O PPdeG é un partido con resortes de poder na súa propia base

Parque Natural Fragas do Eume. / Turismo de Galicia
Parque Natural Fragas do Eume. / Turismo de Galicia

Dispón dunha organización na que os conseguidores electorais xogan un papel importante.

O PPdeG é un partido con resortes de poder na súa propia base

Cento oitenta e dous concellos galegos teñen menos de cinco mil habitantes e é, neste ecosistema político, onde se mantén a perfecta estrutura electoral do PP. A clave de todo isto reside no chamado conseguidor electoral.

Que é un conseguidor electoral? Pois nin máis nin menos que un militante conservador moi activo, que serve de intermediario entre o poder político e o institucional, cos seus veciños.

Na nosa Galiza, no disperso e no rural, o conseguidor electoral é un delegado profesional do poder político que fai ben o seu traballo. Unha superación requintada e remuda daqueles alcaldes de barrio doutros lugares e tempos.

O conseguidor é un profesional nado da democratización do neo-caciquismo impulsado por Fraga, personaxe que coñeceu ben a nosa socioloxía, e a lei electoral galega.

O vello deputado provincial perpetuo  aínda persiste, pero sen este novo exército de conseguidores, que manteñen unidas as partes dun todo, non estarían operativos.

O conseguidor do PP nin esquece nin perdoa que as contas non saian na súa demarcación: "se che consigo isto, quero que me deas a cambio o teu apoio electoral e o de toda a túa familia". Esa é a linguaxe que se emprega, que non busca rodeos con eufemismos nin figuras retóricas, e, por se cabe algunha dúbida, adoita ir acompañada dunha advertencia: “Así como podo resolver o teu problema, tamén podo romper o trato se non cómpres”.

A obtención dunha consulta ou intervención médica no Sergas, conseguir axiña unha praza nunha residencia pública de maiores, unha recomendación de emprego nunha empresa privada amiga, unha xestión administrativa na Xunta, etc., son máis frecuentes  do que se cre. Quen o resolve, é moi apreciado e pagado con votos que teñen mais valor segundo o número de familiares da unidade familiar.

A metade dos núcleos de España

Contamos cuns 30.000 núcleos de poboación, máis ou menos a metade de todos os de España, e uns milleiros de conseguidores do PP mobilizados sobre todo en períodos electorais, datas nas que son frecuentes os xantares  de confraternidade.

Neses simposios gastronómicos, ponse ao día todo o relacionado coa súa especialidade, dende os logros electorais obtidos, ate os avisos e correccións sobre algunhas desviacións políticas detectadas nalgúns lugares en familias con dúbidas electorais.

A capacidade de conexión dos conseguidores ou gardas do convento político cos seus xefes, ben dende os consistorios, ben desde os departamentos da Xunta, está perfectamente deseñada, coordinada e estruturada no territorio.

Ai do alcalde, concelleiro, deputado ou director xeral do PP que non se esmeren en tratar de resolver unha petición dun conseguidor, ou polo menos, en explicar moi ben calquera negativa.

No resto de formacións políticas tamén hai conseguidores nestes territorios, pero son en xeral afeccionados ideolóxicos menos organizados, que  contan con poucos medios para reforzar o seu traballo.

O PP volverá gañar, ata que a demografía destes concellos sexa irrelevante, e a Galicia entón baleirada, resolva o problema do control social.

Daquela, cambiarase a lei, porque xa se sabe que "se a m... tivese valor, os pobres nacerían sen cu". @mundiario

Comentarios