PPdeG: A decisión de Feijóo foi coherente

Miguel Tellado, secretario xeral do Partido Popular de Galicia. / CRTVG
Miguel Tellado, secretario xeral do Partido Popular de Galicia. / CRTVG

O secretario xeral dos populares galegos tamén se referiu ao Goberno de Pedro Sánchez, afirmando que “pasará a historia como o máis débil e  propagandístico”.

PPdeG: A decisión de Feijóo foi coherente

Miguel Tellado, secretario xeral do Partido Popular de Galicia, foi entrevistado esta mañá no Bos Días da Televisión de Galicia. A entrevista xirou arredor da decisión do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de cumprir a lexislatura e non loitar polo liderado do PP nacional   

Tellado declarou que Feijóo “tomou a decisión correcta, a que máis nos satisfai aos populares galegos, cumprir o seu compromiso con Galicia, que sempre foi a súa prioridade”. O secretario xeral do PPdeG destacou que Feijóo tivo coherencia e quixo cumprir os seus compromisos “e a palabra dada, algo que parece ser noticia nestes momentos” e resaltou que non renunciou a facer política nacional, senón que a fará dende Galicia.

Sobre o congreso de finais de xullo, en que o Partido Popular elixirá o seu líder, Tellado salientou que “é a gran oportunidade para renovarse e reconectar coa maioría social”. Ademais, recoñeceu que será a primeira vez que a militancia elixa o presidente do partido e que no Partido Popular non sobra ninguén, “cómpre sumar esforzos”.

O secretario xeral dos populares galegos tamén se referiu ao Goberno de Pedro Sánchez, afirmando que “pasará a historia como o máis débil e propagandístico”. Tellado manifestou que rematar a lexislatura non depende do PSOE posto que Sánchez é un refén de Podemos, Bildu e os partidos separatistas cataláns e que “é lastimoso ver os socialistas claudicando e cedendo a chantaxes”.

Con respecto das reaccións da oposición sobre a decisión de Feijóo, afirmou que están “escocidos, xa que eran eles os que pensaron que Feijóo marchaba para Madrid e agora quedaron descolocados”. @galiciamundiari

Comentarios