Preguntas a Formoso sobre a súa posición no caso de Ence

Valentín González Formoso. / PSdeG
Valentín González Formoso. / PSdeG

Está  o PSOE  interesado nun acordo  para un novo emprazamento de Ence? Que plan ten o PSdeG si di non renunciar a un novo emprazamento? / Análise da prórroga a Ence.

Preguntas a Formoso sobre a súa posición no caso de Ence

Aínda non coñecemos o texto da sentencia do Tribunal Supremo que bota por terra o artigo 32.1. da Lei de Costas 22/1988  que di “Unicamente se podrá permitir la ocupación  de dominio público marítimo-terrestre  para aquellas actividades o instalaciones  que, por su naturaleza, no puedan tener otra ubicación”. Será o caso de Ence?  Seguro que non, nin  no Estado, nin en Europa as celulosas están ocupando o dominio marítimo-terrestre, non precisan por natureza asentarse en tal localización, e moito menos no fondo dunha ría.

Será que Ence non  quere pagar o traslado? Outros lugares  cumpren  unhas condicións  adecuadas  para desenvolver o seu proxecto.  Sería idóneo  para instalacións industriais contaminantes como Ence gardar grandes distancias e afastarse de cidades e zonas densamente poboadas, a saúde humana e do ecosistema sairía ganando. Necesariamente afastarase das rías, e necesita dispoñer de sistemas de depuración de augas residuais modernos  que atrapen os metais, metais pesados e outros contaminantes – nitróxeno e fósforo en exceso por exemplo– antes do vertido a unha canle pública. Sempre podería contar con  auga e electricidade abundante e ter boas comunicacións e un porto para exportar, que temos moitos. Xa non digo ren da posibilidade de aproveitar outras especies de arbores – mesmo autóctonas– para fabricar celulosa o cal é posible como fan noutros países.

Pero, por suposto, non todos o vemos igual. O PSdeG PSOE por medio de Valentín González Formoso, o seu secretario xeral, ven de publicar un artigo sobre Ence que di: "Que toca agora? Pois mirar cara o futuro. Acatar  a resolución xudicial, aínda que os socialistas non renunciamos a que se poida chegar a un acordo coa empresa para un novo emprazamento, dende o PSdeG sempre defendemos que Ence tiña que estar en Pontevedra, pero fóra da ría."

Esta declaración de principios despois da resolución do Tribunal Supremo, vai a algún lado? Está  o PSOE  interesado nun acordo  para un novo emprazamento de Ence? Que plan ten o PSdeG si di non renunciar a un novo emprazamento? Estará detrás das declaracións  o Goberno central? Iniciará un proceso neste sentido?

La planta de Ence en Pontevedra y Valentín González Formoso. / Mundiario
A planta de Ence en Pontevedra e Valentín González Formoso. / Mundiario

Outra declaración apunta: “A Ence tócalle compartir coa cidade de Pontevedra, e coa sociedade galega, parte do seu beneficio”. Pregúntome como? Na actualidade aporta 6 millóns de Imposto de Sociedades en Madrid e 157.000 euros na Galiza,  cando a contribución tributaria directa e indirecta de Ence no 2021 en Galicia  foron 17,4 millóns de euros, en Asturias supera moito esta cifra e chega a 45,6 millóns. Podemos esperar algo máis de Ence?

Formoso di: "Os poderes públicos teñen que desenvolver un ambicioso programa de rexeneración e saneamento da ría”. Preguntámonos: vamos a pagar  con fondos públicos os custos sociais da produción de Ence,  son os poderes públicos os que teñen que pagar a rexeneración e saneamento da ría, onde están as esixencias medioambientais a empresa? Onde o principio de quen contamina, paga?

Pendentes do Supremo

O Tribunal Supremo xustifica a prorroga  en base a que “En el asunto analizado, constaban informes favorables de la Administración en esa materia” .

Que entendemos, que foi a Administración do PP a que informou favorablemente? Podemos entender que  PSOE non informou desfavorablemente?

O Tribunal Supremo terá que aclaralo, pero tampouco debe servir para impedir que se cumpla o artigo 32.1. da Lei de Costas: "Unicamente se podrá permitir la ocupación  de dominio público marítimo-terrestre  para aquellas actividades o instalaciones  que, por su naturaleza, no puedan tener otra ubicación”. @mundiario

Comentarios