De que é preciso formar un goberno mundial para que resulta común á Humanidade

Mapamundi.
A división en Estados non deixa de ser artificiosa

Os cataclismos en xeral, o vento, a auga, o mar -a Natureza- non distinguen fronteiras nin pertencen a un Estado concreto. O coronavirus, tampouco. E outras realidades como a pobreza, a fame e as migracións,-a vulneración dos dereitos humanos- son situacións merecentes dun goberno mundial que as elimine por sermos cada ser humano igual en dereitos aos demais.

 

De que é preciso formar un goberno mundial para que resulta común á Humanidade

Con algún retraso, pola miña patolóxica aversión aos bestsellers, estou a ler “Sapiens: de animais a deuses” (HARARI, Y. N; ed. Debate, 2015) que nos primeiros capítulos describe as ficcións argalladas polo homo sapiens e, entre outras, cita relixións ou Dereito. O autor sostén que a virtude destes homínidos ao producir tales invencións imaxinarias deulles fortaleza para sobreviviren fronte a outras especies, conquistaren o mundo e chegaren a considerarse deuses cando os avances científicos lles permitiron crear vida e saír do planeta.

O Dereito vén sendo unha ficción

E empregando a ficción do Dereito articularon ideas intanxibles, tamén volubles, como Estado, soberanía e fronteiras. Conceptos que hoxe, nestes días de andazo, quedan cuestionados e desdebuxados por esa peste que nos asola, que nin os coñece nin os respecta. Esta pandemia, aparte de traer morte, tamén chegou para que nos deramos conta de que eses ilusorios Estados, soberanías e fronteiras son só cambiantes trangalladas humanas alleas e discordantes coa Natureza. Vento e choiva, ríos e mares, bosques e árbores, animais, cataclismos, non distinguen eses conceptos imaxinarios inventados polo home; e, polo tanto, tampouco sabe deles o coronavirus, que burla raias artificiosas trazadas en mapas. E, ademais, como esas leiras ilusorias que son os Estados supoñen fragmentación e, polo tanto, debilidade, a Covid está a poñer en grave risco ao homo sapiens que, fachendoso el, pasaba por amo indiscutible do mundo.

O homo sapiens inventou un Deus que lle entregou a Terra

O dominio da Terra, segundo Harari, sempre foi asociado á destrución de especies, tanto de outros homínidos como de toda clase de animais. Eu non sabería dicir se a raza humana tivo desde o principio mala conciencia por iso. Seguramente de aí vén que buscase xustificacións para esa dominación sempre cruenta. A coartada máis coñecida para que o home viñese facendo o que lle petaba aparece no libro da Xénese: “E creou Deus ao home á súa imaxe, a imaxe de Deus creouno; varón e femia creounos e bendiciunos e díxolles: Dade froitos e multiplicádevos; enchede a terra e dominádea e sede donos dos peixes do mar, das aves dos ceos e de todas as bestas que se moven sobre a Terra”. Foi un xeito de lexitimar que, simulando mandato divino, o homo sapiens puidese acometer ata a destrución da Terra. Niso andaba, créndose xa deus, cando nestes días de pandemia comprobou que a Natureza reaccionaba contra o maltrato global coa potente Covid 19. Fronte a tal ataque, os Estados e demais leiriñas imaxinarias, encararon a loita actuando cada un dun xeito, ofrecendo así un campo propicio para o avance do virus. E agora, vista a fraxilidade da nosa especie e das ficcións que a fixeran vitoriosa, xurdiron o desconcerto e o medo.

Para sobrevivir como especie será necesario crear novas ficcións

O paradoxo de todo isto é que para adaptármonos á Natureza a única saída racional do homo sapiens será recuperar a súa potencia orixinal para planear unha nova ficción, conto, mito, fantasía, utopía, quimera, desas que nos deron vantaxes evolutivas. E estou por dicir, e digo, que non queda outra que seguir as propostas do profesor Luigi Ferrajoli (Florencia, 1940) e establecer unha Constitución mundial para axustar fábulas xurídicas como a dos Estados á realidade do mundo e implantar institucións supranacionais con poder efectivo nas cuestións comúns da Humanidade: pandemias, cambio climático, fame e pobreza, migracións, paz, dereitos humanos, auga, aire, educación, saúde. Un goberno mundial para o común. Pero como di Harari, esa vantaxe evolutiva de transformar ficcións e crer nelas como se existisen non será efectiva, poderosa, se non xurde da cooperación.

Comentarios