O PPdeG segue sen ter rival trece meses despois dos comicios do 12-X

Alberto Núñez Feijóo, Ana Pontón y Gonzalo Caballero.
Alberto Núñez Feijóo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero.

Un ano despois, o contexto político galego estáncase pola dereita e pola esquerda; un feito este que, sen dúbida, beneficia ao PPdeG de Alberto Núñez Feijóo.

O PPdeG segue sen ter rival trece meses despois dos comicios do 12-X

O 12 de xullo de 2020 o PP de Galicia, ao obter 42/75 escanos, conseguía a oitava maioría absoluta na historia da Autonomía galega, así como a undécima vitoria consecutiva. En consecuencia este partido segue invicto cando hai eleccións ao Parlamento galego.

No artigo que publiquei en abril de 2020 titulado Cales son os factores do éxito electoral do PPdeG de Núñez Feijóo? explicaba a existencia de cinco causas externas (proximidade sociopolítica do PP á media ideolóxica centrista dos galegos, sucursalismo no PSdeG, radicalidade pola que é percibido o BNG por moitos cidadáns, liortas no seo da esquerda alternativa non nacionalista e ausencia dun PNV galego) máis trece causas internas como bases do éxito do actual partido gobernante en Galicia. Estas trece últimas resúmense en: éxito dalgunhas políticas públicas, ausencia de escándalos significativos desde 2013, excelente márketing político, certo distanciamento fronte ao bronco e dereitista PP xenovés, forte influencia na CRTVG e en xornais privados locais máis unha sólida implantación territorial.

A todos estes factores debemos engadir tres máis que influíron nos comicios de xullo de 2020 en favor dos conservadores: a boa valoración do labor de Feijóo na xestión da pandemia da Covid-19 pola maioría dos galegos; o medo que moitos cidadáns sentiron do non-nato decapartito (PSdeG-PSOE, BNG, Anova-IN, IU-EU, Podemos, confederación de Mareas locais, En Marea, PG, CxG e Equo); máis o voto perdido de GeC-Anova-Mareas, Marea Galeguista, Equo e PACMA en prexuízo da esquerda.

Trece meses despois o mapa demoscópico galego é practicamente o mesmo: a última enquisa publicada, elaborada por Sondaxe (xuño de 2021), outórgalle só dous escanos menos (40/75) aos populares.

En relación á análise factorial, en primeiro lugar, en agosto de 2021 xa non existen liortas no seo das Mareas (entre outras cousas porque En Marea xa non está inscrita no Rexistro de Partidos Políticos e porque todo ese conglomerado organizativo xa non traballa no Hórreo). Isto beneficia á esquerda.

En segundo lugar, do medo ao multipartito pasamos á desconfianza cara ao bipartito (BNG-PSOE); xa que, ao desaparecer institucionalmente as Confluencias, a composición parlamentaria galega é análoga á existente entre 1993 e 2012: PP, BNG e PSOE. En todo caso, que unha marca de esquerda alternativa estatal se presente en Galicia sempre vai resultar prexudicial para o bloque vermello: ben por dispersión do voto ou ben porque o PPdeG saque novamente a baza dunha hipotética Xunta caótica liderada por moitos partidos enfrontados entre si. Esta causa beneficia relativamente tamén aos partidos de ideoloxía socialista.

En terceiro lugar, o desgaste político do actual Bipartito estatal (PSOE-PSC e UP) no Goberno central nunca irá en prexuízo do centrodereita galego.

O resto de causas mantéñense intactas. Como vemos, a situación do verán de 2021 é moi parella á do ano pasado.

Un dos factores do éxito electoral de Feijóo que resulta máis decisivo negativamente para a oposición de esquerda é o estancamento electoral do PSdeG, o cal analicei no artigo Por que o PSdeG-PSOE fracasou electoralmente o 12 de xullo de 2020?. Lembremos que esta federación gañou en territorio galego nas Xerais do 28-A e nas europeas de 2019, e estivo a poucos votos de vencer nas locais de maio e nas Xerais do 10-N dese mesmo ano. En contraposición, o pasado 12 de xullo de 2020 o PSdeG-PSOE conseguiu 374.012 papeletas menos que os populares. Estes últimos lograron vinte e oito escanos máis: 42/75 vs 14/75.

Un ano despois os socialistas galegos seguen co mesmo líder e coa mesma estratexia. Por tanto, as súas perspectivas non son nada esperanzadoras para os de Caballero. Esta federación -incapaz de superar a barreira dos 300.000 sufraxios desde 2009-, co expresidente Touriño á fronte, chegou a obter 555.603 votos en 2005 (ano de maioría absoluta da esquerda en votos e escanos) e 524.488 apoios en 2009 (ano tamén de maioría absoluta da esquerda en votos, pero a un só escano dos máxicos 38/75).

Fago fincapé na crise do PSdeG, pois un despegue desta federación pode pór en serio perigo a hexemonía do PPdeG á fronte da Xunta de Galicia. Segundo algúns cálculos, e como expliquei nese último artigo, hai aproximadamente 130.000 socialistas moderados, actualmente na abstención, que en 2009 apoiaron ao PSdeG de Touriño e que non volveron escoller a papeleta socialista, pero tampouco a dos seus rivais á dereita e á esquerda. Por tanto, esa sería unha cuantiosa aportación ao bloque da esquerda. Neste sentido, a federación socialista galega debería preguntarse qué fai mal cando o PSOE en Galicia obtivo nas Xerais do 10-N un 31,59 % dos votos; mentres o PSdeG sacou un 19,39 % oito meses despois nas Autonómicas. O conxunto da esquerda galega debería tamén reflexionar por qué rozou o 55% (54,11%) dos votos nesas mesmas eleccións lexislativas estatais, pero por qué non alcanzou a barreira do 50% (47,33%) dos sufraxios nos últimos comicios autonómicos: -6,78 puntos de diferencia entre ambas convocatorias.

Boa parte do nacionalismo galego de esquerdas cre que a perda do poder do PP pasa pola existencia a nivel institucional dunha forza galeguista de centrodereita de ámbito propio. Efectivamente, danse condicionantes sociolóxicos (faltan os financeiros, organizativos e mediáticos) para unha nova reestruturación do sistema político galego na que apareza un novo partido desta índole e, por tanto, para que o PP perda a maioría absoluta por ese vía. Non obstante, o apoio a ese hipotético bloque azul manteríase igual ou mesmo crecería a costa de votantes moderados do PSdeG e BNG. E se unha forza galeguista de centrodereita apoiase á esquerda, autodestruiríase, tal e como sucedeu coa extinta Coalición Galega en 1989 (pasou de 11/71 a 2/75 parlamentarios tras cogobernar co PSdeG de Laxe durante dous anos).

En consecuencia, para que haxa un cambio ó 100 % pola esquerda a nivel autonómico, as forzas da oposición deberían analizar aquelas causas de índole interna que ocasionan constantes fracasos electorais. O caso do PSdeG ten unha importancia significativa ao ser a organización de ámbito vermello que conta cunha maior bolsa potencial de votantes. Neste sentido, se son capaces de revisar o seu programa político, se elixen a un líder que xere ilusión e se evitan toda forma de submisión ao sanchismo, recuperarán a moitos votantes sen xerar unha suma cero con outras forzas de esquerdas. Ademais, se o BNG mantén a inercia positiva xerada dende 2020 e se a marca electoral de UP para as galegas de 2024 pon de candidata a Yolanda Díaz (sempre que ela acepte tal reto e que non se desgaste como ministra no Goberno central), o PPdeG de Feijóo podería vivir a mesma situación que sufriu Fraga en 2005, ao perder de forma axustada a maioría absoluta (37/75 deputados). Paradoxos da vida, ambas situacións sucederían catro lexislaturas despois da recuperación do poder autonómico polos conservadores (1989-2005 e 2009-2024?). @mundiario

O PPdeG segue sen ter rival trece meses despois dos comicios do 12-X
Comentarios