A enerxía, recurso público e galego
A enerxía eléctrica é un recurso público e, xa que logo, compre regulala ao abeiro do interese público.
Hai pouco máis dun mes advertía da enxurrada de proxectos que queren aproveitar as nosas óptimas condicións para a produción enerxética eólica sen respectar a lexislación ambiental nin de patrimonio cultural e sen compensar aos propietarios privados e comunais e aos concellos produtores. Advertía dun esquema colonial que quería facer de Galicia celeiro enerxético do Estado mesmo sen participar no desenvolvemento industrial do sector.
Voltamos tirar deste fío e tentamos albiscar o problema da enerxía na súa globalidade, produtiva e de consumo, xusto a poucos días de se implantar unha nova tarifa que penaliza nomeadamente ás familias, á hostalería e aos produtores leiteiros galegos, até con incrementos na factura dun 30%.
A enerxía eléctrica é un recurso esencial e un produto de primeira necesidade para a vida humana e económica. Xa que logo, o IVE ha de se reducir do 21% actual ao tipo máis baixo vixente doi 4%, como rexe en case toda Europa, mentres se suprime para evitar unha dupla imposición o seu Imposto especial.
Ademáis, a enerxía ha ser un recurso público, o que obrigará a que os operadores privados se subordinen ao interese público e abrirá a posibilidade real (non a obrigatoridade) de que a Xunta e as Administracións locais poidan desenvolver operadores enerxéticos públicos. E para o interese público é esencial reducir os custos do transporte, polo que o os territorios haberían tender á autosuficiencia enerxética, como defende a asociación galega de consumidores ACOUGA. O que obrigaría moito menos a deseñar macroparques eólicos terrestres e mariños e máis a aproveitar a optimización da teconoloxía nos últimos tempos e inzar Galicia e todo o Estado de placas para aproveitamentos fotovoltaicos e termosolares nos edificios públicos, naves industriais e establecementos comerciais e vivendas unifamiliares e comunitarias. Velaí o exemplo da recente instalación de máis de 650 kw en 11 naves industriais no Novo Milladoiro-Ames, polo Grupo Vagalume Enerxía e Santiago Sur.
E, na lóxica de fomentar a autosuficiencia enerxética e reducir substancialmente o transporte, que é un dos principais factores do encarecemento da factura eléctrica, cómpre un reprantexamento global tanto dos retornos que a produción enerxética ha de lle xerar a Galicia como país, aos seus concellos produtores e aos propietarios privados e comunais como na compensación tarifaria que os consumidores domésticos e empresariais galegos haberíamos desfrutar polos custos ambientais e económicos que padecemos por mor dunha sobreprodución enerxética destinada a outros territorios, nomeadamente á rexión madrileña, que consume enerxía a eito sen producila.
Enerxía pública e galega, porque o modelo actual é exemplo de depredación oligopólica e explotación colonial. @mundiario