica en Guadalaxara (Cabanillas del Campo), cunha inversión inicial de máis de 100 millóns de euros e  122 empregos directos… Na actualidade estimase que o 30% da demanda mundial de aluminio é con material reciclado.

3. A contaminación?. O complexo de San Cibrao é dos complexos químico-industriais máis contaminantes de Galiza e dos que maior pegada teñen sobre o clima polas emisións e os enormes consumos de enerxía que demanda, indirectamente foi responsable de parte do impacto ambiental xerado pola térmica de As Pontes, a máis contaminante do Estado español.  Aluminio Español S.A.  de San Cibrao  é a cuarta maior emisora de dióxido de carbono, gas de efecto invernadoiro,  con 419.000 t no 2018 e Alumina Española S.A. é a terceira con 647.000 t.  Hoxe co peche de Meirama e o apagón de As Pontes pasan ao primeiro e segundo posto e serán das grandes emisoras tamén no Estado. Podemos preguntarnos: Serviría a intervención para facer delas industrias “verdes”? Pódese? Canto nos custaría?

Na etapa na que vivimos precisamos diversificación industrial, sustentábilidade, aforro enerxético, eficiencia no consumo de auga... unha industria sostible “sen contaminación” que aproveite, transforme e de valor os nosos recursos  e ademais cotice no país, o que non fan as actuais multinacionais. Alcoa é  outras (térmica de Meirama, As Pontes, Repsol, Ence...) buscaron facilidade para instalarse, gozaron de vantaxes e xugosas subvencións a fondo perdido (Alcoa con tarifas eléctricas privilexiadas). As multinacionais, traballaron aquí como en terreo conquistado aproveitándose de  mao de obra barata e materias primas e recursos, favorecidas constantemente por gobernos  benefactores. 

Hoxe os traballadores, cuxo futuro se atopa ameazado, son vítimas dunha política  e modelo industrial imposto, alleo e obsoleto e que durante moitos anos  xerou grandes beneficios a empresa multinacional (Aluminio Español facturaba no 2018 máis de 3.000 millóns de euros), esa empresa agora mantén  silencio total cando se fala de intervención. 

A Xunta con competencia en industria, permisiva sempre con Alcoa, aliase hoxe cos traballadores, sindicatos e partidos fronte ao Goberno central e pon riba da mesa a necesidade de  intervención. Quen  ía dicir que  a Xunta estaría por intervir ou nacionalizar unha empresa?. Queda a sospeita de que detrás da alternativa que defende a Xunta estará Alcoa. Interesaralle a intervención neste momento?. Si é así o Goberno galego tirando “balóns fora”  quizá espere que algún día a multinacional  pague este favor, e xa coñecemos como pagan as multinacionais. @mundiario